Son as 9 da mañá e Miguel Prieto arrinca o seu camión na planta de Leche Río no Ceao. “Non madrugo máis porque nas granxas en moitos casos aínda están acabando de muxir a esta hora”, explica. É recolledor de leite ou, como el prefire chamarse, “leiteiro”, e forma parte da cadea que fai chegar o produto desde as ganderías ás casas dos consumidores.
A súa misión resulta fundamental para que o leite que moxen nas explotacións chegue en óptimas condicións ás plantas de envasado e, dende aí, aos liñais dos supermercados. “Isto non é unha profesión de chófer, isto é unha cousa diferente, un pouco máis técnica, aínda que require un permiso profesional para condución dun vehículo pesado, pero non é só un traballo de camioneiro. De feito, a nós todo o mundo nos chama o leiteiro, ninguén di vén aí o condutor, nin o chófer nin o camioneiro”, aclara.
Isto non é unha profesión de chófer, é algo máis técnico do que é propiamente conducir un camión
A tecnoloxía avanzou moito nos últimos anos tamén nas cisternas de recollida, que hoxe son máis grandes e están dotadas de sistema de última xeración que garanten a trazabilidade absoluta da materia prima. “Os equipos que levamos identifican ao gandeiro por GPS e están dotados dunha unidade de laboratorio integrada para a toma de mostras que vai analizando o leite a medida que se carga no camión. Eses controis son unha garantía tanto para o consumidor final como para o propio gandeiro, que cobra o leite en función das súas calidades”, detalla Miguel.
Coma todos os días a primeira parada da súa ruta é na SAT Crexal, de Lagoa. É unha das explotacións máis grandes da zona e está nun concello, o da Pastoriza, que tamén é dos principais produtores de leite de Galicia e do conxunto do Estado. Esta gandería, formada por 6 socios, creouse no 2012 e desde fai 2 anos entrega a Leyma, formando parte de máis dun cento de explotacións galegas certificadas como Leyma Natura que subministran á planta de Arteixo.
Mantendo as medidas de seguridade e distancia que requiren estes tempos de pandemia sanitaria, Miguel saúda nada máis chegar a Diógenes, un dos socios de Crexal. Desde o mes de marzo as ganderías de leite continuaron traballando, con precaucións redobradas para evitar riscos de contaxio, e os recolledores tamén, tratando de evitar os contactos cos traballadores e o persoal das explotacións. “Tanto eles coma nós formamos parte dun sector que se demostrou esencial para garantir o abastecemento da poboación e non podemos fallar”, argumenta Miguel.
Toma de mostras diariamente
A súa rutina de traballo inclúe a toma de mostras en cada unha das ganderías á que vai. Miguel recibiu formación específica para isto, pero hoxe é xa un proceso que é realizado de xeito automático polo propio equipo que o camión leva integrado. “O equipo vai sacando unha mostra proporcional á cantidade de leite que vai pasando e descartando os primeiros litros, por se quedasen algúns restos de auga no circuito que puidesen alterar a mostra do gandeiro”, explica. As mostras, conservadas nunha neveira no interior da cabina do camión para que en ningún momento pasen dos 7ºC de temperatura, son enviadas ao Ligal, a entidade pública independente de referencia para as análises oficiais do leite en Galicia.
Os equipos que levamos identifican ao gandeiro por GPS e están dotados dunha unidade de laboratorio integrada para a toma de mostras
Unha vez que a unidade de análise do camión comproba o estado óptimo do produto iníciase o proceso de carga. O tempo que lle leva varía en función da produción da granxa, neste caso, con 400 vacas en muxidura, Crexal entrega uns 14.000 litros diarios. A recollida nesta explotación ten lugar todos os días a primeira hora da mañá, unha vez acaban de muxir, co que se garante a máxima frescura do leite. Contan cunha sala rotatoria, máis operativa para grandes volumes de animais, que comeza a funcionar ás 7 da mañá e ás 6 e media da tarde e antes de pasar o leite ao tanque dispoñen dun sistema de enfriamento previo mediante placas que fai que o leite pase dos 30ºC cos que sae da sala de muxido a 8ºC, a temperatura á que entra no tanque. “Iso fai que as condicións do leite no tanque sexan sempre estables e non superen nunca os 8ºC, o que supón unha garantía de calidade hixiénico-sanitaria para o leite. Cando nós o recepcionamos debe estar sempre por baixo dos 6ºC”, conta Miguel.
Confianza mutua
Cando finaliza o trasvase do tanque da explotación ao camión Miguel recolle o recibo do número de litros cargados, desengancha a mangueira e pon en marcha de novo o camión cara á seguinte das granxas. A despedida é un “até mañá” e ese “até mañá” acaba creando un vínculo de confianza entre o gandeiro e o recolledor. “Vémonos case todos os días do ano, agás as xornadas que nos toca descansar, e, en certa medida e por dicilo dalgunha maneira, eres a persoa que lles traes os cartos á casa, así que os gandeiros sempre te reciben moi ben, aparte de que, para min, a xente no rural xa de por si é moito máis natural, máis amable e máis cercana que a das cidades. Ese trato persoal coa xente é o que máis me gusta deste traballo”, di.
