A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Aresa colabora nunha nova edición de Xuvenciencia

Aresa presentacion_Xuvenciencia2023A vicepresidenta de Aresa, Carlota López, participou esta semana na apertura da décimo primeira edición do Campus de Verán Xuvenciencia que tivo lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra. Tamén estiveron presentes na inauguración do curso Elvira López, delegada do reitor da USC para o Campus Terra; Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Pablo Rivera, deputado provincial da Deputación de Lugo, e Lara Méndez, alcaldesa de Lugo.

O Grupo Aresa colabora un ano máis con esta cita que achega a 95 rapaces actividades educativas e lúdicas para fomentar a curiosidade e o interese pola actividade científica, motor da sociedade e do seu desenvolvemento.

Serán un total de 95 alumnos os que gocen esta semana deste Campus de Verán en Lugo

O Campus de Verán Xuvenciencia reunirá ata o venres desta semana a mozos e mozas matriculados en 4º da ESO, bacharelato e ciclos medios de FP, cunha idade máxima de 19 anos. Ofrecerá 16 proxectos e obradoiros científicos e artísticos, visitas culturais e a centros tecnolóxicos, xincanas, premios e, por suposto, moita diversión.

O acto de inauguración, celebrado no auditorio da facultade de Veterinaria, contou coa intervención do divulgador científico Manuel Vicente. O condutor do programa Efervesciencia da Radio Galega impartíu un obradoiro de divulgación con algúns trucos e recomendacións para contar a ciencia dun xeito que sexa eficaz e que manteña o interese do público.

Divulgación científica

O Campus de Verán XuvenCiencia 2023 non só conta con case un cento de alumnado preuniversitario, senón que supón tamén un programa de voluntariado específico, deseñado por Fátima Teixeiro, a responsable da Oficina de Voluntariado do Campus de Lugo da USC, e que supón a formación de unha vintena de estudantes universitarios como monitorado. Asemade, arredor de 50 profesores/as e investigadores/as do Campus Terra participan como docentes nas ducias de actividades que se organizan.

Sismoloxía, xenética, cociña molecular, fotosíntese artificial para obter enerxía, comunicación científica ou o cultivo de plantas in vitro son algúns dos proxectos ofertados nesta undécima edición 

O grupo de innovación docente XuvenCiencia organiza o Campus de Verán XuvenCiencia desde 2013, que enceta estes días a súa undécima edición. Práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica ou comunicación científica son algúns contidos sobre os que versarán os 16 proxectos dispoñibles. Ademais, haberá obradoiros científicos e artísticos, visitas culturais e a centros tecnolóxicos, feiras, premios e, por suposto, festa.

As investigacións máis punteiras do Campus de Lugo

XuvenCiencia é un campamento para adolescentes interesados non só nos ámbitos que tradicionalmente se entenden como “de ciencias”, o biosanitario e o científico-tecnolóxico, senón tamén para mozas e mozos con inquedanzas polas ciencias sociais e humanidades. A escolma de proxectos que compón o Campus XuvenCiencia 2023 está baseada nalgunhas das investigacións máis punteiras que están vixentes no Campus de Lugo da USC, como as de peixe cebra como modelo animal para tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial.

En cada proxecto traballará un grupo de cinco ou seis xuvencientíficos/as, que levarán adiante o seu traballo de campo nos mesmos laboratorios nos que o persoal investigador da USC desenvolve o seu quefacer diario, así como noutros centros de coñecemento como o Hospital Veterinario Rof Codina, o Museo Provincial e o Arquivo Histórico Provincial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *