O Sindicato Labrego denuncia prácticas abusivas por parte de matadoiros e operadores cas ganderías de vacún de carne

Advirten de que “matadoiros e operadores están obrigando a asinar contratos con prezos por embaixo de custos incluíndo textos que din o contrario”

O Sindicato Labrego denuncia prácticas abusivas por parte de matadoiros e operadores cas ganderías de vacún de carne

O Sindicato Labrego denuncia o incumprimento do Protocolo da Cadea de Subministro para as Explotacións de Vacún de Carne adheridas á IXP Ternera Gallega, asinado o pasado 28 de marzo pola Consellaría do Medio Rural (CMR), matadoiros, distribución e outras organizacións de produtores e agrarias.

En concreto, advirten de que “a día de hoxe, os matadoiros e operadores, actores nesta posta en escena da Consellería, cómodos ca deixadez de control e abandono de responsabilidades da Administración pública, non só desbotan absolutamente ter en conta estes custos de produción -estimados en 6,20 euros o kilo por un estudo encargado pola Xunta- e seguen pagando por embaixo dos mesmos, senón que algúns deles afondan inda máis nos seus abusos obrigando ás granxas a asinar contratos para poder sacar os tenreiros que recollen que o prezo que se lles está pagar “incluye los costes efectivos de producción determinados por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación”.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas alertan de que “é alarmante este tipo de prácticas de coacción e entendemos que este documento nin tan sequera se axusta á lei, xa que actualmente dende o Ministerio de Agricultura non existe ningún estudo de custos de produción, nin fixados parámetros para o seu cálculo”.

Ante estas situación, instan tanto á Consellería de Medio Rural como ao Ministerio de Agricultura “á apertura urxente dunha inspección que aclare como se están a realizar estes contratos e, de confirmarse que non se axustan á legalidade, que actúen de xeito inmediato a través da imposición de sancións”.

Engaden que “na maior parte dos mesmos, ademais, o prezo fixado é moito máis baixo que o marcado na mesa da IXP Terneira Galega, o que fai xa totalmente insostible a situación das granxas de vacún de carne, que a maiores dos problemas xa existentes agora teñen que sumarlle a perda total de autonomía para negociar polo seu produto”.

Por último, dende o SLG-CCLL reiteran á Consellaría do Medio Rural que, “se é certo que pretende facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e non é só unha estratexia para distraer a atención mentras continúa deixando esmorecer o sector, cree de xeito inmediato mecanismos reais para o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e sancione coas medidas contempladas na mesma a aqueles axentes que estean a incumplir as normas establecidas, nomeadamente a imposición de venda por embaixo de custos de produción”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información