“A rede social dos que coidan, comparten e gozan a Natureza”, así se define Landscare, unha iniciativa que busca sensibilizar e implicar á sociedade no coidado dos bosques. A idea partiu da Confederación de Organizacións de Selvicultores de España (COSE) e da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, e en Galicia conta co apoio da Asociación Forestal de Galicia.
Belén Zubieta de Piquer, técnica do proxecto Landscare -coidado da terra, en inglés- presentou este mércores a iniciativa ás comunidades de montes. E é que os montes veciñais en man común son uns destinatarios idóneos desta iniciativa polo seu carácter social e o seu aproveitamento multifuncional, con usos produtivos do monte, pero tamén recreativos e ambientais
A responsable técnica do proxecto explica que “Landscare funciona mediante unha web e unha app de descarga gratuíta e toda persoa interesada en contribuír ao coidado dun bosque, dunha paraxe natural ou de calquera ecosistema pode facelo mediante a compra voluntaria dun selo virtual cun pago polos servizos ambientais que presta ese bosque á sociedade”. Trataríase de contribuír voluntariamente cunha achega económica para axudar ao coidado dos bosques e devolver en parte o moito que achegan á sociedade: usos recreativos, captura de carbono, depuración da auga, mantemento do ecosistema…etc. “Os fondos recadados son transferidos integramente a quen coida e xestionan o bosque”, subliña Belén Zubieta.
“Xa hai uns 4.000 espazos que se sumaron á rede para ser apoiados”
Landscare conta nestes momentos con 4.000 puntos de información operativos (3.165 paraxes naturais, 206 rutas, 806 establecementos, 46 custodios…etc) non só de España, senón tamén de Latinoamérica. “Aínda que a aplicación xa está dispoñible desde o ano 2013, o lanzamento oficial da plataforma será no último trimestre deste ano e esperamos ampliar os puntos de información que os usuarios poden apoiar”, asegura Belén Zubieta.
“Landscare non busca tanto o apoio económico, como que a sociedade valore o traballo dos propietarios e xestores forestais, porque repercute en beneficio de todos”, subliña.
Asociación de Montes de Vigo: “Landscare encaixa coa nosa filosofía”
A gran maioría dos parques naturais de Galicia están incluídos en Landscare, pero o obxectivo dos promotores da iniciativa é estendela ás comunidades de montes, un tipo de propiedade que encaixa na filosofía desta iniciativa.
Neste sentido, Uxío González Pérez, presidente de Montes de Vigo, unha asociación que agrupa ás 13 comunidades de montes veciñais da cidade olívica e engloba a unhas 1.600 hectáreas, asegura que “compartimos con Landscare a fisolofía de socialización do monte que vimos aplicando nos montes de Vigo”.
“Cada vez temos un uso máis social e recreativo do monte”
Así, nos últimos anos as comunidades de montes veciñais desta cidade veñen potenciando os usos sociais e recreativos, en colaboración co Concello de Vigo, para que a sociedade coñeza e valore a importancia de conservar os bosques. “Organizamos tres andainas con máis de 1.000 persoas participantes en cada unha, realizamos un trail polos montes de Vigo e en outubro celebraremos unha marcha ciclista e xa levamos sinalizadas máis de 50 quilómetros de rutas de sendeirismo grazas ao voluntariado ambiental do concello”, explica Uxío. E todo iso combinado co aproveitamento forestal de piñeiro e eucalipto.
Neste sentido, o presidente de Montes de Vigo considera “a fisolofía de Landscare encaixa coa nosa, no sentido de potenciar o uso social, deportivo e cultural do monte e que a sociedade se implique valore o noso traballo”. Así, destaca que “nunha enquisa que realizamos hai uns anos entre os veciños de Vigo, máis da metade mostrábanse dispostos a colaborar economicamente ou co seu traballo no coidado dos montes do concello”.