Medio Rural convocará 7,5 millóns en axudas para a agricultura de precisión, eficiencia enerxética e economía circular no agro

Medio Rural convocará 7,5 millóns en axudas para a agricultura de precisión, eficiencia enerxética e economía circular no agro

A Consellería do Medio Rural convocará unha nova liña de axudas para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario, a súa segunda orde financiada con Fondos Next Generation que deriva do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central.

A convocatoria –que se publicará en breve no Diario Oficial de Galicia (DOG)– contará cun orzamento de 7,41 millón de euros, cos cales se prevé acadar unhas 250 explotacións beneficiarias.

En concreto, estas subvencións incidirán na xestión de estercos (4.679.312 euros), na mellora de invernadoiros (136.468 euros), na eficiencia enerxética (724.673 euros) e na agricultura de precisión (1.871.536 euros).

No caso das axudas para a xestión de estercos, financiaranse investimentos nas explotacións gandeiras como as fosas de xurro. O obxectivo é mellorar a xestión de xurros e estercos, fundamentalmente desde o punto de vista ambiental.

Canto aos invernadoiros, subvencionaranse investimentos para transformalos integralmente ou para modernizalos mediante, por exemplo, a automatización da ventilación, co gallo de mellorar a competitividade e a sustentabilidade dos cultivos de hortalizas, flor cortada e planta ornamental.

Sobre a eficiencia enerxética, sufragaranse investimentos en eficiencia e en fontes renovables como o illamento térmico ou as plantas de biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias.

Por último, en relación coa agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental.

Estas achegas convocaranse en réxime de concorrencia competitiva e os posibles beneficiarios son, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización, mentres que as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40 % e o 85 % do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información