Gandería Kuhne, unha das granxas de leite máis eficientes de Dinamarca

Visitamos esta granxa danesa con 742 hectáreas de base territorial e 650 vacas adultas que moxen 3 veces ao día. Logran unha produtividade de 102.0 € e de 373 litros por hora traballada, o que a converte nunha das máis eficientes de Dinamarca. Ademáis, contan cunha empresa de servizos agrícolas e participan nunha planta de biogás. Coñecemos como traballan no marco dunha visita realizada por un grupo de gandeiros galegos e promovida pola AGACAL-Consellería do Medio Rural

Os irmáns Kuhne fronte a unha das cortes de vacas en lactación

Os irmáns Kuhne fronte a unha das cortes de vacas en lactación

A explotación Fam Kuhne é a terceira explotación con mellores índices económicos do grupo danés da European Dairy Farmers (EDF) e a número dezoito a nivel europeo. O retorno total sobre a produción sitúase en 67.0 € por tonelada, cuns custos de 46,1 € por 100 quilos ECM (0,46 euros) para o exercicio 2023. Cun coidado protocolo, o rendemento dos 10, 5 empregados da granxa situouse en 102.0 €/hora e unha produtividade de 373 litros por hora.

Fai máis de 100 anos que a familia Kuhne adquiriu esta explotación, crecendo progresivamente en animais e base territorial ata o dia de hoxe no que traballan 742 hectáreas e manexan 650 vacas adultas en 3 muxiduras ao día. Fam Kuhne está situada na Dinamarca meridional, máis concretamente no municipio de Vejen, unha zona forte na produción de leite. Os 3 irmáns propietarios desta granxa repártense a xestión do negocio, dedicándose un deles exclusivamente ao traballo na granxa, outro irmán encárgase de atender unha empresa de servizos agrícolas e o terceiro participa tanto no traballo coas vacas como coa maquinaria.

A man de obra é un punto primordial na xestión de todas as explotacións polo que obter unha máxima eficiencia desta é clave para o resultado final. Os traballos diarios cos animais repártense entre 10,5 traballadores dedicados a esta área de negocio da familia. A correcta planificación das tarefas, xunto cun coidado protocolo, sacan o máximo rendemento a cada hora de traballo, que nesta granxa supón unha media de 4000 euros brutos e unha dedicación de 200 horas por empregado cada mes. Como resultado, a hora de traballo tradúcese en 373 litros de leite producidos.

As dificultades para encontrar man de obra en Dinamarca fai que a poboación estranxeira sexa maioritaria neste tipo de traballos. En Fam Kuhne inmigrantes procedentes da India, Romanía, Vietnam ou Ucraína forman o cadro laboral. “Ao igual que buscamos animais lonxevos tamén queremos que as relacións cos nosos traballadores sexan longas. Temos empregados que viñeron traballar á nosa explotación e fomos vendo como ían formando unha familia en Dinamarca e hoxe están totalmente establecidos. Para nos é primordial non estar contratando cada pouco tempo persoal novo na explotación. Para manter os empregados ofrecemos, entre outras, unha gran flexibilidade para as libranzas e as vacacións.” explican os irmáns Kuhne.

Panorámica das distintas construcións que conforman a explotación

Panorámica das distintas construcións que conforman a explotación

A primeira vista ao chegar a esta explotación lévanos a ver unha perfecta simetría entre os diferentes edificios que a conforman, construídos baixo un mesmo patrón. Do mesmo xeito, o coidado contorno da granxa contribúe a ter unha estética agradable. As primeiras naves están dedicadas ao almacén da maquinaria xunto cun pequeno taller no que realizar a maior parte das reparacións e mantementos. A continuación sucédense as diferentes naves nas que se aloxa o gando, cunha intermedia onde se encontra a sala de muxido.

 Lote de vacas secas. Zona de posparto e enfermería

Lote de vacas secas. Zona de posparto e enfermería

A primeira destas construcións foi feita no ano 2000 e recentemente foi modificada para cumprir coas normativas de emisións, reducindo os ocos entre as parrillas; e de benestar animal, aumentando a lonxitude dos cubículos e os metros cadrados por animal. Nun lateral están as vacas secas e xovencas próximas ao parto que descansan sobre camas de colchón. A alimentación deste lote consiste en 4.5 quilos palla, 1.5 de colza, 1 de soia e 15 de silo de millo. Logo de pasar unha media de 56 días, que dura o período de secado, o gando pasa un tempo de revisión na zona de posparto para detectar calquera problema e actuar rapidamente. De media, as vacas pasan entre 2 e 3 días nesta zona de observación. Xunto coa enfermería, estes animais descansan sobre unha profunda cama quente de palla. Esta era a antiga nave de produción na que aínda se conserva a sala de muxido á que acoden os animais que así o requiren, dedicando este leite para a recría.

 Ampliación con patio exterior para cumplir a normativa de espazo por animal

Ampliación con patio exterior para cumplir a normativa de espazo por animal

A parte dereita desta nave está ocupada polas primeirizas e tamén foi modificada recentemente para aumentar os metros cadrados dispoñibles por animal. Esta cambio supuxo a creación dun patio e un pesebre exterior. “Funciona ben e foi unha forma sinxela de aumentar o espazo por animal. Esta zona está iluminada cando é necesario pois temos unha parte do ano na que hai poucas horas de luz e así garantimos que os animais acoden a comer. O maior problema son os días con moita choiva ou con vento nos que a inxesta de alimento descende”, argumenta Jan Kuhne.

O período de secado e os animais en hospitalización son revisados e atendidos minuciosamente. “Aquí pasamos moitas horas ao día, cremos que unha das claves para minimizar os problemas e as baixas radica en ter esta zona ben controlada. Prestando especial atención ás vacas secas e ao periparto conseguimos que os problemas durante a lactación sexan mínimos”. Deste xeito, a explotación rexistra unha baixa anual do 25%, sumando os animais vendidos para carne e as baixas por morte, unha media por debaixo dos datos da EDF danesa (European Dairy Farmer), que se sitúa nun 30%.

Jan Kuhne xunto aos boxes onde agrupan os becerros por parellas dende a segunda semana

Jan Kuhne xunto aos boxes onde agrupan os becerros por parellas dende a segunda semana

Dende as parideiras, os recen nacidos pasan por distintos boxes ata o seu destete. A normativa esixe que a partir da primeira semana os becerros teñan contacto entre eles. Varios estudos avalan que a socialización axuda na aprendizaxe e conduta posterior no rabaño. Reciben dúas tomas de leite ao día de 5 litros cada unha e entre elas teñen auga limpa e fresca a disposición. Para garantir unha cama limpa e seca apórtase palla con frecuencia. Estes boxes colectivos están construídos sobre unha plataforma elevada e móbil para facilitar o manexo diario. “Os animais quedan a un metro sobre o chan, facilitado os traballos de alimentación e observación. Ao ser unha construción móbil facilítanos as labores de limpeza da zona. Todos os pequenos detalles son válidos para ao final de cada xornada laboral lograr a maior efectividade”, explican os irmáns Kuhne.

Unha vez destetadas, a recría pasa a unha explotación noutra localización, onde permanecen até o momento de regresar ao lote de preparto. As femias son destinadas para a recría e os machos son vendidos a partir das dúas semanas. “Para a recría inseminamos con gando frisón e para o restante estamos utilizando seme sexado de azul belga para conseguir machos. Na recría temos marxe para mellorar pois temos unha mortalidade por encima da media, cunha taxa do 7%. É un aspecto que temos que revisar e traballar nel de cara ao futuro”, recoñecen.

Lote de vacas multíparas en lactación

Lote de vacas multíparas en lactación

A continuación, están situadas as naves de vacas en produción, separadas entre primeirizas e vacas con dous ou mais partos, con 160 e 360 reses respectivamente. Estas construcións destacan por ser zonas ben ventiladas e onde se percibe pouco estrés dos animais. “Cando pasamos unha vaca de posparto a estes lotes asegurámonos que estea totalmente recuperada e que as posibilidades de ter algún problema sexan mínimas. Deste xeito, nestas zonas temos pouco traballo relativamente, é na outra nave na que nos centramos máis. Aquí limitámonos a alimentar, muxir e limpar as instalacións” explican os irmáns Kuhne.

Balsa de decantación de area, coa sala de muxido ao fondo

Balsa de decantación de area, coa sala de muxido ao fondo

Utilizar area para os cubículos destes lotes garante en Fam. Kuhne unha mellor sanidade do ubre polo que decidiron apostar por este material. As características da terra nesta rexión, xunto co clima, fan que a aportación de area non sexa un problema. O consumo é de 10 quilos por vaca e día, o que supón unhas 35 toneladas semanais. O xurro pasa primeiramente por unha fosa onde se fai unha decantación e logo é distribuído cun tractor e unha cuba por varias balsas localizadas en diferentes puntos da base territorial, nun radio de 12 quilómetros. Na zona hai sistemas de reutilización da area pero “son sistemas complexos e cun importante investimento, non o consideramos rendible actualmente”.

 Equipo de aplicación de xurro con sistema de dosificación de ácido sobre o tripuntal dianteiro

Equipo de aplicación de xurro con sistema de dosificación de ácido sobre o tripuntal dianteiro

As restricións ambientais, tanto por parte da administración como da industria que recolle o leite -ARLA-, fai que o manexo dos xurros requira a aplicación de ácidos sulfúricos que mitigan as emisións de amonio. En función das esixencias ambientais, en Dinamarca hai 3 niveis de restrición. No caso de Fam. Kuhne, están na zona con maior flexibilidade polo que unicamente é necesario incorporar o ácido no momento de aplicación, a razón de 1.7 litros por tonelada de xurro.

Para a alimentación dos lotes en produción utilizan unha ración específica, da que o 71.2% da materia seca está producida na propia explotación. Dando un importante peso ao millo, a alimentación componse de 0.5 quilos de glute de millo, 3.4 quilos de colza cun 4% de graxa, 1.5 quilos de torta de colza co 10% de graxa, 1.3 quilos de soia co 46% de proteína e libre de OGM, 0.2 quilos de melaza, 3 quilos de pastone, 15.1 quilos de silo de millo, 0.5 quilos de palla, 0.7 quilos de silo de herba e varios suplementos de carbonato cálcico, sal, graxa, corrector vitamínico e urea até completar os 27 quilos de materia seca. Como indicador que evalúa a eficiencia desta alimentación os irmáns Kuhne prestan especial atención ás feces, determinando pola súa textura e composición se a ración está ou non equilibrada.

En canto á xenética, en Fam. Kuhne están centrados en vacas da raza holstein. “Fixemos probas con roxa danesa ou con cruces pero agora estamos centrados en animais holstein puros, son cos que maiores índices de produción estamos a conseguir. En canto á morfoloxía non buscamos animais grandes pois queremos vacas baixas e fortes, son as que mellor mobilidade van ter, conseguindo minimizar os problemas e aumentar a lonxevidade”. Nesta explotación un aspecto primordial é a produción diaria pero tamén a lonxevidade. De media os animais de Fam. Kuhne abandonan a explotación con 46.000 quilos de leite corrixido, en torno a 10.000 quilos por encima da media de granxas da EDF danesa. Froito da xenética seleccionada, unha alimentación e un manexo apropiados a taxa de mortalidade é do 1.6% dos animais adultos, por debaixo do media do país que se sitúa no 5%.

A muxidura realízase 3 veces ao día: ás 4:00; 12:00 e 20:30 horas. Para esta tarefa hai sempre 3 persoas encargadas, nin máis nin menos. Unha delas é a que achega os lotes á sala, e encargase da limpeza de patios e cubículos. Na sala de muxidura traseira, 2 persoas atenden os 40 puntos. Para optimizar o tempo aténdense os animais en tramos de 5, seguindo a rutina de aplicación de espuma, despunte, limpeza e colocación das tetoeiras para pasar a outro grupo de 5 animais e rematar cun selado. Nesta nave hai unha zona con trabadizas para realizar os tratamentos e controis necesarios dos animais, pois o resto dos comedeiros o único elemento de división é un tubo, dando maior liberdade ás vacas no pesebre.

 Sistema de valoración por parte de Arla de boas prácticas

Sistema de valoración por parte de Arla de boas prácticas

Como a maioría de granxas, Fam. Kuhne entrega o leite á cooperativa Arla. Exceptuando pequenas leiterías máis artesanais, esta é a única gran industria que opera en Dinamarca. Actualmente Arla está facendo fincapé na sustentabilidade da produción de leite para poder defender o produto nun mercado cunha conciencia ambiental crecente. Destra forma, iniciou un programa que avalía o manexo, podéndose traducir nun complemento ao prezo do leite de ata un 5%. Sobre un total de 80, o obxectivo de Arla é que todas as explotacións acaden como mínimo 58 puntos. Actualmente a explotación dos irmáns Kuhne ten unha cualificación de 66. Os 5 grandes puntos que trata son a eficiencia alimentaria, a aplicación de fertilizantes, o uso do solo, a efectividade da proteína e a lonxevidade dos animais. A maiores tamén se avalía o uso da soia na alimentación, a biodiversidade e o secuestro de carbono, o manexo do esterco, o uso de enerxías renovables e finalmente a formación do persoal.

Os principais puntos onde Fam. Kuhne ten máis marxe de mellora son a aplicación de fertilizantes ou a efectividade da proteína, onde perde 7 puntos. Destaca na eficiencia da alimentación e no uso da soia, acadando a máxima puntuación ou no manexo do esterco e no uso de enerxías renovables.

Parque de maquinaria da empresa de servizos

Parque de maquinaria da empresa de servizos

Taller para o mantemento e reparación da maquinaria

Taller para o mantemento e reparación da maquinaria

Unha segunda área de negocio desta familia son os servizos de maquinaria agrícola. O volume de beneficios, sobre o total dos negocios, sería similar á produción de leite. Contan cun extenso parque de maquinaria co que realizan os traballos nas 742 hectáreas da granxa e a maiores encárganse de todos os traballos agrícolas doutras 15 explotacións de tamaño similar e algunha que outra de menor superficie. A dificultade de atender ambos negocios son os momentos con picos de traballo xa que son moitas hectáreas a traballar. Ao igual que na granxa, contar cun amplo parque de maquinaria de gran tamaño, ter unha boa organización é fundamental. Durante todo o ano o cadro de persoal son 7 persoas pero nos momentos de maior carga pode chegar a haber 20 tractoristas traballando longas xornadas nunha área de 30 quilómetros.

O mes de agosto é cando mais concentración de labores hai na zona e nese mes hai traballadores con 400 horas. “Non temos problema cos traballadores por facer tantas horas, é un período concreto e eles mesmos queren traballar pois así sacan un salario maior. A hora de traballo por operario ten un custe de 22 euros brutos”, explica Jan Kuhne. Nesta área de negocio, coñecer o idioma é fundamental polo que a totalidade dos empregados son daneses. Ademais da lingua, coñecer a área na que se traballa é fundamental para ter certa autonomía. A pesar de que o inglés está moi estendido, non toda a poboación o coñece.

Unha terceira vía de negocio, aínda que minoritaria, é a participación nunha planta de biogás. Dende o ano 90 e xunto con outros 50 socios destinan á planta unha parte do xurro xerado na explotación. Estas plantas non admiten o xurro con area polo que o xerado nos lotes de produción non se destina a obtención de gas. Aínda así, debido ao bo funcionamento da area nas camas os irmáns Kuhne non valoran outro tipo de material para os cubículos. A propia planta é a encargada de realizar o transporte desde a granxa á planta e viceversa.

Reciben un pago por quilo de materia entregada e o prezo varía en función da cotización do gas. O ano 2022 foi un exercicio anómalo pola alta cotización froito da guerra entre Rusia e Ucraína. “Ese ano recibimos 125.000 euros polas entregas, o que supuxo 2.4 céntimos por litro de leite producido. E iso tendo en conta que unha gran parte do xurro da explotación non se destina ao biogás. En condicións normais esta remuneración baixa ata os 0.5 céntimos por litro de leite producido, representando en torno a un 5% de beneficios sobre o total dos negocios”, explican os irmáns.

Unha visita de gandeiros galegos a Dinamarca coordinada pola Consellería do Medio Rural

Esta reportaxe elaborouse durante unha visita a Dinamarca dun grupo de gandeiros galegos o pasado mes de febreiro. Esta acción foi coordinada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), da Consellería do Medio Rural, e estivo enmarcada no Plan Estratéxico da PAC. O obxecto desta sesión formativa foi o intercambio de coñecementos, analizar distintas formas xestión e ver como as explotacións danesas fan fronte a unhas estritas normativas ambientais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información