
Entrada principal á planta de Inleit no polígono industrial de Teixeiro, en Curtis
A empresa InLeit Ingredients, filial galega de Lácteos Industriales Agrupados (LIASA), pechou o 2020 cunha facturación de 61 millóns de euros e un total de 200 millóns de litros de leite procesados, procedentes de 200 explotacións gandeiras e 3 cooperativas. A pesar diso, a planta de Teixeiro pechou 2020 cun resultado negativo de 15 millóns, cifra marcada polos atrasos na posta en marcha e a evolución do mercado, derivados da crise da covid-19, segundo a empresa.
Actualmente o 60% da facturación provén xa de concentrados e illados de proteína, produtos de maior valor no mercado e maior marxe. Destaca, ademais, que gran parte das vendas están dirixidas ao exterior, tanto á UE como a Asia, América e Oriente Medio.
O mercado internacional representa a metade da facturación da compañía, que exporta a 30 países
Concretamente, expórtase xa desde Curtis a unha trintena de países. Neste apartado, a estimación é que o volume de negocio da compañía procedente do mercado internacional siga crecendo. Só no primeiro semestre de 2021, a exportación alcanza máis do 50% da facturación.
Para iso, InLeit acelerou os seus procesos de certificación de calidade e seguridade alimentaria internacional, sumando actualmente seis certificacións nas que se inclúe a kosher e halal para a contorna xudía e árabe, mercados que presentan indicadores de crecemento a futuro.
Compromiso con Galicia
“Nun marco extremadamente complexo pola crise sanitaria, InLeit mantivo o seu compromiso co sector lácteo galego e, polo tanto, cos titulares das explotacións gandeiras, de modo que mantivo a recollida da totalidade dos litros de leite contemplados nos acordos prepandemia, pese ao atraso na posta en marcha da planta en gran parte motivado polas restricións do coronavirus”, afirma a compañía nun comunicado; se ben tamén cómpre lembrar que procedeu a unha baixada de prezos no campo en plena pandemia.
Inleit compra directamente a 200 ganderías e mantén acordos con Aira, Clun e Leitenoso, o que lle garante unha subministración media de 700.000 litros diarios
Actualmente, a planta mantén acordos con 200 titulares de explotacións gandeiras da comunidade galega e tres cooperativas (Aira, Clun e Leitenoso), o que lle garante unha subministración media de 700.000 litros diarios.
Ademais, a empresa láctea seguiu un ritmo ascendente na creación de emprego, chegando a pechar o 2020 cun cadro de persoal de 131 persoas, un incremento dun 17% entre xaneiro e decembro de 2020, evolución positiva que a empresa prevé manter ao longo deste exercicio.
Un investimento global de 140 millóns de euros
Cunha superficie construída de máis de 12.000m² e máis de 700m² dedicados exclusivamente ás actividades de I+D, a factoría de InLeit, situada no polígono industrial de Teixeiro, en Curtis, supuxo un investimento próximo aos 120 millóns.
A ela súmanse agora dous novos proxectos, nos que se investirán máis de 21 millóns de euros, que permitirán a posta en marcha de dúas novas instalacións dentro do complexo utilizado pola planta.
En 2021 iniciouse a construción dunha fábrica de emulsións graxas e, tralo verán, porase en marcha unha planta piloto destinada á síntese e obtención de novos ingredientes lácteos
A primeira delas é unha planta piloto destinada á síntese e á obtención de novos ingredientes lácteos, instalación que está na súa fase final e poderá iniciar o período de probas tralo verán. Con esta nova infraestrutura, á que se destinarán máis de 4 millóns de euros, búscase resolver as limitacións que presentan as técnicas empregadas actualmente para mellorar a separación do leite.
A planta pechou 2020 cun resultado negativo de 15 millóns de euros debido a atrasos na posta en marcha e á propia evolución do mercado pola crise do coronavirus
A segunda construción estará dirixida á elaboración de emulsións graxas e, para iso, o grupo lácteo realizará un investimento superior aos 16 millóns de euros. Con esta instalación prevese pechar o círculo de todo o proceso no mesmo recinto, de modo que se extraia a proteína, por unha banda, se realícen novos ingredientes e, co excedente de materia graxa, se elaboren outro tipo de produtos.