A Xunta comprometera en xuño un total de 24 millóns de euros en axudas directas para o sector agrario polas perdas do coronavirus. Desde aquela, non se concretou aínda ningunha liña de apoio, o que xerou malestar entre as organizacións agrarias, en especial pola situación de baixos prezos que atravesa o vacún de carne. As axudas anúncianse agora cun carácter inminente.
Días atrás, o Sindicato Labrego protagonizou unha concentración da súa Dirección de Vacún de Carne ante a Xunta e hoxe, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, informou sobre os contactos con Medio Rural en demanda das axudas para as ganderías.
García asegura que nos próximos días se concretarán as axudas da Xunta para as granxas: “Temos o compromiso da Consellería de que nos próximos días sairá publicada no Diario Oficial de Galicia unha axuda directa para as granxas de vacún de carne, que nós queremos que sexa unha axuda por vaca nodriza, cunha maior coantía para as primeiras 20 da explotación”, explicou o secretario xeral de Unións en rolda de prensa.
A Consellería do Medio Rural, consultada sobre esta cuestión, confirma que haberá tal axuda para as granxas de vacún de carne, se ben polo de agora non ofrece máis datos.
Incógnita sobre as agroambientais e as ZLN
Outra cuestión que preocupa a Unións Agrarias é a continuidade das axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais (ZLN) no 2021 e no 2022, durante o periodo transitorio ata a nova PAC, que entrará en vigor no 2023.
Medio Rural asegurou o pasado ano en que confiaba en que habería fondos de Europa para estas axudas, pero é unha cuestión por concretar aínda a nivel europeo. Espérase que o escenario se aclare no Consello de Ministros de Agricultura de outubro.
Unións empraza a contractualizar o sector da gandería de vacún de carne
Os apoios para a gandería de vacún de carne, afectada pola caída de vendas da restauración e polo descenso do turismo, é unha cuestión que Unións considera prioritaria, pero a organización marca tamén retos noutros dous frentes, un ligado cos matadoiros e outro coas cadeas de supermercados.
“Queremos que se cumpra a Ley de la Cadena Alimentaria e que os matadoiros teñan contratos coas granxas nos que se recollan prezos que cubran custos de produción” -avanza García-. “Faremos unha labor pedagóxica coas industrias cárnicas nas próximas semanas e se iso non funciona, denunciaremos os casos que sexa preciso ante a Axencia de Información y Control Alimentario (Aica), como facemos coas industrias do leite”.
Sobre as cadeas de supermercados, o secretario xeral de Unións criticou que haxa algunha cadea galega que continúa sen comercializar ou sen visibilizar a carne de Ternera Gallega Suprema. “Debe haber á venda de xeito claro e diferenciado carne de Ternera Gallega Suprema. É unha cuestión de calidade alimentaria, de apoio económico ás granxas galegas e tamén un asunto de país, porque son granxas que exercen de cortalumes fronte ós incendios forestais”, subliñou.
Decreto de xurros
Por último, o secretario xeral de Unións insistiu novamente na necesidade de que o proxecto de decreto ministerial sobre fertilización sostible se adecúe ás características galegas. “Hai que diferenciar por sectores e territorios e buscar solucións razonables e técnicamente posibles”, concluíu.