Os custos de alimentación das granxas galegas de vacún de carne varían dos 2 aos 5 euros por kilo producido

Os custos de alimentación das granxas galegas de vacún de carne varían dos 2 aos 5 euros por kilo producido

Vacas da gandería de David López Garcia (Barreiros)

Este martes 1 de agosto, xuntáronse 20 gandeiros de carne convocados polo Grupo Operativo “Carne de vacún a pasto”. O obxectivo desta xuntanza fue presentar os resultados económicos da trintena de granxas analizadas no marco do grupo operativo, todas granxas de produción de vacún de carne das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense.

O Grupo Operativo “Vacún de carne a pasto: identificación e fomento de manexos gandeiros económica e ambientalmente mais sustentábeis.” está integrado pola Universidade de Santiago de Compostela, por dúas entidades de asesoramento (CELTIA enxeñería e Xestión Agrogandeira e Natureza SL), por unha cooperativa de ganderías de vacún de carne (ALMOGA) e dúas ganderías (as de Abel Fernández López e José Manuel Caridad Regueiro). Empezou o seu labor a finais do ano 2022 e rematará en setembro de 2024.

Pola mañá a sesión tivo lugar en Vilalba na sede da cooperativa ALMOGA, membro do Grupo Operativo promotor do acto. Alí, Xan Pouliquen Kerlau, coordinador do citado Grupo Operativo, presentou os datos das granxas participantes. Destacáronse 3 elementos clave.

1. Grande diversidade nos resultados económicos:

As granxas analizadas presentan un abano enorme de situacións en canto a resultados económicos. Como se ve na gráfica, os beneficios obtidos pola venda de cada animal nas granxas estudiadas, descontadas todas as subvencións, van desde unha perda de máis de 1000€ por animal vendido ata unha ganancia de case 1000€ por becerro.

As razóns desta gran diferenza son múltiples: granxas situadas en ecosistemas moi variados e polo tanto con maior ou menor disponibilidade de pastos e forraxes, con razas tamén diversas e mesmo sistemas de venda distintos (venda directa, carnicerías, IXP Ternera Galega ou non, etc…). Porén, Xan Pouliquen interpreta que “esta amplitude de resultados non é técnicamente nin normal, nin aceptábel, xa que se debe en realidade básicamente a unha falta de criterio técnico e técnico-económico na xestión das granxas”.

XAN POULIQUEN CEBO BECERROS

2. Calidades e peso das canles en entredito?

Outro dos puntos destacados na xornada é que os pesos e calidades das canles vendidas non sería o factor máis determinante para conseguir un maior ou menor beneficio. Os datos obtidos neste primeiro ano de análise mostran que non existe relación directa significativa entre peso da canal e beneficio final. Asemade, o prezo final da carne non é o mellor indicador dos beneficios finais. Dito doutro xeito: os custos de produción serían o elemento de máis peso para a obtención dun maior ou menor beneficio.

3. O custo de alimentación, a clave

Os custos de alimentación do gando (pensos, forraxes compradas e producidas) varían neste grupo desde 2€/kg canle ata máis de 5€/kg canle. A pregunta que se formula entón é: como é posíbel que un mesmo kg de carne se produza con máis do duplo de custo de alimentación? E isto é de suma importancia, cun prezo medio da carne de 5,3€/kg canle. A explicación deste fenómeno ven dada pola variabilidade no consumo de concentrados.

Así, desde o Grupo Operativo señalan a existencia de 3 tipos de prácticas, todas elas conducindo á produción de animais de peso semellante. Por un lado, a que lle dá aos seus becerros, de media, 400 kg de penso. Un segundo grupo obtén os mesmos pesos finais, pero cun consumo de ao redor de 800 kg de penso. E finalmente un terceiro grupo de ganderías alimentan os seus animais con arredor de 1000 kg de concentrado. “Lóxicamente, se os pesos finais son semellantes, enténdese perfectamente que os beneficios para o gandeiro/a non sexan nada parecidos”, subliña Xan Pouliquén.

Con estes datos, o traballo do Grupo Operativo consistirá agora en relacionar estos consumos de concentrados coas prácticas de pastoreo: o tipo de xestión do pasto é un factor clave no maior ou menor consumo de pensos.

En definitiva, a conclusión da presentación de resultados económicos destas granxas artéllase como debate: E se o segredo para ter maior ou menor rendibilidade nas granxas de carne estivera máis no control de custos, no manexo dos pensos e na xestión dos pastos?

A xornada do Grupo Operativo “Carne de vacún a pasto” concluíu pola tarde cunha visita á granxa de Antonio Cabana Fraga, que leva en produción ecolóxica desde o ano 2001, sendo unha das primeiras en darse de alta na certificación ecolóxica, en San Simón da Costa (Vilalba).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información