O Sindicato Labrego pide unha liña inmediata de axudas por vaca nodriza e a potenciación da venda directa

Reclama a diferenciación clara no mercado da carne criada en extensivo con respecto á que procede dos cebadeiros para evitar o engano ao consumidor

Concentración este luns diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo convocada polo SLG

Concentración este luns diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo convocada polo SLG

Arredor dun cento de gandeiras e gandeiros do sector vacún de carne acudiron este xoves á concentración convocada polo Sindicato Labrego Galego en Lugo para demandar un apoio real por parte da Consellaría do Medio Rural ante a difícil situación polo que están a atravesar os produtores ante os baixos prezos e o encarecemento dos custos de produción. 

“Este sector é un dos máis importantes do rural en Galicia, contando aínda a día de hoxe con máis de 19.000 granxas, na maioría dos casos familiares, que contribúen de xeito directo a fixar poboación, coidar o territorio e xerar emprego e riqueza”, defende o SLG, que advirte que “de non existir solucións reais a curto prazo, moitas destas granxas veranse obrigadas a pechar”.

O SLG esixe á Xunta unha liña de axudas inmediata que free o peche de granxas por mor do aumento de custos e os baixos prezos

As medidas a activar, a xuízo do sindicato agrario, pasarían pola convocatoria “inmediata” por parte da Xunta de Galicia dunha liña de axuda baseada no número de vacas nutrices de cada granxa, que permita compensar as perdas que están sufrindo coa subida dos últimos meses nos insumos, no gasóleo agrícola ou na luz, así como “crear métodos sinxelos e accesibles para as granxas para o cálculo dos custos de produción” e que logo eses cálculos se trasladen ao prezo de venda da carne en orixe, garantindo que non se poida mercar por debaixo deses custos de produción.

A Ley de la Cadena Alimentaria que se vén de aprobar non aporta solucións reais

“A Ley de la Cadea Alimentaria que se vén de aprobar non aporta solucións reais para que isto non siga ocorrendo e as gandeiras e gandeiros seguimos sen estar dotados de mecanismos reais que permitan a nosa subsistencia”, afirman os produtores afiliados ao SLG. 

Rede de matadoiros comarcais

Os produtores concentrados diante da Xunta criticaron que “dende o Partido Popular de Galicia sempre se amosaron máis proclives a apoiar proxectos agroindustriais que contaminan e aceleran o despoboamento rural, que unha actividade intrínseca da nosa cultura económica como é a cría de vacún de carne en extensivo”, sosteñen.

Do mesmo xeito, defenderon a creación dunha normativa hixiénico sanitaria que permita dun xeito sinxelo acceder ás granxas a realizar venda directa, e a creación dunha rede de matadoiros comarcais para dotar de valor engadido as granxas.

É preciso crear os mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do noso produto fronte a alimentos criados dentro dun modelo intensivo

“É preciso crear os mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do noso produto fronte a alimentos criados dentro dun modelo intensivo, como poden ser os cebadeiros, e que esta diferenciación sexa perceptible dun xeito claro para as persoas consumidoras”, pediron, pois consideran que a actual diferenciación que hai no mercado entre a carne de Ternera Gallega Suprema -a de granxas con vacas nutrices- e a de Ternera Gallega -cebadeiros- non é suficiente.

Finalmente, desde o SLG demandan que a Xunta cubra “o 100% dos danos que provoca a fauna silvestre, asumindo a responsabilidade civil subsidiaria e o lucro cesante por parte da Administración”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información