Etiquetaxe da orixe do leite: obrigatorio en Francia, voluntario en España

Francia acaba de anunciar que desde o 1 de xaneiro de 2017 será obrigatorio indicar nas etiquetas dos envases o país de orixe do leite. Medidas na mesma dirección de protexer a produción láctea nacional puxéronse en marcha en Italia ou en Alemaña. Sen embargo, o goberno español segue apostando porque sexa de carácter voluntario.

Etiquetaxe da orixe do leite: obrigatorio en Francia, voluntario en España

A etiquetaxe obrigatoria nos briks e derivados lácteos da orixe do leite avanza con forza na Unión Europea, unha medida demandada polos consumidores como un dereito básico á información e apoiada polos gandeiros como unha forma de protexer as súas producións nacionais.

O último país en incorporarse foi Francia. A pasada semana, o ministro galo de Agricultura, Stéphane Lle Foll, anunciou que a medida entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2017 tanto para o leite e os derivados lácteos como para a carne. En concreto, e á espera de que ao longo do verán se concrete a aplicación do decreto, a medida afectará ao leite e á carne, así como aos produtos elaborados que conteñan polo menos o 50% destes dous alimentos. No caso da carne, haberá obriga de indicar os lugares de nacemento do animal, o de cebo e do de sacrificio. Para o leite, será obrigatorio en Francia indicar o país de recollida, e o de envasado e transformación.

 “En Francia a etiquetaxe obrigatoria da orixe estenderase aos produtos cun mínimo de 50% de leite ou de carne”

Despois das presións do goberno francés e das asociacións de produtores, a medida recibiu o visto e prace da Comisión Europea pero con carácter experimental durante un período de 2 anos. E é que as autoridades comunitarias veñen opoñéndose a este tipo de etiquetaxe obrigatoria escudándose en que encarecería os custos de produción e opinando que os consumidores europeos non estarían dispostos a pagar máis por esa información.

Unha posición, a da Comisión Europea, coa que se alía tamén o goberno Español e gran parte da industria e da distribución. Así, no Acordo Lácteo asinado en Madrid o 23 de setembro do pasado ano, unha das medidas aprobadas contempla “promover a inclusión nos envases, de forma claramente visible e como mencións voluntarias, a orixe do produto, en particular do leite líquido, co obxecto de mellorar a información que se facilita ao consumidor sobre o país orixe dos produtos lácteos”.

Un carácter voluntario que tamén defendeu o Partido Popular para xustificar o seu voto en contra o pasado 12 de maio no Parlamento Europeo dunha resolución na que se reclamaba a etiquetaxe obrigatoria do país de orixe da carne e o leite na UE. A iniciativa contaba co aval de que o 84% dos cidadáns da UE ven necesario indicar a orixe do leite, segundo o Eurobarómetro de 2013.

A eurodeputada do PP, Pilar Ayuso, explicou a oposición do seu partido argumentando que a etiquetaxe en orixe iría contra as normas do mercado único, xeraría moita burocracia administrativa e suporía ademais un aumento de custos que repercutiría no prezo final que debe pagar o consumidor.

Finalmente a resolución foi aprobada pola Eurocámara, pero sen maior transcendencia xa que é de carácter non vinculante.

Os produtores e consumidores galegos reclaman a etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite

Comisión Europea, gobernos como o español e a gran industria e distribución opóñense a que o país de orixe do leite figure de forma obrigatoria nos produtos, unha medida que apoian decididamente asociacións de consumidores e os gandeiros no conxunto da Unión Europea, e tamén en Galicia.

Unións Agrarias propón que se informe de forma obrigatoria da orixe incluíndo a bandeira de España no produto

Así, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), demanda “a identificación obrigatoria da orixe no leite en todos os produtos lácteos con máis do 50% de contido en leite (zumes, queixos, sobremesas lácteas…etc)”. “Simplemente identificalos a través da bandeira de España, o cal non suporía custos a maiores como esgrimen desde parte da industria e da distribución”, engade.

“Non é de recibo que non se faga en España, un país deficitario en produción e onde se machaca aos gandeiros”

En canto á postura do Goberno Español, Roberto García, critica que “posicionouse coa parte máis forte: coa industria, que é ambigua respecto diso, e coa gran distribución, moita dela francesa e alemá, que está a favor de que sexa voluntario”.

Roberto García, cuxa organización Unións Agrarias-UPA, si asinou o Acordo Lácteo, anuncia que trasladará estas demandas á reunión de seguimento do acordo, prevista para o próximo día 21 en Madrid.

“Os países excedentarios de Europa protexen as súas producións: Por que non en España?”

Pola súa banda, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, avoga tamén por unha etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite, unha proposta que defenden desde hai tempo, e que “non só sería cumprir un dereito básico dos consumidores, senón que tamén protexería a produción propia fronte á importación de leite e produtos lácteos a baixo prezo dos países excedentarios” como Francia ou Alemaña.

Como medidas proteccionistas que xa se puxeron en marcha neses países, Isabel Vilalba cita o fomento do consumo de leite pasteurizada, como forma de garantir que sexa de produción nacional, ao aguantar menos o transporte e o almacenamento. “Ou en Italia -asegura- primouse a elaboración de iogures e sobremesas lácteos con leite fermentada, para que non se utilice leite en po importada”.

“Non etiquetar de forma obrigatoria a orixe do leite é volver ao escurantismo e apoiar os intereses das grandes multinacionais que comercian co leite en po”, conclúe.

Unión de Consumidores de Galicia: “Só se protexen os dereitos dos consumidores cunha etiquetaxe obrigatoria”

E que opinan os consumidores? Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), lembra que “coñecer a orixe do leite é un dereito fundamental dos consumidores”. E subliña que “iso só se pode conseguir cunha etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite”.

O secretario xeral de UCGAL lembra que “a política de defensa dos consumidores é unha das grandes liñas de actuación da Comisión Europea”. Sen embargo, critica que “no caso dos produtos do sector primario, como o leite, e coa escusa de que unha etiquetaxe obrigatoria da orixe encarecería os custos, a Comisión prefire poñerse de lado dos intereses das grandes empresas e dos grandes lobbies e non de parte dos consumidores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información