As granxas de vacún de leite de Dinamarca: Fortalezas e debilidades dunha potencia láctea a nivel mundial

Cunha rede de explotacións gandeiras distribuídas por todo o país o sector leiteiro de Dinamarca caracterizase por ser moi eficiente, chegando a producións de 400 litros por hora de traballo e empregado.

Vacas nunha granxa danesa

Vacas nunha granxa danesa

A comparación do agro galego e danés foi obxecto de análise para un grupo de gandeiros galegos que se desprazaron ata as terras do norte. Esta visita, coordinada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, estivo enmarcada no Plan Estratéxico da PAC. O obxecto desta sesión formativa foi o intercambio de coñecementos, analizar distintas formas xestión e ver como as explotacións danesas fan fronte a unhas estritas normativas ambientais.

A granxa Fam Kühne IS DK-41 con 575 vacas adultas, 11.500 quilos de leite correxido e 742 hectáreas

A granxa Fam Kühne IS DK-41 con 575 vacas adultas, 11.500 quilos de leite correxido e 742 hectáreas

As catro explotacións nas que se centraron as visitas son unha representación do sector lácteo do país, habendo granxas de maior e menor tamaño e con diferentes sistemas de manexo. A media de animais por explotación sitúase en 225 vacas adultas, cunha produción de 11.500 litros de leite corrixidos por lactación. Estes datos, superiores á media española, reflicten a intensificación e eficiencia na produción de leite. A tendencia dos últimos anos sitúa a Dinamarca e Galicia en situacións similares, o número de explotacións vai en descenso mentres que o numero de animais por granxa vai en aumento, cunha produción en global de todo o sector estabilizada no caso danés.

Evolución do número de explotacións dende 1982

Evolución do número de explotacións dende 1982

Gráfica sobre a produción, por trimestres, dende o 2012. En verde leite ecolóxico e azul leite convencional

Gráfica sobre a produción, por trimestres, dende o 2012. En verde leite ecolóxico e azul leite convencional

Para a produción de forraxes, todas as explotacións contan cunha extensa base territorial que nalgúns casos se complementa co cultivo de cereais. Para a alimentación do gando os principais cultivos son o millo e a herba. O gran colleitado pode estar destinado á venda, ao consumo ou a unha combinación como pode ser a venda de colza para extracción de aceite e posterior consumo na granxa da parte restante. Cun inverno minguado en horas de sol, ventos fríos e clima húmido, os traballos de recolección de forraxes concéntranse nos meses de verán.

 En 2023 os custes de produción situáronse en Dinamarca en 35.6 céntimos por litro, cun prezo de venta de 53.5 céntimos por litro de leite

Con datos da European Dairy Farmers, no último ano os custes de produción situáronse en Dinamarca en 35.6 céntimos por litro, cun prezo de venta de 53.5 céntimos por litro de leite. A pesar de ser un ano extraordinario, os resultados económicos das explotacións en Dinamarca dende o 2008 reflicten unha rendibilidade media dun 2% sobre o valor total da explotación. Un retorno do investimento que se considera insuficiente e que debe subir para manter a viabilidade do sector.

 Custes de produción e prezo de venta do leite en distintos países membros da EDF

Custes de produción e prezo de venta do leite en distintos países membros da EDF

Evolución do retorno de inversión, con unha media do 2% dende 2008

Evolución do retorno de inversión, con unha media do 2% dende 2008

A cooperativa Arla recolle a maior parte do leite do país, incentivando a sostibilidade das granxas cun sistema de puntuación

A transformación do leite está practicamente monopolizada por unha empresa, Arla. Esta cooperativa multinacional é a cuarta compañía en volume de recollidas a nivel mundial. Xunto coas normativas aplicadas polo estado, Arla é moi esixente na sustentabilidade ambiental e benestar animal nas explotacións, aplicando uns incentivos para as explotacións con prácticas positivas. A crecente preocupación dos consumidores nestes ámbitos é o principal motivo polo que a cooperativa traslada estas esixencias ao campo. A pesar de haber un certo monopolio, os gandeiros daneses mostran unha opinión favorable coa cooperativa.

Puntuación das practicas sustentables por parte de Arla

Puntuación das prácticas sustentables por parte de Arla

É común soportar grandes cargas financeiras pola compra das granxas, cunha media de entre 10.000 e 15.000 € vaca

Seguindo coa economía das explotacións, todas elas se caracterizan por facer fronte a elevadas cargas financeiras. O endebedamento medio varia entre 10.000 e 15.000 euros por vaca adulta. Unha explotación típica de Dinamarca está valorada en 10 millóns de euros e a súa compra é o principal motivo deste endebedamento, que ademais se financia´a longo prazo. A extensa base territorial é o principal valor nestas transaccións. O goberno coñece o valor de cada explotación e para o seu cambio de titularidade é necesaria unha venta, non se concibe un traspaso directo entre familiares sen transacción económica. Unicamente, no caso de ser unha venda de pais a fillos, permítese unha minusvalía do 15%. A pesar deste desconto, un 85% dos relevos nas granxas non son xeracionais senón que son absorcións por parte doutras explotacións veciñas, empregados da explotación ou nalgún caso máis excepcional inversores.