Eu tamén fun gandeiro e entendo ben os problemas e as preocupacións dos gandeiros aos que lles recollo o leite
De camiño á seguinte explotación da ruta de hoxe, SAT Chao Iglesia, do Arneiro, xa no municipio de Cospeito, Miguel cóntanos que se entende ben con todos os gandeiros porque aínda se considera un deles. “Eu son de Marei, no Corgo, e na miña casa había explotación, así que coñezo as vacas desde pequeno. Teño 49 anos e teño muxido á man antes de haber a muxidora, así que eu tamén son gandeiro e entendo ben os problemas e as preocupacións dos gandeiros aos que lles recollo”, conta.
Sempre vinculado ao sector, Miguel traballou durante anos levando leite envasado de Galicia a distintos puntos da xeografía española pero fai tres anos cambiou a ruta nacional polo camión cisterna para recoller a materia prima nas explotacións e está contento co cambio, aínda que o obrigue a traballar máis días. “Un día fago unha ruta soa, con catro granxas, e ao día seguinte fago dúas rutas, unha pola mañá e outra pola tarde, con recollida en 7 explotacións”, detalla.
Leite producido no día e envasado no día
O feito de visitar a diario distintas explotacións permítelle a Miguel afirmar que “o nivel de profesionalización dos produtores hoxe é moi alto, o sector modernizouse moito nos últimos anos e en Galicia hoxe podemos competir con calquera outra zona de Europa producindo leite”, asegura. “Hoxe con 4 granxas somos capaces de encher o camión, que ten capacidade para 26.500 litros, hai uns anos teriamos que ir a 20 granxas para logralo”, exemplifica.
O sector profesionalizouse moito. Hoxe con 4 granxas somos capaces de encher o camión, que ten capacidade para 26.500 litros, hai uns anos teriamos que ir a 20 granxas para logralo
Á chegada ao Arneiro repítese a rutina, coa toma de mostras tanto de calidade do leite como de condicións hixiénico-sanitarias, nas dúas ganderías nas que se produce alí a recollida: SAT Chao Iglesia e Lar de Gracoza SC, dúas explotacións familiares de menor tamaño que Crexal. O camión está dotado de tres compartimentos, o que lle permite separar o leite en función da súa procedencia. Miguel chega e fai o seu traballo de xeito independente, pero ao marchar encóntrase con Juan e María del Mar, titulares da granxa xunto ao seu fillo, que tamén se chama Juan. De novo hai familiaridade na conversa. “Ás veces non nos vemos porque os gandeiros non están pendentes de min e moitas veces cando eu chego eles non están porque están traballando”, explica Miguel.
Do Arneiro o camión vai a Veiga de Pumar, a recoller na última das explotacións de hoxe, Cadenas Irimia, antes de iniciar a viaxe cara a planta de Arteixo, onde se produce a descarga do leite. É case a unha da tarde e nunha hora o leite estará na fábrica para ser envasado. “Máis fresco imposible, o leite que muxiron pola mañá cedo os gandeiros é recollido e transportado antes do mediodía. É importante que o consumidor saiba isto. Pode ter total confianza en que o leite é un dos produtos de máis calidade e que está sometido a máis controis”, asegura.
“É importante que o leite de Galicia se transforme en Galicia para crear os postos de traballo aquí”
Coa chegada do leite á planta de Leyma en Arteixo séguense tamén uns protocolos moi estritos. “O primeiro que facemos é pasar pola báscula para pesar o camión e saber a carga que traemos, logo facemos unha cata de cada unha das cubas e sométese a análise no laboratorio e unha vez que temos o OK do laboratorio autorízase a descarga”, explica Miguel. Esta nova analítica ten a finalidade de comprobar que en cada parte do proceso a calidade do leite non variou nin sufriu modificación algunha, neste caso, como consecuencia do seu transporte, e garantir que os parámetros son os mesmos que cando se recolleu o leite na explotación.
Para evitar que se retrase o proceso mentras se agarda o resultado das analíticas, na planta hai dúas liñas para poder facer a recepción de dous camións de leite ao mesmo tempo. Leyma móvese neste momento nuns 120.000 litros de recollida diaria do total de 800.000 litros de media que cada día procesa o Grupo Leche Río no seu conxunto e Miguel pon énfase en destacar a importancia de que “o leite que se produce en Galicia se transforme en Galicia, para deste xeito crear a riqueza e os postos de traballo aquí”, defende.
Miguel fala coa naturalidade que o levou a protagonizar a última campaña de Leyma, baixo o lema ´Xente Auténtica´
Desde o ano 2005, no que Leche Río adquiriu a factoría a Puleva, produciuse un proceso de modernización continua da planta, que no último ano incluíu un novo formato para os bricks e unha nova enchedora automática, que foi instalada esta primavera, con capacidade para 12.000 litros á hora. Cando Miguel acaba de descargar procede ao lavado das cubas para comezar de novo ao día seguinte a súa “rutina” de explotación en explotación.