A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Queremos medrar sobre a base do terreo que poidamos conseguir para manter o pastoreo”

Lorena Cives é unha gandeira deTruitín, en Dumbría, que está a construír un establo novo co que aumentar a produción e facer o traballo de xeito máis doado. Leva a explotación ela soa e protagoniza a nova campaña de Leyma

O camiño da igualdade, que avanza en distintos ámbitos da sociedade, tamén se percorre no rural. Cada vez son máis os exemplos de mulleres á fronte das explotacións, levando o día a día das granxas, atendendo os animais ou facendo as labores agrícolas. Lorena Cives é unha delas. Atende ela soa unha gandería de leite en pastoreo en Truitín, no concello de Dumbría, e pon cara á nova campaña de Leyma, a empesa que lle recolle o leite.

“Os meus pais levaban toda a vida neste sector e agora collín eu o relevo. Estudei administrativo pero decidín apostar pola gandería e seguir coa explotación familiar mantendo un manexo semellante ao que facían os meus pais pero modernizando o xeito de traballar e aplicando novas técnicas. Era unha verdadeira paixón a que tiñan os meus pais polo gando e de forma persoal a min tamén me gustan moito os animais e a vida no rural”, conta Lorena.

Estudei administrativo pero decidín apostar pola gandería e seguir coa explotación familiar porque me gusta a vida no rural

Esa paixón polo coidado do gando que Lorena herdou dos seus pais, Maximino e Inocencia, fai que o benestar dos animais sexa a primeira prioridade nesta explotación e, xunto ao pastoreo, o segundo dos piares desta gandería, as dúas claves fundamentais da maneira de entender a produción de leite nesta granxa da provincia da Coruña.

Valorizar o leite cun produto diferenciado

“Entrei no proxecto de Leyma Natura no 2013”, conta satisfeita Lorena, consciente de que pertencer ao selecto grupo de explotacións que contan co selo de Gandería Sotible e Leite Galego 100%, aos que se sumou tamén recentemente o de Galicia Calidade, é un recoñecemento á súa maneira de traballar e de entender a produción láctea nun lugar con abundante pasto como é o territorio galego. “Para min, aparte do beneficio económico, estar en Leyma Natura é unha maneira de valorizar máis o leite facendo un produto diferenciado”, defende.

Para min é un orgullo que a empresa que me recolle o leite recoñeza con esta campaña o traballo dos pequenos gandeiros coma min

Desde hai unhas semanas a súa imaxe pon cara ao máis dun cento de ganderías galegas que coma ela subministran a unha das marcas de referencia do Grupo Leche Río. Lorena, que protagoniza a nova campaña de Leyma, que baixo o eslogan Xente Auténtica amosa a persoas reais que participan no proceso de produción e transporte do leite, di que para ela “é un orgullo” que a empresa que lle recolle o leite recoñeza con esta campaña “o traballo dos pequenos gandeiros”.

Benestar animal

Lorena Cives pastoreo4A de Lorena é o prototipo de explotación que entrega a Leyma na provincia da Coruña, unha explotación familiar de tamaño medio que mima moito aos seus animais, cun coidado case individualizado.

“Aquí temos unha relación moi estreita cos animais. A explotación está certificada co certificado de benestar animal e procuramos sempre ir mellorando todo o que podamos nese sentido, ese é un dos pilares fundamentais nesta gandería”, asegura.

Aquí temos unha relación moi estreita coa animais, procuramos estar moi pendentes deles para ver que necesitan en cada momento

“O coidado dos animais é algo case persoal para min, dedícolles moitísimas horas e procuro estar sempre pendente delas para ver que necesitan en cada momento. Pero todo o que lles aportas ás vacas nese sentido tamén cho devolven en litros de leite”, razoa.

Sen exprimir as vacas

A produción media varía en función da época do ano pero acostuma oscilar entre os 30 e os 34 litros dependendo da época do ano. “Procuramos non estar nunca por debaixo dos 30 litros e de aí para arriba o que poidas conseguir. Nunha explotación como a nosa dependes moito do pasto e da estación do ano”, explica.

En canto a calidades, aproxímase a 4% de graxa e ao 3,40% de proteína nesta época, con rexistros de células somáticas por debaixo das 150.000. O material de recheo empregado na cama das vacas está composto por un 80% de serrín e un 20% de carbonato cálcico. “As camas arreglámolas todos os días e dúas veces na semana, os mércores e os sábados, engadimos material novo”, conta Lorena.

Procuramos non baixar dos 30 litros de media, pero non forzamos as vacas nas lactacións porque preferimos que nos duren máis tempo aínda que dean algún litro menos

O rabaño desta granxa destaca pola súa boa saúde e a ausencia de problemas e enfermidades, o que se reflicte na súa durabilidade. “A lonxevidade na nosa explotación está dos 10 anos para riba, son animais que duran moitos anos e ten que ver con que non exprimimos aos animais, preferimos algún litro menos e máis anos. A nós sáenos caro criar unha becerra de recría, polo que preferimos non forzar as vacas durante as lactacións, buscamos máis tempo en anos no establo e menos litros”, explica Lorena.

Aposta polo pastoreo

As vacas desta gandería están a meirande parte do tempo na pradeira e acoden ao establo dúas veces ao día para muxírense

As vacas están a meirande parte do tempo na pradeira e acoden ao establo dúas veces ao día para muxírense

Extender a produción vitalicia dos animais permítelles reducir considerablemente as necesidades de recría e a taxa de reemprazo. “A recría facémola nós e aínda que non dispoñemos de moito sitio no establo tampouco é que precisemos moita recría. Insemino eu mesma e o que fago é seleccionar aquelas vacas que me interesan para continuar a súa liña xenética a través do uso de seme sexado”, detalla.

Outro dos signos distintivos desta explotación é o feito de basear todo o ano a súa alimentación no pastoreo. “Neste momento temos en produción unhas 40 vacas. Muxímolas dúas veces ao día. Pola mañá empezamos ás 7 e unha vez que se acaban de muxir saen ao pasto e están no prado ata as 6 e media da tarde, que é cando volven a entrar para muxírense de novo. Esa é un pouco a nosa rutina de todos os días”, describe.

Manteñen un sistema de produción centrado no pastoreo e vinculado á superficie agraria dispoñible na zona

“O manexo actual que facemos do pasto é sinxelo, simplemente levamos a cabo unha rotación de parcelas en función do pasto que haxa en cada unha nese momento e tratamos de evitar o sobrepastoreo, preferimos eliminar despois os restos de herba que queden sen pacer”, indica Lorena.

Lorena Cives Ozón, coas vacas da súa gandería, en Truitín (Dumbría). FOTOS: Óscar Vázquez

Sustentabilidade

Para o control das malas herbas nas pradeiras apostan pola súa eliminación á man nas fases iniciais de crecemento para non deixar que se reproduzan e deste xeito minimizar o uso de herbicidas e sulfatos, da mesma maneira que tratan de reducir no posible a utilización de abonos de síntese química.

Buscamos variedades na herba que lles aporten moitos nutrintes ás vacas e iso permítenos ao mesmo tempo usar abonos menos nitroxenados e aforrar custos

“Buscamos variedades na herba que lles aporten moitos nutrintes ás vacas e iso permítenos ao mesmo tempo usar abonos menos nitroxenados e aforrar custos”, defende Lorena. “O pastoreo é unha forma de coidar os ecosistemas porque supón menos contaminacións, menos uso de produtos fitosanitarios e menos explotación e erosión do solo, ademais de que os animais están no seu hábitat natural, gozando dos beneficios de estar ao aire libre”, engade. 

O pastoreo contribúe a coidar os ecosistemas, a manter abertos os camiños e a previr os incendios forestais

Pero máis alá dos beneficios para os animais, están tamén os efectos positivos sobre o entorno. “Ao saíren as vacas a pacer todos os días ás fincas situadas na periferia das aldeas, próximas ao monte, fréase o avance da vexetación espontánea e de especies arbóreas, o que contribúe a prevír os incendios forestais; mantéñense en activo os camiños, sobre todo en zonas onde non hai concentración parcelaria, que acabarían por pecharse se non fose polo paso do gando e da maquinaria; e tamén se evita o acercamento da fauna salvaxe, como lobos ou xabaríns, ás casas e que poden producir danos importantes nas explotacións”, argumenta. 

As vacas de Lorena camiñan arredor dun quilómetro ou quilómetro e medio diario porque non sempre están a carón do establo. “É traballoso ter que ir buscalas ou levalas pero non o cambiariamos por nada, co tema do pastoreo estamos moi contentos”, conclúe.

Un modelo de produción apegado á terra

Lorena Cives cans“A miña é unha granxa moi vinculada ao territorio”, di Lorena. “As vacas, a excepción dos días nos que chove moito, están sempre fóra no pasto e logo suplementámolas no establo cunha ración unifeed, que facemos nós mesmos coas forraxes que recollemos e ensilamos na propia explotación, procurando traballar sempre con mesturas baseadas sobre todo en silo de herba e con pouco concentrado”, explica.

