A Asociación Forestal de Galicia mantivo un encontro co director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, para abordar, entre outras cuestións, o problema das verteduras ilegais nos montes.
O colectivo lembra que a lexislación vixente converte ós propietarios forestais en responsables das verteduras, cando o normal é que non sexan culpables, senón vítimas. O custo económico da eliminación de residuos nos montes e o pago das correspondentes sancións ten chegado a representar ata 10.000 euros nun ano para algunha comunidade de montes, segundo asegura a Asociación Forestal de Galicia.
Desde os colectivos de propietarios levan anos solicitando a eliminación da normativa de sancións á propiedade. “Dada a enorme proliferación das verteduras ilegais nos montes e a gravidade dos problemas ambientais que producen, tamén sería desexable unha maior adicación policial á identificación dos responsables deste delito”, valoran.
O director xeral, segundo a Asociación, comprometeuse a revisar a lexislación vixente para que, no futuro, o propietario do monte que sofre vertidos ilegais non sexa declarado responsable dos mesmos.
Asadeiros en espazos recreativos
Outra cuestión abordada na recente reunión que mantivo a Asociación Forestal con Fernández Couto é a dos asadeiros nos montes. Na época de alto risco de lumes, a Xunta prohíbe a realización de barbacoas nos espazos recreativos e parques forestais dos montes galegos. Esa lexislación vén suscitando periódicas queixas, sobre todo nas áreas periurbáns das Rías Baixas, como Vigo, onde a Asociación Forestal de Galicia calcula que cada fin de semana arredor de 10.000 persoas acuden ós parques forestais dos montes veciñais.
Medio Rural avanzou en xuño deste ano a súa intención de permitir instalacións específicas, que se autorizarán de xeito individual, para facer as barbacoas nos meses de alto risco de lumes. A Xunta anunciou a súa intención de que os primeiros asadeiros legais poidan funcionar en puntos como Vigo ou o entorno do lago Castiñeiras, en Marín, onde xa se puxo en marcha. Entre os requisitos que valoraba a Xunta para as novas instalacións, figuraba a obrigatoriedade de contar cun teito e unha base que as illase da terra.
A Asociación Forestal de Galicia é partidaria de que se aproben infraestruturas que sexan unha adaptación das existentes, evitando estruturas novas que implicarían maiores gastos e custos de mantemento. Solicita tamén que se teña en conta a contorna na que se ubica o asadeiro. Por parte de Medio Rural, insistiuse en que os asadeiros deben contar con seguridade abonda para evitar o risco de lumes e sinalouse que se aprobarían de xeito individual.
O colectivo de propietarios forestais, por último, pediu que haxa un catálogo público das instalacións que se vaian aprobando, a fin de que sirvan de modelo para axeitar as propostas a modelos xa autorizados.