Ganderia Gayo, aposta pola comercialización directa de carne de raza vianesa en ecolóxico

En Biduedo, no concello de Triacastela, Carlos e Rocío manteñen en pastoreo 70 vacas vianesas en prados que se atopan a unha altitude de entre 1.100 e 1.300 metros. Apostaron pola calidade e non polos quilos, pero nos matadoiros moitas veces iso non se valora dabondo, así que decidiron vender eles mesmos a súa carne

Carlos e o seu fillo Samuel coas súas vacas vianesas en Biduedo (Triacastela)

Carlos e o seu fillo Samuel coas súas vacas vianesas en Biduedo (Triacastela)

Vivir da gandería de carne valorizando a súa produción. Foi o que decidiron fai xa 5 anos Carlos Gayo e Rocío Lago. Hoxe teñen 70 nais de raza vianesa, están en produción ecolóxica e distribúen e comercializan eles mesmos os becerros que producen entre restaurantes e particulares da zona. Grazas a ese trato directo co cliente final puideron salvar moito mellor ca outros gandeiros de carne estes meses de parón polo coronavirus.

“Vendemos a hostelería e a particulares e o que fixemos foi derivar cara a clientes particulares algúns dos pedidos que antes tiñamos da hostalaría. Colleunos nunha época con poucos becerros para sacar e fomos amañando así”, explica Carlos.

En Gandería Gayo conseguiron tamén manter os prezos, fronte ao que lles pasou á maioría de gandeiros de vacún de carne, que non comercializan directamente e que sufriron descensos importantes nestes meses, superiores ao 20% en moitos casos, sobre todo nas canais de máis valor marcadas como Ternera Gallega Suprema.

Tes unha calidade impresionante na carne que produces pero nos matadoiros só valoran os quilos, así que tivemos que buscarnos a vida e comercializar nós directamente

“Salvamos por facer nós a comercialización, senón teríanos collido a nós tamén. Levamos tempo servindo aos mesmos restaurantes, tíñannos tres becerros reservados e quedaron con eles igual malia que estiveron pechados e mantivéronnos o mesmo prezo, tamén nós lles levamos tempo co mesmo prezo, sen subirlles”, engade.

Conseguiron manter os prezos

Venden a súa carne de raza vianesa ecolóxica a 7 euros o quilo, un prezo que xa inclúe os gastos de sacrificio e maduración da carne, o despece e preparación dos pedidos e o embolsado e entrega a domicilio. “Realmente quédanche 5 euros”, matiza Carlos.

Venden a súa carne de vianesa ecolóxica a 7 euros o quilo, un prezo que xa inclúe o sacrificio, despece, preparación e entrega dos pedidos

Venden canais e medias canais. Levan eles mesmos os animais ao matadoiro e unha vez sacrificados pasan pola sala de despece e de aí á cámara de maduración, onde a carne está entre 10 e 15 días. “Logo distribuimos nós directamente aos clientes, pero cando sae o becerro da corte xa sabemos para quen vai, xa vai ao matadoiro cun cliente asignado”, conta.

Tan só sacrifican machos, que matan a unha idade de entre os 10 e os 11 meses. “A esa idade veñen pesando canal uns 180 quilos, pode haber algún fenómeno de 200 quilos, pero o normal é unha media de 180”, indica.

Non concentran os partos para ter carne todo o ano

Os becerros maman na nai até os 7 ou 8 meses. Despois remátanse con cereal e herba seca

Os becerros maman na nai até os 7 ou 8 meses. Despois remátanse con cereal e herba seca

Gandería Gayo sacrifica ao longo de todo o ano para poder subministrar con regularidade aos seus clientes. “Nós non concentramos os partos, temos para sacar todo o ano. Eu non estou moito pola labor de concentrar precisamente por iso, porque ao facer nós mesmos a comercialización é mellor así”, argumenta.

As femias recriámolas todas e vendémolas para vida. Ao matadoiro só van os machos

As femias recríanas todas, ben para cubrir as necesidades da propia explotación ben para vender a outras explotacións que contan con raza vianesa. Traballan en pureza 100% e dispoñen de tres sementais propios, Navarro, Gallardo e Platero, con candanseu lote de vacas nodrizas. “Temos tres lotes polo tema da consanguinidade, comezamos con dous touros e dous lotes de vacas e iamos cambiándoos, pero cando volvían cambiar de lote tiñamos o problema de que xa había netas súas con ese touro, así que fixemos un lote máis para evitar iso”, explican.

