Haberá apoios para os sectores afectados polo coronavirus, pero concretaranse nos próximos meses

A Xunta anuncia unha partida de 24 millóns de euros de axudas directas para paliar as perdas do agro, dentro dun plan reactivación que ascende a un total de 165 millóns de euros

Reunión do Consello Agrario de hoxe.

Reunión do Consello Agrario de hoxe.

A Consellería do Medio Rural expuxo hoxe no Consello Agrario o seu proxecto de apoio ós sectores agrarios afectados polo coronavirus. O obxectivo primeiro do Goberno é dotar de liquidez ó agro, para o que habilitará axudas directas e instrumentos financieiros (préstamos, avais), a parte de financiar os anticipos da PAC. Falta por ver como se concretan eses apoios entre os distintos sectores, pero desde Unións Agrarias xa avanzan que serán “pobres”, en tanto o Sindicato Labrego fala de que por agora só hai “unha simple declaración de intencións”.

Para as organizacións que asistiron ó Consello Agrario de hoxe, o plan anunciado pola Xunta trátase dun anuncio en precampaña electoral sen liñas e calendarios claros. “Por un lado, temos unha urxencia no agro, que acumula xa varios meses de serias perdas, e por outro unha falta de concreción do plan que nos anunciou hoxe a Xunta”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

En similar liña opina Unións Agrarias, que urxe a concretar medidas por medio de mesas de negociación para sectores como o vacún de carne ou o viño.

Analizamos a continuación o que se sabe do plan de apoio ó agro anunciado hoxe pola Xunta.

Axudas directas
Para axudas directas polo coronavirus, Medio Rural destinará unha partida de 24 millóns de euros, cun máximo de 7.000 euros por granxa e 50.000 euros por pequena e mediana empresa (Peme) beneficiaria.

Son apoios que o sector ve positivos, se ben tamén se consideran “pobres”. “O problema é que os 24 millóns de euros quédanse curtos. Se quixésemos distribuír 7.000 euros por granxa só entre as ganderías de vacún de carne, que son 10.400 en Galicia, a penas teriamos fondos para apoiar a 3.400”, explica o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

A limitación das axudas directas a 24 millóns de euros vén dada pola normativa comunitaria, que permite destinar de xeito directo só un 2% dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2010 a cubrir as perdas derivadas da Covid-19.

Para solventar esa traba, desde Unións pediuse unha reprogramación ambiciosa do PDR que incluíse un aumento dos pagos por hectárea nas axudas agroambientais e nas de zonas con limitacións naturais, algo permitido por Europa, pero Medio Rural desestimou tal cambio. “Estamos ante unha oportunidade perdida para apoiar de forma xusta ás granxas que manteñen o rural e xestionan o territorio no interior galego”, cuestiona Jacobo Feijoo.

“Estamos ante unha oportunidade perdida para apoiar de forma xusta ás granxas que manteñen o rural e xestionan o territorio do interior galego” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

A Xunta ten previsto reprogramar o actual Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) en principio só para consignar os 24 millóns de euros que distribuirá en axudas directas para o agro.

Plan de reactivación
Esas axudas directas, que servirán de primeiro apoio no campo, enmárcaas a Xunta nun plan de reactivación máis amplo, dotado cun total de 165 millóns de euros a partir de fondos comunitarios e propios.

O conselleiro, José González, anuncia cinco eixos para o plan de reactivación do agro:

  • Apoio á promoción, comercialización e internacionalización (10,2 millóns de euros).
  • Sustentabilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal (107 millóns de euros). Este apartado inclúe os 24 millóns de euros de axudas directas, así como arredor de 60 millóns de euros en instrumentos financieiros (préstamos, avais, etc.). Esta última partida quérese anticipar dos fondos comunitarios do próximo Plan de Desenvolvemento Rural 2021-2027, segundo trascendeu no sector.

    A Xunta anticiparalle ós beneficiarios un 50% de axudas como plans de mellora ou liñas de silvicultura, sen necesidade de avais

    No marco do plan de liquidez dos distintos sectores, a Xunta anuncioulle tamén ás organizacións agrarias que anticipará un 50% de tódalas axudas ligadas ó Plan de Desenvolvemento Rural, tales como plans de mellora na gandería ou axudas para silvicultura e prevención de lumes no ámbito forestal. “Hai un compromiso da Xunta para anticipar o 50% dos fondos no momento da aprobación da axuda, sen necesidade de depósito de ningún aval por parte do beneficiario”, explica Jacobo Feijoo, de Unións.

  • Reforzo da resiliencia do territorio rural (42,6 millóns de euros), para reestruturacións parcelarias, aldeas modelo e polígonos agroforestais, entre outros proxectos.
  • Formación, innovación e dixitalización (4,2 millóns de euros).
  • Simplificación e flexibilización administrativa (700.000 euros).

Ao longo das próximas semanas e meses, espérase que a Administración concrete os apoios para os distintos sectores afectados.

Entre as cuestións pendentes de abordar, están as liñas para o sector do viño. Por parte de Unións, demandouse un plan que dote de liquidez ás adegas e que vaia asociado a un compromiso de recollida de uva a prezos xustos.

Entre as cuestións pendentes de concretar, figuran os apoios para o sector do viño e a próxima vendima

Desde o Sindicato Labrego destácase igualmente a necesidade de poñer en marcha as Mesas do Viño para abordar os contratos da próxima vendima, de xeito que se garanta que a compra da uva cubra custos de produción e remunere o traballo do viticultor.

Mercaproximidade

Mercaproximidade, a canle aberta pola Xunta coas cadeas de supermercados para canalizar produtos galegos durante a crise do coronavirus, foi outro dos focos de debate.

“Unha canle como Mercaproximidade, que ten o amparo da Xunta, non pode estar asociada á caída de prezos no campo por baixo dos custos de produción” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)

“Unha canle que ten o amparo da Xunta debería cubrir os custos de produción no campo, pero sabemos de casos de pataca da Limia que entrou en Mercaproximidade a 6 céntimos o quilo ou sen prezo. Parécenos que un proxecto da Xunta non pode estar asociado á caída de prezos no campo. Pedimos con antelación que se nos facilitaran datos de prezos na reunión de hoxe, pero non se nos deron”, cuestiona Isabel Vilalba.

Comedores escolares
Chamou tamén a atención do sector que a Xunta incluíse hoxe entre as medidas que anunciou un programa de promoción do consumo de proximidade nos comedores escolares. “É unha incoherencia e unha contradicción, pois hoxe mesmo publicáronse no Diario Oficial de Galicia as axudas para manter comedores escolares e non hai ningunha puntuación extra polo uso de alimentos de proximidade”, critica Isabel Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información