A nova normativa para as granxas de porcino: valoración do sector en Galicia

O sector porcino en intensivo adáptase ás medidas que introduciu a actualización da ordenación das granxas. Os principais cambios céntranse en reducir o impacto ambiental e en incrementar a bioseguridade e o benestar animal

A nova normativa para as granxas de porcino: valoración do sector en Galicia

Á marxe dos cambios que a crise do coronavirus está a deixar no funcionamento das granxas, o sector porcino adáptase nestes meses tamén ás modificacións que trouxo a actualización da normativa sobre a ordenación de granxas de porcino, aprobada a comezos de febreiro. A revisión incide en medidas coas que conseguir unha redución do impacto ambiental, incrementar a bioseguridade ou o benestar dos animais.

A crise do coronavirus, ademais de mudar as rutinas de traballo para extremar as medidas de seguridade para os traballadores fronte ó Covid-19, tamén demorou a aplicación da nova normativa. “Aínda que está aprobada dende comezos de ano e ten cambios significativos, agora mesmo estáselle prestando máis atención ó tema sanitario polo coronavirus e está todo bastante parado”, explica José Antonio Vidal, presidente da Federación Galega de Porcino (Fegapor).

A crise do coronavirus demorou a aplicación dos cambios que introduce a nova normativa

A opinión compártena outros profesionais do sector que aínda non viron que os cambios que introduce a normativa comezaran a estar presentes no día a día. “Polo momento non se viron cambios nas granxas, en parte pola crise do coronavirus e tamén debido a que moitas das medidas non serán obrigatorias ata o 2022”, indica Beatriz Toimil, veterinaria da Agrupación de Defensa Sanitaria de Porcino (ADS) Deza (Pontevedra).

Mesmo hai certa preocupación dende a Federación Galega de Porcino porque a crise do coronavirus faga descoidar outras ameazas que afectan directamente ó sector, como a peste porcina africana. “Preocúpame que o coronavirus eclipse outros problemas, se baixe a defensa e poidan pagalo os nosos animais”, reflexiona Vidal.

Reducir as emisións na granxa

Os cambios máis significativos que introduce a nova normativa teñen que ver co impacto ambiental que xeran as granxas e céntranse en conseguir unha redución das emisións de gases contaminantes, en particular do amoníaco, así como dos gases de efecto invernadoiro. Agárdase que coas medidas se consiga unha redución das emisións de cerca do 21% a partir do 2023.

Este foi tamén un dos aspectos que máis controversia xerou entre os produtores. “No seu momento xa se presentaron alegacións tanto dende asociacións como dende a Federación, agora que o decreto está aprobado o único que queda é adaptarse e tentar cumprilo coa maior rigorosidade”, indica Vidal.

Prevén que a instalación e a cobertura das fosas de xurro e de esterco sexa un dos cambios que provoque maiores gastos nas granxas

Dende a Federación apuntan que adaptarse ós novos requirimentos que estipula a normativa en materia ambiental suporá un desembolso económico importante para os gandeiros, aínda que polo momento non contan cunha estimación do que pode supor. “O único que temos claro é que cando os inspectores cheguen ás granxas, inicien un expediente e dean un prazo de 3 meses para realizalo, entón poderemos ver o custo real que vai supor, porque non será o mesmo para as granxas novas que para aquelas que xa teñen 25 anos”, valora o presidente da federación galega.

Consideran que a instalación e cobertura das fosas do xurro e de esterco será un dos aspectos que vai supor maiores gastos para os produtores. Ademais, a obrigatoriedade de baleirar as fosas máis regularmente provocará unha maior necesidade de terra na que botar os xurros. Neste senso, Vidal critica a falta de apoio por parte da Administración para buscar solucións para os xurros. “Non hai un compromiso serio das Administracións para darlle saída ós xurros como poden ser as plantas de tratamentos, similares ás de destrución de cadáveres”, reclama.

No sector tamén hai produtores que estiman que a nova normativa apenas suporá cambios. “En materia ambiental a norma autonómica xa estaba obrigando a levar a cabo accións como as que recolle agora o decreto, pode que noutras comunidades o noten máis, pero en Galicia xa estabamos traballando nesa liña”, apuntan.