“Dispoñemos de entre 35 e 40 hectáreas de terreo, témolas case todas a pradeira agás unhas 8 ou 10 hectáreas nas que botamos millo”, detalla. Da maioría dos traballos de campo encárgase ela mesma coa maquinaria da propia gandeiría e tan só encarga a empresas externas de servizos agrícolas a sementeira e a recollida do millo. Para elaborar a ración diaria, por exemplo, conta con carro mesturador propio para deste xeito ter un maior control da alimentación do gando.

Procuramos traballar sempre con mesturas baseadas no silo de herba e con pouco concentrado, sen pasar nunca dos 18 ou 19 quilos de silo de millo e, como moito, 6 quilos de penso por vaca e día

A ración en pesebre vai variando ao longo do ano para adaptarse á cantidade e calidade do pasto dispoñible en cada momento. “Dependendo do pasto e da estación do ano a ración vaise amoldando, porque en función da materia seca do pasto aportas despois a maiores unha cousa ou outra”, indica.

Neste momento a ración que se sirve ás vacas en produción está formada por 20 quilos de silo de herba, 18 de silo de millo e 6 de penso. “Procuramos non pasar dos 18-19 quilos de silo de millo e dos 6 quilos de penso como moito na ración. Ás vacas recén paridas o que facemos despois é puntearlles á man algo de concentrado a maiores nos primeiros días porque tes que aportarlles máis nutrintes para que arrinquen ben na lactación”, comenta.

Plans de futuro

Lorena xunto á nova nave que está a construír

Lorena xunto á nova nave que está a construír

Lorena ten previsto incrementar a súa produción, animada pola garantía de recollida e o prezo do leite que Leyma lle ofrece, que neste momento, grazas ás primas por calidade e benestar, se sitúa por enriba do que cobran de media a maioría de explotacións galegas.

“Os plans de futuro pasan pola ampliación do establo para ir aumentando o número de animais en produción pero sempre sobre a base do terreo que poidamos conseguir”, aclara. “Quero formarme un pouco máis en novas técnicas e manexo do gando en pastoreo e tamén complementar a granxa con algo máis, aínda que mantendo a produción de leite como a actividade principal. Pero vexo importante non depender só dun produto e poder diversificar dalgún xeito. En Europa iso lévase moito, de feito noutros países é raro atopar unha explotación que produza só leite”, compara.

Vexo importante diversificar para non depender só dun produto. En Europa iso lévase moito e é raro ver unha explotación que só produza leite

O novo establo, de estrutura metálica en forma de invernadoiro, terá capacidade para entre 50 e 60 animais en lactación. Conta que as novas instalacións estean listas para o vindeiro ano e ademais de permitirlle aumentar o número de vacas que moxe na actualidade, tamén lle posibilitará facer o traballo de xeito máis cómodo e doado.

“A explotación aténdoa eu soa, encárgome eu de todo, aínda que os meus pais me axudan aínda moito. Coa nova nave busco aliviar un pouco a carga de traballo persoal e lograr un pouco máis de comodidade tamén para as vacas, pero sempre coa premisa de que poidan entrar e saír do establo ao pasto cando queiran, iso é algo que non queremos perder aínda que medremos en volume”, indica Lorena.

Dificultades para entrar o camión do leite

A modernización das instalacións herdadas dos seus pais era unha necesidade para poder seguir producindo leite. “Había un problema para que os camións do leite, que cada vez son máis grandes, puideran acceder ao establo actual. Foi un pouco o argumento definitivo para decidirme a facer unha nave nova, porque senón sabía que a explotación tiña os días contados”, recoñece.

O leite que producen as vacas de Lorena neste municipio da Costa da Morte é transformado na planta de Leyma en Arteixo

Lorena agradece a confianza demostrada nela pola empresa que lle leva o leite, que malia estas dificultades de acceso dediciu manterlle a recollida. Outro dos hándicap cos que esta moza se atopa é a escaseza de ganderías de leite nesta zona. “Na parroquia só quedo eu e hai outra granxa a uns 4 ou 5 quilómetros, polo que estamos fóra das rutas de recollida da meirande parte das industrias”, admite.

Pero ningunha destas dificultades semella capaz de apartar a Lorena do seu obxectivo principal, aquel polo que decidiu incorporarse no 2006, con só 20 anos, á explotación familiar: seguir vivindo da produción de leite de calidade nun concello cada vez máis envellecido e despoboado do rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *