Moeche recupera a feira cabalar do 23 de abril

Publicidade
Moeche recupera a feira cabalar do 23 de abril

Falta exactamente un mes para que San Ramón, no concello coruñés de Moeche, volva vivir o día máis grande do calendario anual de feiras: o 23 de Abril, día do San Xurxo e cita obrigada co mundo ecuestre.

Tras dous anos de parón obrigado por mor da situación sanitaria, a Asociación Ecuestre 23 de Abril e o Concello de Moeche recuperan a celebración da afamada feira cabalar e os tradicionais concursos de trote e andadura, que repartirán 5.000 euros en premios entre trofeos e contías en metálico.

O programa da xornada xa está listo e, como novidade, as inscricións nas distintas probas só poderán facerse por correo electrónico. As bases de participación poden consultarse nesta ligazón.

A inscrición telemática é unha das principais novidades das probas ecuestres que se van desenvolver ao longo da xornada do 23 de abril. As persoas que queiran participar deberán remitir un correo a inscricion23abrilmoeche@gmail.com no prazo comprendido entre o 1 e o 16 de abril indicando, entre outros datos, os do rexistro do animal, a categoría ou categorías en que se inscribe e tamén os da persoa propietaria e de quen se encargue do transporte

Todo o procedemento está especificado nas bases, onde tamén se precisa que a organización responderá confirmando a inscrición antes do 21 de abril, devolvendo para iso unha mensaxe ao mesmo correo desde o que se fixese a solicitude (aconséllase revisar a carpeta de correo non desexado).

É dicir, no propio día da feira non se poderán facer inscricións, co obxectivo de evitar esperas a primeira hora da mañá e axilizar así o inicio das probas. Con todo, e malia a inscrición previa, si será obrigatorio ter á man a documentación, que poderá ser requirida pola organización en calquera momento.

O concurso volverá premiar as cinco mellores evolucións nos apartados de Andadura chapeada e Andadura aserrada, subdivididas á súa vez nas categorías para  monturas inferiores e maiores de 1,5 metros de altura á cruz. Tamén se organiza o concurso de Trote, nese caso con premios para os tres mellores percorridos feitos con animais de menos de 1,5 metros e outros tres para os realizados en eguas ou cabalos maiores desa altura. En total entregaranse 26 galardóns con contías entre os 300 e os 75 euros, ademais dos correspondentes trofeos.

O Concello entra na organización

Outra novidade da feira cabalar é que o Concello pasa ser entidade organizadora canda a Asociación Ecuestre 23 de Abril. Ata agora o consistorio colaboraba coa asociación con apoio económico e loxístico, algo que cambia este ano por medio dun convenio sen dotación económica que se suscribirá nestes días.

En virtude del, a asociación e o Concello asumirán distintas tarefas e compartirán os gastos organizativos. Así, o colectivo ocuparase de todo o relacionado coas probas, os premios, a coordinación da pista e a xestión do espazo do evento, comprendido desde Piensos Pazo até máis arriba do Centro de Saúde.

O Concello encargarase, entre outros cometidos, da solicitude de permisos á Xunta e a Deputación, da presenza de persoal de seguridade e sanitario, do plan de prevención de riscos, da regulación do tráfico, da habilitación de aparcadoiros, e da instalación de valados e outro equipamento como megafonía, ambulancias, etc. Tamén se fará cargo da contratación de servizos veterinarios e coordinará coa Garda Civil e Protección Civil o dispositivo para que a feira se desenvolva con normalidade.

Neste sentido, desde o Goberno local agradécese a colaboración dos concellos das Pontes, San Sadurniño, Valdoviño, Neda e Ferrol, así como a de Navantia, que contribúen á organización achegando material e desprazando agrupacións municipais de Protección Civil.

O 23 cae en sábado
A recuperación do 23 de Abril cadra este ano en sábado, o que fai presupoñer que será unha das feiras máis concorridas dos últimos anos. Alén do atractivo do concurso ecuestre e do trato ancestral de poldros, eguas e cabalos, a cita tamén depara a feira de produtos agrogandeiros, ferramentas e roupa, nun ambiente impregnado do aroma a fritidura de churros, de fume de churrasco torrándose na brasa e do bafo de polbo fervendo nos caldeiros.

Ademais, a iso das 17:00h desenvolverase ao pé do Polideportivo Municipal un espectáculo de danza ecuestre. As entradas poderán mercarse no Concello a partir do 4 de abril en horario de mañá.

En definitiva, o 23 de Abril será a escusa perfecta para gozar da feira con máis tradición e máis viva de toda a comarca, pero tamén para vir pasar o día a Moeche desfrutar do patrimonio, a paisaxe e a gastronomía. Desde a área de Turismo lémbrase que o castelo xa está aberto cos horarios habituais de primavera e tamén se incide na recomendación de facer reserva para xantar nos restaurantes e casas de comidas do municipio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información