Ganderías de Rois e Lousame que apostan polas boas prácticas ambientais

O coidado das ribeiras dos cauces fluviais, xunto a un axeitado manexo dos xurros, é unha das cuestións nas que traballan diversas granxas das comarcas do Sar e Barbanza. O reto é lograr certificacións e apoios que recoñezan os servizos ambientais que se lle prestan á sociedade

Rexeneración de bosque de ribeira.

Rexeneración de bosque de ribeira.

O coidado do medioambiente no agro ten unha repercusión nos valores naturais e paisaxísticos do territorio, pero o agro plantéase tamén ese coidado como unha tendencia competitiva. As esixencias ambientais da Comisión Europea aumentan en cada ciclo da PAC e tamén se trata dunha cuestión valorada polos consumidores.

Facemos un repaso do traballo de tres ganderías das comarcas do Sar e Barbanza, en Rois e Lousame (A Coruña), e recollemos valoracións de diversas entidades que operan na zona. Este artigo, de autoría múltiple, foi elaborado coa colaboración das granxas participantes, da cooperativa Clun, Augas de Galicia, o Fondo Galego de Garantía Agraria, o Concello de Rois e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

As comarcas do Sar e Barbanza caracterízanse pola súa proximidade á costa, o que lles permite un clima suave e frecuentes precipitacións. Contan con vales a baixa altitude, xunto a terras que soben ata a 600 metros sobre o nivel do mar. Trátase de terras de gran fertilidade, propicias para os sistemas agroforestais, e que presentan unha gran riqueza paisaxística.

É por isto que desde o sector agrogandeiro e desde as institucións se aposta por iniciativas como o coidado do patrimonio natural ou a conservación dos bosques de ribeira, no marco das boas prácticas agrarias. O obxectivo é desenvolver unha estratexia de sustentabilidade e competitividade que poida ter apoio das políticas europeas e recoñecemento do consumidor.

Finca Varela SC (Rois)

“O benestar animal e o coidado do medioambiente repercutirán en certificacións en orixe das nosas producións”

Finca Varela é unha granxa familiar adicada á producción de leite desde fai máis de 16 anos, situada na parroquia de Augasantas, no Concello de Rois. Neste momento conta cunha cabana gandeira de 470 cabezas, das cales 240 son en muxido.

“Queremos defininir estratexias baseadas no benestar animal, o coidado do medioambiente e a sostibilidade local, de xeito que repercuta en certificacións en orixe das nosas producións”, explican.

“Son cuestións que inflúen no valor de marca e que repercuten positivamente nas percepcións do producto que ten o consumidor, pois podemos aportar valores como o benestar animal. Nós situamos a seguridade alimentaria como pilar básico da produción e buscamos unha maior rendabilidade”.

No eido ambiental, a gandería traballou nos últimos anos en dúas liñas para reducir os seus impactos e mellorar a biodiversidade no seu entorno.

    Inxectores de aplicación de xurro da granxa.

    Inxectores de aplicación de xurro da granxa.

  • Instalación de dúas fosas de xurro telladas, cun total de 3,2 millóns de litros de capacidade xestionada, e a aplicación por inxección de xurro. Estas medidas permítenlles unha aplicación periódica do abono, nos momentos máis axeitados, cun uso máis eficiente do xurro e con menores efectos ambientais.
  • Progresivo mantemento das marxes dos cauces, con 5 metros sen laborear, co fin de acadar unha integración máis eficiente das actividades agrogandeiras. Con esta medida, protéxese o solo e a auga do entorno do cauce, mellórase a biodiversidade e auméntase a masa forestal, que xera beneficios como a captura de dióxido de carbono da atmósfera.
Franxa sen traballar na zona de servidume de augas nunha finca de Gandería Varela.

Franxa sen traballar na zona de servidume de augas nunha finca de Gandería Varela.

Albagueira SC (Hermedelo, Rois)

“Queremos impulsar experiencias cara un modelo sostible de agricultura”

José Manuel, de Albagueira SC.

José Manuel, de Albagueira SC.

Albagueira SC é unha gandería familiar de leite situada no lugar de Hermedelo, no Concello de Rois. Conta na actualidade cunha cabana de 136 cabezas.

