A empresa lucense Leche Río relanza Leyma desenvolvendo un novo packaging que busca diferenciar e singularizar aos seus produtos no liñal de vendas. Baixo o claim de Xente Auténtica, o grupo que preside Carmen Lence busca “resituar a Leyma”, unha das súas marcas máis emblemáticas, no top of mind do cliente.
Para iso, desenvolveu un novo packaging para os produtos desta marca co obxectivo de favorecer a súa diferenciación no liñal de vendas. “A iniciativa encardínase no marco dunha intensa campaña promocional que busca relanzar Leyma poñendo en valor a súa forte vinculación e ligazón ao territorio galego”, destaca Carmen Lence, presidenta de Grupo Leche Río.
A campaña Xente Auténtica sitúa no seu epicentro, como protagonistas, a persoas reais, vinculadas dalgún modo á compañía. Entre elas destacan, por exemplo, gandeiros ou transportistas. “Xente auténtica, da casa, a través da cal queremos transmitir a idea de que coidamos dos nosos profesionais e xeramos valor e riqueza na nosa terra e para a nosa xente”, sinala Lence.
As gráficas da campaña, realizada pola axencia coruñesa Quattro IDCP, buscan transmitir a paixón que os empregados senten polo seu traballo e reflectir, ademais, valores que definen ao grupo como a súa aposta por ofrecer produtos de calidade ou a sensibilidade cara á cuestión do benestar animal.
Precisamente, en relación a esta cuestión, Grupo Leche Río acaba de obter o certificado de benestar animal Aenor Conform, baseado no referencial europeo Welfare Quality ®, para todas as granxas provedoras de leite da planta de Leyma, un proceso que estará culminado en febreiro de 2021.
Unha marca de forte arraigamento en Galicia
Cúmprense 15 anos da adquisición de Leyma por parte do Grupo Leche Río. Foi no ano 2005 cando Jesús Lence compraba a planta de Arteixo a Ebro Puleva, reafirmando así o liderado da empresa familiar lucense como principal industria láctea galega.
A marca Leyma ten a súa orixe nas antigas Centrais Leiteiras creadas a partir dos anos cincuenta do século pasado para a subministración de leite pasteurizado ás cidades, en concreto, neste caso á cidade da Coruña.
En 1979 Leyma trasladaba as súas instalacións ao polígono industrial de Sabón, onde a día de hoxe segue sendo precisamente o seu leite fresco pasteurizado, comercializado baixo a marca Leyma Natura, un dos seus sinais de identidade.
Sobre o Grupo Leche Río
Grupo Leche Rio S.A. é unha empresa de carácter familiar con moita experiencia no campo do leite líquido. Trátase da compañía máis importante de capital privado na provincia de Lugo e unha das principais empresas lácteas do mercado español sendo a única empresa galega entre as 10 principais empresas lácteas nacionais. Comercializa 800.000 litros de leite ao día e pechou 2019 cunhas vendas superiores aos 142’8 millóns de euros.
Dispón de catro plantas de envasado, unha situada en Veiga de Anzós, en Láncara (Lugo), outras dúas no polígono industrial do Ceao (Lugo) e a cuarta no Polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña) e conta cun cadro de persoal de máis de 130 traballadores. A empresa comercializa marcas tan coñecidas como Río ou Leyma Natura entre outras.