Leche Río nega as especulacións que apuntan a que reducirá a recollida

O conselleiro delegado do grupo, Jesús Lence, sostén que non é certo que baralle reducir ata un 20% dos volumes procesados, como aseguran fontes do sector. Lence arremete contra as empresas que pagan parte das entregas a prezos de leite en po: “Lévannos á ruína a todos, granxas e industrias”

Leche Río nega as especulacións que apuntan a que reducirá a recollida

Leche Río sinala que dispón de capacidade para duplicar ou triplicar a produción.

O sector lácteo sobresaltouse nas últimas horas ó trascender as supostas previsións que ten Leche Río para reducir a recollida de leite a partir do 1 de abril. O conselleiro delegado do grupo, Jesús Lence, nega as especulacións manexadas por diversas fontes do sector que apuntan a que o grupo podería deixar a un cento longo de gandeiros. “Temos que facer unha previsión das vendas que imos ter na primavera verán e, a partir de aí, decidir o volume que recolleremos desde o 1 de abril, pero no noso pensamento non está baixar, senón aumentar”, sostén.

“O 90% do leite que se paga a prezo de po remata nun brik UHT ou en queixos, rebentando o mercado” (Jesús Lence)

Lence suliña que as súas factorías teñen capacidade para procesar o dobre ou o triple de leite que move actualmente -uns 600.000 litros día- pero advirte de que depende do mercado. “Un dos principais problemas que temos agora é que hai industrias que pagan parte das entregas a prezos de leite en po, cando o 90% dese leite remata logo en briks de leite Uht ou en queixos, rebentando os prezos do mercado” -cuestiona Lence.- “Esas prácticas lévannos á ruína a todos, granxas e industrias”, critica.

Dobres prezos
O conselleiro delegado de Leche Río sostén que a súa empresa en ningún caso vai pagar un dobre prezo polo leite. “Todo o leite que recollamos pagarase a prezo de mercado”, asegura Lence, que sinala que aínda non decidiu o prezo que abonará a partir de abril.

A proliferación na última campaña de industrias que aplican fórmulas de pago con prezos A (de mercado) para un 60-90% da produción e prezos B, referenciados ó leite en po, para un 10-40% das entregas, molesta a Lence, que non dubida en afirmar que “por este camiño afundimos ó sector lácteo galego”. O máximo responsable de Río pide que as Administracións controlen o destino do leite que se vende a prezos de leite en po, de xeito que se verifique que efectivamente sexa ese o seu destino.

“Todo o leite que recollamos pagarase a prezo de mercado e a nosa idea é aumentar recollida”

Garantías de recollida
En relación ás especulacións que manexa o sector sobre a decisión de Río de deixar a un cento longo de granxas, principalmente aquelas con menores calidades de leite, con escasos volumes e as que teñan dificultades de acceso para un camión cisterna longo, Lence rexeita de plano tal posibilidade e insiste en que na súa mente “está aumentar, non reducir”.

Leche Río, que chegou a mercar en Galicia máis dun millón de litros día, move na actualidade algo máis de 600.000 litros diarios, segundo as estimacións do sector, e continúa a ser unha das industrias de referencia na comunidade.

Contexto
A posibilidade de que os problemas que están a experimentar os primeiros compradores intermediarios para colocar o leite se extendan ás industrias preocupa no sector. De aquí a abril, os produtores dan por seguro que xurdirán máis intermediarios en dificultades, tanto cooperativas como empresas, a parte dos casos xa coñecidos de Codegui, Lácteos Riotorto, Leitigal e Queixerías Sarrianas.

En canto ás industrias lácteas, a Consellería asegurou xa hai semanas que conta co compromiso de todas as industrias de manter a recollida de alomenos os mesmos volumes que procesaron no 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información