‘Explotacións O Agro’ é unha granxa ubicada principalmente nun monte comunal de 65 hectáreas alugado en Viascón, no concello de Cerdedo – Cotobade (Pontevedra). Nela críanse cabras de raza autóctona galega, vacas de raza frieiresa e caldelá, ovellas e algún cabalo; “en total, unhas 160 cabezas, máis ou menos”, afirma o gandeiro e propietario da granxa, Roberto Louzán. Nestes momentos “están as cabras recen paridas, cuns 68 chiviños, dos cales case 40 son femias, por iso a partir de agora imos centrarnos en aumentar en cabras e frieiresas”, avanza.
O método de traballo que segue é en extensivo, polo que os animais “pastan todo o ano no monte, os 365 días do ano están en liberdade”, engade Louzán. Ademais de traballar desta maneira, ten a certificación en ecolóxico. “Os animais pacen cando queren, déitanse cando queren, e andan por onde queren”, afirma o gandeiro.
O manexo
Louzán pon coma unha virtude o traballo en extensivo, posto que así fáiselle “máis sinxelo porque con dúas visitas ao día -pola mañá e á noite- queda o traballo solucionado, excepto cando paren ou en inverno, que quizais hai que ir tres veces”, sinala.
Outra das vantaxes asociadas ao método extensivo é “a liberdade para poder levar a cabo outros traballos”, comenta o gandeiro.
Como aspectos máis problemáticos, Roberto sinaladificultades que veñen dadas polo propio contexto: “o feito de estar na montaña, a 10 km. do centro de Pontevedra, implica que hai moi poucas explotacións preto, e as que hai son pequenas, de dúas ou tres vacas, polo que non hai moito quen che faga traballos”, explica. Por isto e por viabilidade, vense obrigados a comprar máquinas e facer eles mesmos moitos dos traballos.
“Un dos inconvenientes é que non hai moito a quen chamar para facer un desbroce, unha sementeira de millo, ou traballos de 1 ou 2 días” (Roberto Louzán)
Control do lobo
A zona da montaña de Viascón é un punto problemático en lobo. “Os anos 2017-2018 foron nos que máis ataques de lobo tivemos”, afirma e engade que “houbo días en que o lobo fixo unha auténtica masacre cas cabras, de 17 e 18 baixas, e incluso atacou os mastíns”.
“Fai uns anos víamos pola zona lobas con catro lobos pequenos, ou mandas de seis lobos aquí no alto do monte”, comenta. Tendo en contexto a amplitude das zonas de pasto dos animais, Louzán foi aplicando medidas para o control dos ataques, tales como “un peche de malla gandeira de 11,5km ao redor, todo asentado con ángulos de ferro, metémolos mastíns, cuestión que freou bastante os ataques, e incluso extremamos os peches cunha foxa para o lobo porque houbo momentos nos que pensei que tiña que pechar a granxa”, explica Louzán.
“Eu tiven momentos de pensar en ter que cerrar a explotación, e incluso fun a Pontevedra, fun a Santiago, fixen de todo” (Roberto Louzán)
Nestes momentos teñen cinco mastíns mais un cachorro que viven co gando. “Cando había máis ataques tiven días de chegar aquí e ver que estaban os animais todos, pero que os cans estaban ensanguentados, o que significa que veu algo por aquí pero que o escorrentaron”, concreta Louzán. “Unha das cadelas de mastín tiveron que operala despois dun ataque, foi bastante grave, e levou 87 puntos no peito”, amplía.
Costes de produción
Esta gandería en extensivo aproveita a extensión dos pastos e procura non cebar con penso as súas becerras, senón que “están fóra coas nais ao leite, e despois ao último de todo métense para dentro, e dáselles herba seca, silo e auga para sacarlles un pouco de fibra”, detalla Roberto Louzán.
Traballar en ecolóxico implica, en certo modo, un aforro, aínda que nalgunha ocasión específica, e debido a unha carencia de alimento nos prados, “temos traído algún saco de penso en ecolóxico, pero ten un alto custe; se a tonelada convencional anda polos 380 ou 400 euros/tonelada o outro debe estar polos 600 euros, e cómpre ter en conta que, a un becerro, unha tonelada non lle chega para cebar”, detalla.
Outro dos inconvenientes que teñen relacionados co terreo e a produción propia é a limitación de cultivo. Segundo afirma Louzán, tiveron problemas para sementar millo, sen poder chegar a facelo debido a que “en terreos con máis dun 10% de desnivel non deixan facer este tipo de sementeiras, pero no noso caso trátase dun erro do Sigpac que estamos intentando que nos corrixan para poder facelo”, incide.