Sobre o coidado do entorno, a granxa destaca que as estratexias ambientais poden darlle carácter ó produto final, reforzando a súa marca nun mercado cada vez máis competitivo. Entre as medidas ambientais que adoptou a granxa nos últimos anos, figuran as seguintes:

  • Ampliación das instalacións con criterios de calidade, baseados sobre todo no benestar animal e na busca da maior seguridade alimentaria.
  • Adopción de criterios de sostibilidade ambiental, que cada vez cobran máis protagonismo para caracterizar ó produto que chega ós consumidores. A gandería separa 5 metros os traballos agrícolas das marxes dos cauces, como referente climático que supoñen os bosques de ribeira e como aposta pola “reconstrucción” da paisaxe agraria. Outro aspecto no que traballan é na delimitación e conservación de zonas húmidas dentro dos terreos de producción.
  • Protección de augas soterradas e mellores prácticas de abonado. A gandería conta cunha fosa de xurro de 1,5 millóns de litros, o que lle permite secuenciar ou espaciar os abonados, evitando innecesarias sobrecargas nas aplicacións.
Zona húmida conservada nos terreos de Albagueira SC.

Zona húmida conservada nos terreos de Albagueira SC.

Concello de Rois

” Revalorizar antigos sendeiros con valor histórico é unha alternativa eficiente na conservación das paisaxes fluviais”

Roberto Agrelo, técnico do Concello de Rois.

Roberto Agrelo, técnico do Concello de Rois.

Un exemplo de conservación do patrimonio natural e cultural por medio dunha iniciativa recreativa é a Ruta das Penicias, que foi deseñada e restaurada no ano 2018 por parte do Concello de Rois. Para a inauguración, o concello organizou unha ruta de sendeirismo dentro da programación das Festas Patronais do San Isidro Labrador (15 de maio).

A ruta é circular e conta con 8,5Km de percorrido, saíndo do Campo da Festa de San Mamede e chegando ao mesmo lugar.

O seu itinerario transcorre polas parroquias de S. Mamede de Rois (Infesta, Casas do Porto e Rois) e parroquia de San Xoán de Buxán. Os camiñantes poden disfrutar de corredoiras cheas de árbores autóctonas, camiños antigos, sendeiros, muiños e incluso pódese observar a fauna propia destas zonas, ademáis de hórreos característicos e cruceiros destacados.

O Concello deseñeu esta ruta para regular o fomento do uso público dos espazos naturais, coma un aspecto fundamental que contribúe ao desenvolvemento local, mantendo o seu trazado natural, no cal se respectaron en todo momento os camiños e os sendeiros utilizados polas persoas desta zona desde moitos anos atrás.

Deste xeito, fronte a agresivas pavimentacións nas marxes dos ríos, antigos sendeiros cunha grande significación histórica convírtense en alternativas eficientes na revalorización e conservación das paisaxes fluviais.

Gardería Fluvial de Augas de Galicia

“As boas prácticas na agricultura e na gandeiría deben reconquistar a paisaxe agraria”

Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia.

Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia.

Historicamente, en terras agrarias temos diferenciados tres valores naturais determinantes nas condicións climatolóxicas locais, que fortalecen posicións contra cambios climáticos agresivos.

  • Alonxando as actividades e ocupacións das marxes un mínimo de cinco metros desde a beira dos ríos, renovarase a vexetación de ribeira, o que ten un impacto inmenso na biodiversidade e é necesario para manter a temperatura e un caudal constante das augas. Ese cinturón verde é ademais un potente filtro contra contaminantes nitroxenados, de ata o 90 por cento.
  • As zonas húmidas son apoios e reservas constantes de auga, que reducen temperaturas cercanas en 5º centígrados, elevando as superficies produtivas a un estado microclimático óptimo.
  • Manter as lindes supón recuperar parte da paisaxe do rural. Son un soporte contra a erosión e unha resposta na mellor producción agraria, abrigando dos fortes ventos e solanas excesivas. As boas prácticas permitirán tamén a presenza de polinizadores nas marxes, contribuíndo así á loita biolóxica contra as pragas.

Estes tres elementos en conxunto potencian un enorme corredor fluvial integrado na paisaxe agraria que non podemos abandonar. Son figuras a ter moi en conta, fronte a outras políticas ambientais que poden ser máis esixentes.

Temos que saber e defender que o papel da agricultura e da gandeiría é ”parte da solución” a problemas como o cambio climático, a conservación da auga e a reducción da erosión.

Así mesmo, o panorama rural debe debuxarse cunha paisaxe, a da distribución arquitectónica e a adaptación a elementos naturais, cunha xestión que sexa un modelo real de sostenibilidade. Pero para iso, debemos retroceder ao pasado, revivir as boas experiencias e tomalas como referencia nas accións do presente, coma solucións e viabilidades que xa non están cuestionadas.

Sat Santa Lucía (Val de Xestoso, Lousame)

“Buscamos a armonización do noso traballo co entorno natural”

Zona de separación entre os cultivos e un cauce fluvial en Sat Santa Lucía.