Crían tamén bois ‘low cost’

Esta explotación ubicada no concello de Triacastela, na montaña luguesa, conta na actualidade con 70 vacas adultas, máis os tres sementais, a recría das femias, os machos de ceba e catro futuros bois. “Empezamos o ano pasado a castrar algún macho, xa teñen agora case dous anos. A idea é ir metendo 4 machos castrados cada ano para poder ir sacando tamén catro bois ao mercado cada ano. A miña idea é que estean os 4 anos no medio das vacas, con pouco gasto, porque se os tes que ter dous anos dentro cebándoos con penso coido que non compensa ao final. Eu penso que me vai funcionar así, téndoos fóra no prado e con algo de axuda suplementaria pero case sen cebalos, porque esta raza ten unha capacidade de engrase impresionante”, relata Carlos.

Coido que se tes que cebar os bois durante dous anos con penso ao final non compensa

“O ter o gando fóra dache liberdade a ti tamén, pero os animais aínda que están fóra hai que atendelos igual”, engade. Os becerros están sempre coas nais até o cebo final, como mínimo até os 7 meses. “Os xatos están co leite e co pasto só, son vacas de moito leite e aguantan ben. Só no inverno lles metemos algo de cereal ecolóxico. En primavera e verán recollémolos aos 8 meses, no inverno antes, aos 7 meses, porque aquí os invernos son duros. Cando deixan o prado e veñen para dentro cebámolos con cereal e herba seca”, explica.

O cambio das rubias polas vianesas

Na casa de Carlos, ubicada en Biduedo, en Triacastela, sempre houbera vacas de carne pero eran de raza rubia galega cando os que atendían a explotación eran os seus pais. “Había 24 vacas rubias na casa. Fai 13 anos, por problemas de saúde do meu pai, tiven que tomar a decisión de deixar a empresa na que traballei 17 anos ou coller a explotación. Daquela non me decidín e para poder seguir traballando fóra da casa busquei unha raza que me permitira compatibilizar. Tiña claro que quería vianesa. Aquí xa houbo esta raza fai moitos anos, traíanse para traballar bois e vacas vianesas”, conta.

É por iso que Carlos xa coñecía a esta raza autóctona e a única dúbida que podía ter era a súa adaptación a estaren fóra a unha altura de entre 1.130 e 1.300 metros, que é a que teñen as súas fincas. “Fun velas a Montederramo, eu quería saber como toleraban a altitude e a neve e ese día xa merquei 5 xovencas e a partir de aí fun substituíndo pouco a pouco as rubias polas vianesas. Hai 7 anos que vendín as últimas rubias. Hoxe temos todo o gando de raza vianesa 100% Hai sobre 3.000 cabezas desta raza autóctona en toda Galicia, unhas 500 na provincia de Lugo, e 72 témolas nós”, bromea.

De compatibilizar co traballo fóra da casa a centrarse na gandería

Carlos seguiu empregado até fai 5 anos noutro traballo, que compatibilizaba coa actividade gandeira na explotación familiar, pero decidiu finalmente centrarse soamente na gandería. “Abandonei o traballo para dedicarme a isto ao 100%. Tomei a decisión de xeito consciente, xa sei que non me vou facer rico, pero dame para vivir disto, que é o que pretendiamos”, razoa.

Tomei a decisión de adicarme a isto de xeito consciente, non me vou facer rico, pero dame para vivir disto, que é o que pretendiamos

Máis aló do aspecto puramente económico, Carlos valora outras cousas, como poder estar coa familia. “Durante o confinamento fomos uns privilexiados, porque as vacas teñen que comer todos os días e había que saír a traballar igual. O único que fixemos foi reducir as viaxes ao imprescindible pero no resto aquí para nós non foi moi diferente a todos os días”, valora.