Esta necesidade de endebedamento é un lastre para o relevo xeracional, dado que as novas xeracións non sempre están dispostas a endebedarse nestes niveis. A idade media dos titulares de explotacións gandeiras é elevada, os gandeiros por debaixo dos 35 anos supoñen só un 5% do total, mentres preto do 30% ten 65 anos ou máis. Un problema a curto prazo ao que se enfronta o sector lácteo danés, igualmente que en Galicia.

 Evolución nas últimas décadas da idade de titulares de explotacións

Evolución nas últimas décadas da idade de titulares de explotacións

En Spiras contan con 3.100 traballadores unicamente para asesoramento

O traballo de xestión é fundamental para a viabilidade destas explotacións, debido a isto, os gandeiros dedican moitas horas á xestión e análise dos datos económicos e accións estratéxicas. Para isto hai unha serie de empresas que abranguen todo tipo de asesoramento. Estas consultoras, fináncianse unicamente coas achegas dos gandeiros, sen axudas estatais nin financiamento de ningunha empresa relacionada co sector. Realizan todo tipo de asesoramento que non requiren traballos in situ na explotación e colaboran na xestión económica pero tamén en aspectos como cambios de titularidade das explotacións, cumprimento de normativas ambientais, desenvolvemento dixital, consultoría enerxética ou na formación tanto dos titulares como dos traballadores.

Pablo Carro na visita a Spiras mostrando as áreas de traballo da empresa

Pablo Carro na visita a Spiras mostrando as áreas de traballo da empresa

Spiras (https://www.spiras.dk/) é unha destas empresas que asesoran a gandeiros daneses e que foi visitada por este grupo de gandeiros galegos para ter unha visión máis ampla do agro danés. Os 3.100 empregados, unicamente en asesoramento, de Spiras son un fiel reflexo do intenso traballo de xestión que se realiza no país. Todas as empresas asesoras traballan actualmente cunhas 35.000 explotacións agrícolas e gandeiras de todo o tipo e por todo o conxunto do país, das cales 2.300 son explotacións lácteas a tempo completo. Igualmente que en Galicia, hai unha gran cantidade de granxas con dedicación a tempo parcial. Unicamente unha terceira parte das 11.000 explotacións gandeiras danesas teñen dedicación exclusiva.

Gráfica da evolución do numero de gandarías

Gráfica da evolución do numero de gandarías

As relacións e demandas por parte do sector coa administración canalízanse a través dun centro de investigación participado por todas estas empresas asesoras e con total independencia económica. Jens Toksvig Bjerre, consultor de economía operativa en Spiras explica que “hai unha certa desconexión entre a cidade e o campo en Dinamarca. As leis fanse dende Copenhague e non sempre co consenso necesario. Agora estase debatendo unha nova taxa para gravar as emisións de CO2 producidas nas granxas. Dende o centro de investigación estamos intentando explicar que nunha granxa hai zonas de emisión pero tamén zonas de secuestro de CO2 pero politicamente é algo que non sempre se entende”.

O goberno danés prepara unha taxa por emisión de CO2 nas explotacións e o sector demanda que se teña en conta o secuestro de carbono dos cultivos

Hai varios escenarios posibles, no caso de aplicarse unha taxa por emisións de CO2 similar a outro tipo de empresas suporía entre 1.000 e 1.200 euros por vaca e ano. Outros escenarios máis positivos contemplarían unha redución dun 50% da taxa impositiva e no mellor dos casos unha cota de 200€ por vaca e ano pero vinculada a introdución de tecnoloxías e prácticas que permita reducir as emisións. Dende Spiras calculan que o primeiro modelo non sería soportable polas explotacións danesas, coa primeira redución habería igualmente explotacións con dificultades. No mellor dos casos, cunha taxa de 200 € por animal incluso sería unha mellor situación que a actual.

Jens Toksvig Bjerre explicando as posibles taxas por emisións de CO2

Jens Toksvig Bjerre explicando as posibles taxas por emisións de CO2

O sector lácteo é unha parte importante do sector primario de Dinamarca, complementaria ao sector porcino, avícola ou a produción de cereais. Cunha orografía favorable, o 62% da superficie danesa é terreo cultivable. Na parte occidental, cun terreo máis areoso, concéntranse as explotacións de vacún, mentres que na parte oriental aséntanse a maior parte das granxas porcinas e explotacións cerealistas cun terreo máis arxiloso e propicio para este tipo de cultivos. O sector porcino en Dinamarca é moi importante e xera máis valor engadido que en outras zonas, hai moita exportación de leitóns con xenética moi seleccionada para o posterior cebo noutros países. Un negocio en expansión en Dinamarca é o cultivo de pataca para produción de amidón.

 Distribución das explotacións en convencional marcadas en azul e ecolóxicas en vermello

Distribución das explotacións en convencional marcadas en azul e ecolóxicas en vermello

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información