Zona de separación entre os cultivos e un cauce fluvial en Sat Santa Lucía.

Sat Santa Lucía é unha explotación de vacún de leite de Lousame formada por catro socios: Eladia,Sofia,Moncho e Manolo. Está situada na Serra do Barbanza, en concreto no Val do Xestoso, na cabeceira do río Traba.

“A nosa explotación xurdiu no ano 2000 da fusión de tres explotacións de réxime semiextensivo, pasando a formar unha nova con 140 vacas en muxido e de carácter intensivo.O cambio de modelo productivo a intensivo fíxonos ver a necesidade dunha boa xestión das nosas prácticas agrarias e do benestar animal”, contan.

Foxa de xurro cuberta de Sat Santa Lucía.

Foxa de xurro cuberta de Sat Santa Lucía.

“Asi é que temos unha fosa de xurro tellada de 4 millóns de litros, que nos garante poder ter un purín de calidade, e permítenos espaciar as aplicacións dúas veces o ano, para minimizar o consumo de abonos químicos”, explican.

A adaptación a boas prácticas agrarias é outra cuestión que coidaron, “afastándonos 7 metros da beira do río, respectando así a vexetación de ribeira que fai de barreira natural, moi importante para o ecosistema do propio río”.

“A tendencia é perseguir a armonización do noso traballo co entorno natural, na liña de traballo de explotacións agrarias familiares que queremos ter produtos cunha orixe e un valor diferenciado, á vez que colaboramos á mellora dos ecosistemas”, sinalan.

Jorge Piñeiro. Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

“Os aspectos medioambientais da PAC cada vez son mais importantes”

Desde o Fogga lembran que no ámbito da condicionalidade das axudas da PAC, é necesario manter unhas franxas de vexetación co obxecto de protexer os cauces de augas.

O Fogga sinala que nunha marxe de 5 metros a partir da ribeira dos ríos non pode existir produción agrícola (salvo cultivos leñosos que xa estean implantados) nin se poden aplicar produtos fertilizantes e fitosanitarios no chan.

“Esta redución de superficie de cultivo é necesaria para recibir as axudas da PAC e cabe sinalar que se paga toda a superficie do recinto, incluído a franxa de protección dos 5 metros”, subliñan.

O non cumprimento desta obriga -advirten- supón unha penalización en todas as axudas da PAC, incluídas as de FEADER SIXC, en función da gravidade, o alcance e a persistencia do incumprimento.

Rafa García. xefe de servizos agrogandeiros de Feiraco

“A parte forestal ligada a moitas das nosas explotacións, coa correspondente fixación de C02, debería ser un valor a restar da pegada de carbono de producción de leite ou carne”

Non cabe dúbida que Galicia é un verxel dentro da Europa continental, unha das zonas que mellores condicións ten para a produción de forraxes dende o punto de vista medioambiental, e por tanto para a produción de leite e carne.

Debemos tratar de facer un uso razoable da terra e pola en valor para poder diferenciar as nosas producións no mercado de produtos alimentarios.

Logo Clun

Galicias hai moitas, pero dende o punto de vista climático, as condicións que se dan nas franxas de ata 80 km terra adentro pegadas o mar, son únicas en Europa, cunhas condicións de horas de sol e chuvia que fan que poucas zonas produzan tanto sen necesidade de rega no verán.

Por outra banda, a alta carga de fixación de carbono dos nosos solos fainos únicos dentro da xeoloxía europea, sendo unhos dos solos que máis carbono conteñen.

A parte forestal ligada a moitas das nosas explotacións, coa correspondente fixación de C02, debería ser un valor a restar da pegada de carbono de producción de leite ou carne, en contrapartida coa case ausencia de arbores de Holanda ou certas zonas cerealistas de Francia.

O entorno paisaxístico non é menos importante e deberiamos respectalo, tal e como demanda unha sociedade cada vez máis concienciada en relación á natureza.

E por último, deberiamos pór énfase na calidade e abundancia de auga de Galicia, mirando polos seus cauces e respectando as normas de boas prácticas para poder seguir contando que as nosas augas son as únicas do top 10 de rexións productoras de leite de europa que non están contaminadas por nitratos.

Todo isto e máis ofrécenos esta nosa terra, para ter unha bonita historia que contar detrás de cada produto, solo temos que intentar coidala e pola en valor para o consumidor.

* Autores Varios (AA.VV)

Artigo editado por 'Campo Galego' en base ás colaboracións achegadas por Augas de Galicia, cooperativa Clun, ganderías participantes, Fogga e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información