Novos condicionantes na produción de leite: O papel dos productores

Artigo de César Resch Zafra, investigador do INGACAL/CIAM e vogal da asociación Terra e Leite. Analiza os factores que pode mellorar o gandeiro para ser máis competitivo e resistir as oscilacións do prezo do leite

Novos condicionantes na produción de leite: O papel dos productores

Vacas da explotación de Manuel Veiga en Miñotelo (A Pastoriza)

Galicia ten unhas condicións agroclimáticas idóneas para a produción de leite. Estas capacidades foron aproveitadas en gran medida polos nosos produtores xa que nos últimos trinta anos o país case que dobrou a súa produción, pasando a estar nestes últimos anos entre o “top ten” das rexións produtoras de leite de Europa con algo mais de dous millóns e medio de toneladas de leite producidas anualmente.

En Galicia consúmese entre un 15 e un 20% do leite que se produce polo que o resto, catro de cada cinco litros, deben de viaxar para seren colocados noutros mercados.

Non debemos tampouco esquecer, que estamos rodeados de zonas que tamén producen leite: entre o Occidente asturiano, a provincia de León e o norte de Portugal producen case que dous millóns de toneladas de leite que poderían fornecen a industria galaica ou competir connosco nos mercados.

Polo tanto, deberemos de ser capaces de colocar os nosos produtos en mercados afastados e sermos capaces de chegar a eses mercados sendo competitivos en prezo. Non é esta a única razón pero isto fai que debamos de ter que afinar os custes de produción a hora de producir o noso leite. Debemos de ser capaces de producir leite barato aproveitando os nosos potenciais e mellorando parámetros que a día de hoxe están lonxe de seren satisfactorios en gran parte das explotacións leiteiras de Galicia.

A intensificación do modelo de produción

Dende mediados dos anos oitenta e ate o ano 2007 os produtores de leite en Galicia gozaron dunha situación de prezos de insumos relativamente estable: o prezo de concentrados e fertilizantes practicamente repetíase ano tras ano sen grandes variacións, e o prezo percibido pola venda do leite tamén tivo un comportamento bastante estable no tempo durante este período de case que trinta anos.

Lembramos todos un prezo dos concentrados de 30 pesetas por quilogramo e o leite pagado a 50 pesetas por litro. Esta relación de case 2 a 1 nestes prezos xunto con políticas que desincentivaron a querencia pola terra, deron lugar a que en xeral non se valoraran os recursos propios das explotacións e a produción de forraxe en moitos casos fora vista como un mal menor que temos que abordar, pero que carecía de importancia.

Evolución dos prezos do leite:

Fonte: Milk Market Observatory (Alan Matthews)

Nos gráficos que se presentan pódense ver por unha banda a tendencia do prezos do leite na Unión Europea dende o ano 2001 (Gráfico 1) ate o ano pasado. A variación dos prezos anuais ate o ano 2007 obedecía as subas do outono/inverno e baixadas de primavera, cun prezo que volvía recuperarse a inicios do verán. A partir do ano 2007 esta estabilidade de prezos mudou radicalmente e empezamos a ver tobogáns sen ningún tipo de harmonía.

Do mesmo xeito podemos ver que nas materias primas que conforman os alimentos concentrados (Gráfico 2) veu pasando algo semellante, creándose turbulencias importantes no mercado a partir tamén de mediados do ano 2007.

Evolución dos prezos da materias primas: 

RESCH_GRAFICO_2

Fonte: FAO

Polo tanto, aconteceu que tiñamos un sector produtor de leite que ate o ano 2007 convivía cunha situación na que tanto insumos como prezo pagado polo leite non daba grandes sobresaltos, e podíamos case que actuar coa certeza de que eses prezos ían permitir ter un beneficio que aínda non producindo un leite barato, deixaba unha marxe interesante polas relacións de prezos explicadas con anterioridade.

Como todos sabemos, a situación cambiou radicalmente dende o ano 2007 e comezaron a aparecer altos e baixos nos que o prezo dun mes podía ser dobrado en menos dun ano, e noutro período equivalente volver ao prezo de partida.

Os nosos produtores estaban afeitos a outra forma de producir o leite e gran parte deles comezaron a ter problemas financeiros nas súas explotacións, basicamente por dificultades de tesourería, xa que non sempre as subas de materias primas e leite viñan nos mesmos momentos.

Ademais, ao ter convivido durante tan longo período cun sistema de produción con alta dependencia dos concentrados facía que non fora fácil, e en moitos casos imposible, volver a un sistema con menos dependencia de concentrados.

Cando as explicacións da efectividade dos sistemas veñen exclusivamente baseadas en datos macroeconómicos ou de eficiencia enerxética das racións, cométense erros ou malas interpretacións que provocan confusións entre produtores e técnicos. Pensar que as granxas familiares que producen o leite son capaces de reaccionar ante os vaivéns do mercado como se foran grandes empresas ou macrogranxas, se ben non é un erro conceptual, na práctica ofrece serias dúbidas en canto á súa aplicabilidade.

