O Consello Forestal de Galicia analiza os próximos cambios normativos para o sector

O Consello Forestal de Galicia analiza os próximos cambios normativos para o sector

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, que ten lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) e no que avaliaron diferentes liñas de traballo en desenvolvemento do establecido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Por parte da Xunta presentáronse aos representantes do sector forestal unha serie de documentos, a maioría en fase de borrador, que teñen que ver coa futura estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas ou co próximo libro branco sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común.

Tamén se avaliou a vindeira orde pola que se publicarán os modelos orientativos de estatutos e o modelo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor das agrupacións forestais de xestión conxunta. Outro tema abordado neste encontro é a análise dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.

En canto ao borrador do libro branco sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común da comunidade autónoma, trátase dun documento previo de traballo, participativo e de reflexión, que se somete ao Consello Forestal para seguir avanzando cara á reforma e actualización desta normativa, que xa ten 30 anos de vixencia, polo que se trata de axustala. Neste documento avalíanse aspectos coma o propio concepto do monte veciñal, a condición de persoa comuneira ou a gobernanza destes terreos forestais, entre outras cuestións.

Outro asunto abordado foi o borrador da futura orde sobre os modelos voluntarios de documentos para agrupacións forestais de xestión conxunta, unha figura da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. “Trátase -subliñou o conselleiro- de facilitar uns modelos útiles aos que se poidan acoller, de xeito voluntario, os xestores destes terreos forestais, diferenciando -por un lado- os estatutos para entidades sen ánimo de lucro ou para comunidades de bens e sociedades civís e -por outro- os contratos que permiten regular as relacións e compromisos entre os propietarios forestais e as agrupacións nas que se integran”. Estes últimos poden ser de prestación de servizos silvícolas ou de cesión de uso e aproveitamento forestal.

Por último, sobre o Inventario Forestal Continuo -que tamén se avalíou nesta xuntanza-, o conselleiro destacou que ofrece datos de gran interese, como as case 620.000 hectáreas de superficie de monte galego ocupado por frondosas e que se configura ademais como un instrumento de control e planificación básico tanto para a Administración como para todos os actores da industria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información