O servizo de matadoiro móbil da Xunta poderá solicitarse dende o 15 deste mes

O servizo de matadoiro móbil da Xunta poderá solicitarse dende o 15 deste mes

Vista interior do matadoiro móbil posto en marcha pola Xunta. Foto: Arquivo

Os gandeiros interesados en facer uso do servizo do matadoiro móbil de gando ovino, cabrún e porcino posto en marcha pola Xunta poderán solicitalo a partir do vindeiro luns día 15 deste mes de xaneiro. Para encargar esta prestación, deberán chamar ao número de teléfono 982 251 201, que estará operativo a partir desa data.

Tendo en conta esas demandas, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais.

Segundo o cronograma de traballo, o matadoiro estará plenamente operativo a partir do vindeiro día 19 de xaneiro. Nas próximas dúas semanas completarase a actual etapa de formación do persoal e de axustes técnicos, necesaria para a súa posta en marcha, e levaranse a cabo as primeiras probas en explotacións.

O matadoiro facilitará o sacrificio de ovellas, cabras e porcos -neste caso especialmente das explotacións de porco celta-, nesas zonas afastadas ou de montaña, optimizando así a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal.

Os prezos do servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

matadoiro mobil xunta 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información