O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (Magrama) vai iniciar os primeiros pasos para avanzar na etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite, en consonancia co que están a facer os gobernos de Francia e de Portugal.
Así o anunciaron este xoves en Madrid os representantes do Ministerio na IX reunión de seguimento do Acordo Lácteo. En concreto, e segundo informan os fontes participantes na reunión, o Ministerio vai realizar con carácter inmediato unha enquisa entre 1.500 consumidores para coñecer as súas preferencias sobre se debe aparecer o país de orixe do leite de forma obrigatoria na etiqueta dos bricks de leite e de derivados lácteos. Cos resultados desta enquisa xustificaría ante Bruxelas a adopción dunha medida similar vía decreto lei á adoptada recentemente polo goberno francés.
“A distribución vai esixir á industria unha auditoría para certificar a orixe do leite, algo que actualmente se fai co 62% do leite que se comercializa en España, pero o obxectivo é chegar ao 100%”, aseguran fontes participantes na reunión. Esta etiquetaxe obrigatoria sería compatible cos selos PLS ou Galega 100% , pero aínda habería que concretar como figuraría visualmente, se ben coa bandeira de España ou con outro distintivo. “Creo que o Ministerio se está implicando con esta medida, aínda que ten moitas presións en contra”, aseguran as mesmas fontes.
Ata agora o actual Goberno opúxose á etiquetaxe obrigatoria, xustificándoo no suposto incremento de custos de produción que provocaría a medida, e defendendo o seu carácter voluntario.
O Ministerio destaca que o prezo do leite en España é 2 céntimos superior á media europea
Polo demais, o secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas, informou na reunión dos últimos datos do sector lácteo en España e dos resultados do Acordo Lácteo asinado en setembro pasado, dos que dixo que “hai que ser moderadamente optimista”.
Así, o Ministerio avanzou os últimos datos en relación á produción e o consumo de leite en España. Segundo os datos do primeiro semestre do ano, obsérvase un incremento da produción, aínda que durante os tres últimos meses produciuse un descenso.
Neste contexto, Carlos Cabanas apuntou que o prezo medio percibido polo gandeiro español situouse nos últimos meses por encima da media europea. Esta diferenza de prezos está a incrementarse e no último mes situouse 2 céntimos por encima de dicha media.
Para Cabanas, “o feito de que o comportamento en España dos prezos sexa mellor que no resto da UE pon de manifesto que o traballo que se realiza en torno ao Acordo está a servir para xerar diálogo e amortecer a situación de desequilibrio”.
Segue baixando o consumo de leite líquido
Doutra banda, constatouse que a evolución do consumo nacional de leite líquido foi negativa no mes de maio, cunha redución de case un 8% respecto ao mes de abril; e preto dun 5% respecto ao mes de maio de 2015. A redución rexistrada no prezo percibido polo gandeiro trasladouse ao prezo pago polos fogares, de modo que o PVP medio no mes de maio (0,708 €/l) supón unha baixada do 0,56% sobre o prezo de abril.
Reunión o vindeiro xoves para acordar a repartición das axudas da Comisión Europea
Por outra banda, o vindeiro xoves volverán reunirse en Madrid representantes do Ministerio e das organizacións agrarias para acordar a repartición das axudas concedidas pola Comisión Europea para o sector lácteo. A España tócanlle 14,6 millóns de euros dun paquete global e 350 millóns, que tanto o Ministerio como as Comunidades Autónomas poden ampliar pola vía da cofinanciación.
A este respecto, o portavoz de Asaja en Galicia, Francisco Bello, destaca que “o importante é que na reunión é acordar primeiro que sector produtor de leite de vaca queremos en España de fronte ao futuro, e en función desa estratexia canalizar as axudas”. “Hai que apoiar á xente nova que se incorporou ao sector para que siga, pero tamén se debería apoiar á xente maior que queira abandonar o sector”, asegura Francisco Bello.
UPA pide que o Ministerio actúe contra a multinacional francesa que tira cos prezos á baixa
Pola súa banda, Román Santalla, representante de UPA-Unións Agrarias, a outra organización que xunto con ASAJA asinou o Acordo Lácteo, demandou ao Ministerio que “actúe contra a multinacional francesa que está a enviar aos gandeiros contratos con baixadas de prezos que non teñen xustificación”. Precisamente, esta semana Unións Agrarias esixiu a Lactalis “a rescisión inmediata dos modelos fraudulentos de indexación que usa a marca de capital francés para fixar o prezo nas explotacións e así mesmo devólvase as cantidades retidas aos gandeiros por este mecanismo”.
Avance de resultados do III informe trimestral de cumprimento do Acordo Lácteo
Así mesmo, Cabanas sinalou que en breve publicarase o III informe trimestral, a través do cal o Ministerio constata o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polos asinantes do Acordo Lácteo.
Para a elaboración do III Informe Trimestral, como en anteriores ocasións, requiriuse información das asociacións e organizacións de produtores e cooperativas, industrias e empresas da distribución distribuidores asinantes do Acordo; recibiuse a resposta das 35 industrias adheridas e de 18 das 19 empresas da distribución adheridas.
En concreto, no informe recóllese, segundo o Magrama, un grao apreciable de avance nos seguintes compromisos:
-Todas as partes valoran de forma positiva os resultados que veñen obtendo coa aplicación do Protocolo de Resolución de Incidencias a través do cal se están canalizando as denuncias e garantindo unha rápida resposta ante calquera situación que poña en risco a valorización do produto.
– A aplicación, desde principios deste ano, do contrato-tipo homologado, de compravenda de leite cru, está a proporcionar unha maior transparencia e seguridade ás transaccións entre o gandeiro e a industria.
– Igualmente, a elaboración do modelo de contrato de aplicación entre subministradores sen código REGA e industrias, que xa se atopa a disposición das partes, contribuirá a dar transparencia ás relacións comerciais entre estes operadores.
– Produciuse un significativo avance na identificación da orixe do leite. Constatouse que na publicidade en medios de comunicación, especifícase a orixe no 62% das insercións e nos folletos promocionais das cadeas de distribución no 32% dos casos.
– Publicouse o RD 153/2016, do 15 de abril, sobre declaracións obrigatorias a efectuar polos fabricantes de leite líquido envasado de vaca, destinado a dar maior transparencia ao funcionamento da cadea de valor, e ao coñecemento da transmisión do valor ao longo da mesma. Xa se rexistraron as declaracións correspondentes ás transaccións realizadas no mes de maio e, a partir de agora, mensualmente irase coñecendo a información relativa aos seguintes meses.
– Reduciuse de forma importante a conflitividade rexistrada en anteriores ocasións, en canto á continuidade na recollida aos gandeiros. Con todo, o informe reitera o sinalado no anterior, sobre a necesidade de garantir a continuidade das explotacións, para que cando decidan non renovar o contrato cun gandeiro, establezan fórmulas de desenganche suficientemente prolongadas.