Esta outra forma de producir leite, absolutamente factible, en granxas cunha estrutura empresarial, as mais das veces teñen capacidade financeira e asesoramento para poder abordar as subas e baixas do mercado, o que lles confire condicionantes diferentes aos das nosas explotacións familiares.

Sen embargo coido que esta maneira de producir leite non encaixa ben na casuística das nosas explotacións, en gran medida falamos de explotacións nas que man de obra e patrimonio son unha ou dúas familias, nas que a fortaleza financeira é a que aporta a propia familia co seu patrimonio e na que o que se pretende na maioría dos casos é acadar unha renda digna para poder vivir.

Está polo tanto claro que estamos ante dúas maneiras diferentes de abordar a produción láctea, ambas as dúas válidas, pero con condicionantes moi diferentes.

Un sistema de produción resiliente aos vaivéns do mercado

Defínese como sistema resiliente a aquel que economicamente ten a capacidade de adaptarse a situacións de tensión nos mercados. Tal e como se explicou con anterioridade, esta situación dos mercados é a que se está a dar nas explotacións de leite dende hai case que unha década.

Entón, ¿en qué consiste ese sistema resiliente (resistente) que se pretende deseñar?. Basicamente será un sistema que se adapte á forma que temos de producir leite en Galicia: explotacións familiares de tamaño medio, que sexa capaz de dar renda tanto en situación de prezos favorables como en situacións de prezos desfavorables, porque como se dixo con anterioridade o xeito de abordar esta volatilidade do mercado das explotacións familiares non pode ser o mesmos que teñan macroexplotacións nas que outro tipo de consideracións serán tidas en conta á hora de continuar ou non coa actividade. O gran problema das nosas explotacións é que se fallan unha vez, desaparecen para sempre e non volven estar no mercado nunca máis.

Tampouco pretendo con este texto reabrir o debate sobre se as vacas de alta produción son mais ou menos rendibles que as de menos, penso que cun bo manexo ambas as dúas poden selo. Quero transmitir que tanto un establo cunha media de 40 litros por vaca como outro cunha media de 28 poden ter sistemas de alimentación resilentes a situacións de mercado tan volátiles como as que estamos a vivir.

“O importante é se podo producir forraxes que teñan unha alta dixestibilidade e cantas toneladas”

O cerne do que estou a presentar está en qué calidade e cantidade de forraxe son capaz de producir. É obvio que se comparamos unha forraxe de mala calidade que provén dun cultivo de baixo rendemento con calquera concentrado, o custe por unidade de enerxía é moi superior no caso da materia prima que na do forraxe producido na casa. Agora ben, a cuestión é saber cal é a capacidade que teño na miña explotación de producir forraxes que teñan unha alta dixestibilidade e cantas toneladas por hectárea son capaz de producir.

Un exemplo práctico

O millo en rotación con leguminosas ou gramínea leva producindo nunha parcela na finca do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, durante estes derradeiros cinco anos unha media que supera, descontando perdas, as 17 toneladas de materia seca anuais. A contabilización dos custes da rotación supón un gasto medio anual que non supera os 1.800 euros por hectárea.

Con estas cifras estímase un custe medio do quilogramo de materia seca no entorno dos 10 céntimos de euro. Coido que esta produción que estaría reservada a determinadas zonas das explotacións xunto cunha produción forraxeira menos intensiva en praderías semi ou permantes debería de darnos unha calidade e cantidade de forraxe que complementada con cantidades suficiente de concentrado, no entorno dos 200 gramos por litro de leite, nos darían uns custes de alimento para as vacas que estaría sobre os 12 céntimos de euro por litro de leite producido.

 “O obxectivo é un custe de alimentos de 12 céntimos por litro de leite”

Agora ben, tal e como dixen con anterioridade, a cuestión non é argumentar que se vacas de corenta ou de vinte e oito litros de leite. Déanlle a volta á cuestión e fáganse a pregunta: se quero ter un custe de produción de 12 céntimos de euro en alimento por vaca e día ¿cánto podo gastar por vaca e en qué?

Se somos capaces de producir as forraxes descritas con anterioridade en calidade e cantidade augúrolles capacidade de ter explotacións rendibles e capaces de aguantar momentos de baixo prezo do leite e alto prezo de insumos.

Se seguen a depender basicamente de que a relación prezo leite/concentrado sexa moi favorable, ben cambien de sistema, ben vaian facendo caixa, fondo de reserva en termos financeiros, pois senón están abocados a probablemente non aguantar as situacións futuras.

Aspectos mellorables nas explotacións

Con anterioridade tratouse o tema da produción de alimentos nas granxas de leite debido á importancia vital que ten este factor na economía das explotacións. A continuación vou debullar algunhas cuestións coas que pretendo que tanto técnicos como produtores reflexionen e vexan oportunidades de mellora nas explotacións.

Recría:
Como é ben sabido, é o segundo custe en contía das explotacións de leite. Moitas veces intentamos aforrar no custe unitario da recría sen termos en consideración cal é a cantidade de recría que necesito. Facer unha análise seria e profunda sobre a cantidade de recría que realmente necesito na explotación pode levarnos a recriar menos.

Se tal e como se pode ver nos anuarios dos Africores galegos a cantidade de xovencas de reemprazo que anualmente se utilizan nas explotacións rolda o 33%, pregúntome ¿por qué unha gran parte das explotacións galegas están inseminando o 100% con frisón?. Non nos fagamos trampas ao solitario con argumentos como que o que sobra voullo vender a outro, isto pode ser un bo negocio para determinadas explotacións, pero para a maioría das que fan esta práctica non o é. ¿Acaso imos vender as mellores xovencas para outras explotacións?, ¿realmente estas explotacións que compran a nosa oferta están a facer un bo negocio?.

“Debemos recriar soamente o que realmente necesitamos”

Coido que debemos recriar o que realmente necesitamos, incrementado unha pequena porcentaxe que será a presión de selección que queiramos facer, pero non máis desas cifras.

Cómpre ter en conta que estes dous últimos anos o valor dos cuxos/as vendidas como cruce industrial (frisónxrubio) de media foi 200 euros superior ao valor dos pintos. Esta cantidade de diñeiro suporían uns catro mil litros de leite extra nunha explotación cunha marxe neta de cinco céntimos por litro. Multipliquen e fagan as súas contas.

Días en leite:

Tirando tamén de datos dos Africores estamos a falar dun período parto/parto que supera durante estes últimos anos os 430 días, superando por tanto as lactacións con creces o ano de duración.

Sabido é que as vacas en produción van perdendo eficiencia, capacidade de transformar alimento en leite, a medida que vai avanzando a lactación. A eficiencia das vacas con cento cincuenta días en leite é case que un 50% superior a eficiencia que teñen cando están no día tres centos e esta eficiencia continúa descendendo a medida que avanza a lactación (Gráfico 3).

Isto quere dicir que se ben un animal pode dar unha cantidade de leite interesante en cola de lactación, a medida que os días en leite da vaca van aumentando ese leite ten un maior custe alimentario xa que o animal necesita comer máis para producir o mesmo leite.

Relación entre eficiencia alimentaria e días en leite: 

RESCH_GRAFICO_3

Fonte: Normand St-Pierre. Ohio State University

Polo tanto, cando estea no seu establo e vexan dous animais que están a producir a mesma cantidade de leite e un deles leve oito meses en lactación e outro once, estean seguros de que o segundo animal esta a consumir maior cantidade de alimento que o primeiro.

As vacas máis eficientes deixarán mellor marxe neta na explotación e tamén debemos de ter en conta que as vacas máis produtoras son mais eficientes que as que producen menos.

Entón poderíamos dicir dun xeito xeral que a igualdade doutras variables os establos con menos días en leite serán mais eficientes transformando alimento en leite e polo tanto terán mellores rendementos económicos que os que teñan máis días en leite.

Axuste de racións:

Na maioría das granxas séguese a racionar para unha vaca media virtual que moitas veces non existe. Explícome: Cando chegamos a un establo e facemos unha ración basicamente temos en conta os parámetros medios da explotación, media de litros de leite por vaca, días en leite do establo, condición corporal e na maioría dos casos pouco máis. A cuestión é que case que non se analiza cal é a dispersión da poboación que teño que alimentar co respecto aos parámetros ditos con anterioridade.

Dito doutro xeito, se un técnico chega a dúas explotación nas que atopa os mesmos índices produtivos e reprodutivos e nas que as características dos alimentos son semellantes, faría dúas racións practicamente iguais. A cuestión é que este deseño de ración pode funcionar mellor ou peor dependendo da dispersión que teñamos na poboación da granxa.

Se un gran número de animais da granxa estiveran no entorno da media de produción á ración proposta polo técnico, esta ración axustaríase moito mellor ás necesidades dos animais que se a dispersión fora maior. Por elo, introducir parámetros estatísticos como a desviación estándar á hora de realizar racións axudaríanos moito á hora de economizar alimento nas explotacións e non sobrealimentar as vacas pouco produtivas e subalimentar a aquelas que máis producen.

Conclusións

Dende hai mais de oito anos os prezos dos insumos e o prezo que polo leite perciben os produtores cambiaron drasticamente o seu comportamento, pasando de ter uns valores case que constantes a seren absolutamente impredecibles e moi volátiles. Estas novas circunstancias, deberían de facer mudar a forma en que producimos leite en Galicia a sistemas máis resilientes que sexan capaces de facer que as explotacións galegas familiares poidan sobrepasar situacións de estrés económico como a que se está a vivir na actualidade por algunhas delas.

“As claves: importante produción de forraxe de alta calidade cun consumo moderado de concentrados”

Estes sistemas deberían de basearse nunha importante produción de forraxe de alta calidade cun consumo moderado de concentrados. Tamén hai parámetros que se deben de mellorar en xeral nas explotacións, non só os aquí enumerados, que son retos a superar por técnicos e gandeiros. Afortunadamente hai unha marxe de mellora importante que redundará tamén na melloras das marxes económicas e polo tanto tamén na renda das explotacións.

Producindo un leite barato aseguramos unha renda digna para as explotacións, aseguramos que poidan superar momentos de crise de prezos e garantimos que o leite galego sexa competitivo co que se produce noutros lugares aos que temos que pretender chegar co noso produto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información