Benestar animal

A mellora do benestar animal é outro dos piares do novo marco legal e un dos aspectos onde as granxas galegas xa levan anos traballando. É o caso, por exemplo, de firmas como Nudesa, situada en Silleda (Pontevedra), e con granxas tanto de cebo como de nais repartidas por toda Galicia. “Nós xa levamos anos traballando en melloras en materia de benestar animal en tódalas nosas granxas”, explican dende a directiva de Nudesa. Así é que a empresa leva recibindo o premio Porc d’or durante os dous últimos anos polas melloras que está introducindo na cría dos seus animais.

Unha opinión semellante teñen dende Fegapor. “En materia de benestar animal, as granxas galegas están bastante adaptadas, é cuestión de suplementar as medidas coas que xa estamos traballando”, apunta Vidal. Un dos aspectos que pode representar maiores esforzos para os produtores é a solta das porcas na fase de parto.

Granxa-Sueiro-Nudesa-Nais-soltas-cos-leitons__

A firma Nudesa ensaia sistemas que permitan maior liberdade ós bacoriños e ás porcas sen riscos.

Tamén a eliminación do raboteo, o corte do rabo dos porcos para evitar a caudofaxia, as lesións por mordeduras entre os animais, é outro dos puntos que pode ocasionar maiores dificultades para as granxas. A nova normativa incide, ó igual que a norma autonómica, en evitar o raboteo e só se pode optar por el cando o resto de medidas que se poidan implantar na granxa non estean a resultar eficaces e se produzan lesións. “O raboteo en moitas ganderías é inevitable e demostralo vai ocasionar máis gastos e perdas ós produtores, posto que hoxe xa nin nos matadoiros se admiten animais que sufriran mordeduras de pequenos”, explica Vidal.

“O raboteo en moitas ganderías é inevitable e demostralo vai ocasionar máis gastos e perdas ós produtores”: José Antonio Vidal, presidente Fegapor

Prevese que os gandeiros, no caso de ter que optar polo raboteo para evitar lesións, teñan que presentar documentación que o acredite. “Atallar a caudofaxia nas granxas non é unha solución doada, non abonda con separar os porcos que comezan a morderse e pode provocar perdas importantes”, sinala.

Nalgunhas granxas, como as de Nudesa, levan tempo traballando nesta liña para conseguir criar os animais sen ter que optar polo raboteo. “Xa non solo as granxas de cebo, senón nas de nais tamén estamos conseguindo evitar o raboteo”, detallan dende a firma, que leva anos probando diferentes estratexias para mellorar o benestar dos animais nas súas instalacións.

Veterinario de granxa

Outro dos cambios que introduce a nova normativa estatal é a figura do veterinario de granxa, que será o responsable de asesorar sobre aspectos relacionados coa sanidade e o benestar dos animais. “Todo parece indicar que este veterinario vai ter que asumir máis responsabilidades en cuestións das que, ata o momento, non se encargaban estes profesionais”, indica a veterinaria da ADS, Beatriz Toimil. Ademais, tamén se habilitará un rexistro, o chamado Sistema Integral de Xestión de Gando de Porcino, que conterá datos detallados da xestión da granxa e que deberá actualizarse cada 5 anos.

A efectos prácticos, dende as granxas estiman que o veterinario de granxa tampouco traerá cambios significativos no día a día das súas ganderías, posto que xa traballaban cun profesional ou un equipo encargado do asesoramento en temas sanitarios dos animais.

“A maioría das ganderías xa contaba con medidas de bioseguridade”: Beatriz Toimil, veterinaria da ADS

A norma tamén incide en incrementar as medidas de bioseguridade nas instalacións para reducir os riscos sanitarios, un campo no que as granxas galegas tamén implementaron nos últimos tempos. “Podía haber algunha granxa que aínda non contara cun peche perimetral axeitado, pero a inmensa maioría xa dispón destas medidas de bioseguridade dende hai anos”, explica a veterinaria.

Ó igual que nas medidas de bioseguridade, a redución do uso de antibióticos tamén foi un dos cambios máis significativos que se levaron a cabo nos últimos tempos nas granxas de porcino en intensivo e sobre o que a nova norma segue a incidir, ó esixirlle ás ganderías un Plan de uso racional de antibióticos. “A redución dos antibióticos nos pensos foi moi importante e cada vez trabállase máis na prevención, con aportes de alimentos probióticos ou prebióticos cos que os animais estean máis sans e evitar ter que tratalos con antibióticos”, refire Toimil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información