A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia/Abanca estivo marcada pola tendencia á alza dos prezos do vacún maior e, en menor medida, dos becerros de recría de cruce, e pola baixada dos becerros de Frisón. Sen cambios no porco cebado, nos leitóns e nos ovos.
En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, baixaron os prezos lixeiramente en case todas as categorías. Deste xeito, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo caeu ata os 127 euros por xato, 2 menos que a pasada semana. Nos becerros de menos de 20 días houbo unha excepción e o prezo medio subiu ata os 112 euros de media por animal, 5 máis que o pasado martes. E na categoría de máis de 50 días o prezo medio foi de 147 euros por animal, 11 menos que o pasado martes.
Pola contra, nos becerros de cruzamento industrial a tendencia xeral foi á alza. Así, nos xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, os prezos situáronse nos machos en 345 euros, 10 máis ca na sesión anterior. Nas femias, subiron 6 euros de media quedando nun promedio de 224 euros por becerra. Sen embargo, nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos caeu ata os 243 euros por animal, fronte aos 305 da última poxa. Por último, nos becerros de máis de 50 días, os machos revalorizáronse e cotizáronse a unha media de 415 euros por animal, fronte aos 393 da sesión anterior. As femias, pola contra, baixan ata os 265 euros de media, fronte aos 338 do pasado martes.
En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha suba do prezo nos machos, remontando ata unha media de 817 euros por animal, 20 máis que a semana pasada. As femias, pola contra, baixaron ata os 746 euros de media, fronte aos 785 do pasado martes.
Récord de prezo no vacún maior
No que atinxe ó vacún maior, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou hoxe un novo récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior. Se o pasada martes a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadaba o seu récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior, con 1.032,39€, hoxe volveu marcar un novo récord absoluto. Así, na sesión desta mañá o prezo medio da categoría de vacún maior situouse nos 1.071,18€.
“Unha cifra motivada tanto por unha concorrencia de vacas menor do habitual como pola calidade dos animais presentes, debido aos estritos controis sanitarios que está a levar a cabo a Central”, explican dende a Central Agropecuaria.
Deste xeito, houbo subas de prezo en todas as categorías. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios quedaron en 739 euros por animal, 19 máis que o martes pasado. Na categoría de desvelle quedaron nunha media de 496 euros por animal, fronte aos 488 da semana pasada. E nas vacas de primeira os prezos subiron ata os 1123 euros de media, 16 máis que na anterior poxa.
Sen cambios no porco cebado, nos leitóns e nos ovos
En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou manter os mesmos prezos en todas as categorías. Así, o selecto e o normal quedan nos 1,410 e 1,385 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II mantense nos 1,799 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle tamén queda sen cambios nun intervalo de entre 0,70 e 0,76 euros o quilo.
Polo que respecta ao leitón, a mesa de prezos acordou manter as cotizacións da semana pasada. Así, a cotización do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 65,5 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 70,5 euros para os dunha única granxa. O prezo por kilo sitúase en 3,275 e 3,525 euros respectivamente.
No referido ós ovos, non houbo cambios. Así a categoría XL mantense nos 1,40 euros a ducia, e as categorías, L, M e S quedan nos 1,06, 1,01 e 0,86 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle mantense nun intervalo de entre 0,13 e 0,21 euros o quilo.
Por ultimo, o coello na Lonxa de Madrid mantense o quilo nos 1,85 euros.