O Congreso Internacional de Agroecoloxía celebrarase en Vigo o 2 e 3 de xullo de forma online

Publicidade
O Congreso Internacional de Agroecoloxía celebrarase en Vigo o 2 e 3 de xullo de forma online

Os vindeiros 2 e 3 de xullo celebrarase en Vigo o  Congreso Internacional de Agroecoloxía. A cita estaba prevista no campus de Vigo, pero a crise da COVID-19 obrigou ao grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo, organizadores do simposio, a optar pola modalidade en liña.

Deste xeito, empregarase a plataforma de aprendizaxe virtual da Universidade de Vigo, que como explican os organizadores, “non require instalar ningún software, nin dar datos persoais e é útil e áxil para realizar aprendizaxe a distancia e tamén o será para debater sobre agroecoloxía e o sistema alimentario”.

Nesta situación excepcional, remarcan dende a organización, “diante da pandemia sanitaria, moi conectada coa natureza depredadora do sistema económico industrialista, as propostas campesiñistas, de agricultura familiar, de agricultura orgánica e rexenerativa, de circuíto curto, de baixo impacto ambiental, como son as que defende a agroecoloxía, fanse máis necesarias. Non podíamos deixar pasar a oportunidade de colaborar para construír un novo sistema alimentario e un novo sistema económico”.

No congreso, no que colabora o Núcleo Agroecológico da Universidade Federal Rural de Pernambuco (Brasil), daranse cita investigadores, representantes de asociacións e cooperativas, profesionais do sector, etc. para tratar de establecer unha liñas xerais para atopar solucións políticas que axuden a acadar un sistema alimentario sostible. A organización conta xa con 150 persoas inscritas e máis de 70 ponencias, tanto científicas como experiencias, de máis de dez países.

Os prazos tamén se ampliaron, de modo que a data límite para enviar resumos amplíase ata o 15 de maio; para enviar os textos completos, ata o 1 de xuño e para mantense como taxa de inscrición a cota reducida de 90€ para a ordinaria e 30€ para estudantes e persoas desempregadas.

Nove áreas temáticas e Steve Gliessman como orador principal

O congreso artellarase arredor de nove áreas temáticas relacionadas coas políticas alimentarias para a sustentabilidade, tanto dende a dimensión política, como dende a dimensión socioeconómica e a técnico-produtiva. Así, abordaranse temas como as políticas públicas para escalar as iniciativas agroecolóxicas, a gobernanza do sistema alimentario, as institucións públicas como demandantes de alimentos, as novas formas de coñecemento e de propiedade para a sustentabilidade, o papel da ética, epistemoloxía e educación para a agroecoloxía, os feminismos e a agroecoloxía, o manexo agroecolóxico de sistemas agro-gandeiros e forestais, as estratexias para a conservación da biodiversidade e a cadea agroalimentaria, distribución, conservación e residuos alimentares.

O agroecólogo Steve Gliessman será o orador principal desta oitava edición do congreso, un experto cunha longa traxectoria que foi quen de integrar ciencia, práctica e activismo social. Doutor en ecoloxía vexetal pola Universidade de California, foi director e fundador do Programa de Agroecoloxía da Universidade de California en Santa Cruz e profesor de historia natural, etnobotánica e agroecoloxía no Departamento de Estudos Ambientais da mesma universidade.

As súas investigación centráronse na transición a sistemas de produción ecolóxicos e sostibles durante máis de 30 anos, traballando en América Latina durante décadas e co-fundando a Rede de Agroecoloxía Comunitaria sen ánimo de lucro. Ademais, xunto coa súa familia produce  uva ecolóxica para viño e aceite orgánico. No congreso presentará un relatorio titulado Agroecoloxía: unha historia de resistencia aínda en proceso.

Ao longo dos dous días presentaranse comunicacións científicas e experiencias innovadoras e terán lugar tamén cinco mesas de debate sobre diferentes aspectos relacionados coa sustentabilidade alimentaria, como a alimentación nas empresas; o papel da agroecoloxía fronte ao aumento dos totalitarismos; as mulleres e o feminismo na agroecoloxía; a gandaría extensiva e o seu papel na transición e os criterios para o deseño e avaliación das políticas públicas agroecolóxicas.

agroecoloxia UVIGO 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información