Nese tempo, ademáis, contou coa axuda de Samuel, o seu fillo, de 10 anos. “Coñéceas a todas as vacas polo seu nome e axúdame moito nas vacacións ou cando non ten colexio”, destaca o seu pai. “Temos que manexalas de finca en finca e aínda que o manexo para cambialas é doado, facemos falta dúas persoas. Son dóciles ao non estaren soas no monte. Vou eu diante e xa veñen comigo, pero ten que ir outro detrás para que non queden os becerros atrás”, xustifica.

O problema do minifundio

Navarro, un dos tres sementais da gandería. Está cada un co seu lote e móvense coas vacas de finca en finca

Navarro, un dos tres sementais da gandería. Está cada un co seu lote e móvense coas vacas de finca en finca

Gandería Gayo manexa unha superficie de 65 hectáreas marcada polo minifundio existente nesta zona da montaña luguesa. “A finca máis grande é a que está xunto da casa, de 10 hectáreas, o resto son todas parcelas moito máis pequenas e iso dificúltanos moito o manexo”, indican.

Biduedo atópase na parte alta do concello de Triacastela, camiño xa de Pedrafita, pero aínda que é unha zona de alta montaña a dispoñibilidade de superficie non abunda. “No pobo somos só 6 veciños, pero os 6 temos vacas, así que tiven que alugar fincas en Fonfría”, conta Carlos.

No pobo somos só 6 veciños pero os 6 temos vacas

O gando está en extensivo día e noite durante todo o ano, alimentado soamente con pasto en primavera e verán e a outra metade do ano suplementándolle o que pace. “A partir de outubro e até abril teño que suplementar, os invernos aquí son duros. Para cada rabaño teño dous comedeiros de 14 prazas e unha tolva de penso para os becerros, iso en cada un dos tres lotes. Facemos forraxe para o inverno nós e se non nos chega traemos de Castela, porque en Galicia non hai en ecolóxico. O ano pasado, por exemplo, trouxemos veza ecolóxica de Valladolid”, relata.

O paso a ecolóxico

Pouco antes de deixar a empresa na que Carlos traballou 17 anos, el e a súa muller, Rocío, xa pasaran a explotación a ecolóxico, que o único no que os condiciona no seu sistema de produción é na prohibición de empregar herbicidas para o control das malas herbas e abonos químicos sintéticos para a fertilización das pradeiras.

Cando non nos chega a forraxe que recollemos nós traemos de Castela porque en Galicia non hai en ecolóxico

“Fai 5 anos, cando nos pasamos a ecolóxico, empezamos abonando con abonos especiais para pradeiras ecolóxicas, pero non nos resultou. Agora o que fago é ir co tractor pasando un mallazo para extender as bostas das vacas e os restos de comida e abono así”, detalla.

A partir do momento de ter dado o salto a ecolóxico e de profesionalizar a produción, Rocío e Carlos tiveron que dar o seguinte paso: o da venda directa. “Tes unha calidade impresionante na carne que produces pero nos matadoiros só valoran os quilos, non a calidade, así que tivemos que buscarnos a vida e comercializar nós directamente a carne que producimos en ecolóxico”, explican.

Unha explotación gravemente afectada pola praga da rata-toupa en máis de 40 hectáreas das súas pradeiras

Destrozos provocados pola rata-toupa nas pradeiras de Ganadería Gayo

Destrozos provocados pola rata-toupa nos pastizais de Gandería Gayo

A fauna salvaxe, ben sexa o lobo ou o xabarín, son con frecuencia dous dos problemas máis graves aos que se enfrontan a maioría das explotacións de vacún de carne coma a de Carlos e Rocío. Pero no seu caso é outro animal o foco dos seus pesadelos, xa que Gandería Gayo atópase gravemente afectada pola praga de rata-toupas que leva meses extendéndose sen control polos concellos da montaña de Lugo.

Non se trata dunha rata común. A rata-toupa (arvícola terrestris) é un tipo de roedor que saca a terra á superficie cando fai as galerías e está a exténderse pola cornixa cantábrica favorecida polo cambio climático. De feito, os Gobernos de Asturias, Navarra e Castela e León xa adoptaron medidas para frear a súa propagación.

A rata-toupa roe a raíz das plantas, polo que no caso das pradeiras estas perden produtividade, ademais de minguar notablemente a calidade das forraxes nos ensilados por mor dos montículos de terra en superficie, o que provoca tamén roturas na maquinaria á hora de segar e recoller a herba.

Os Gobernos de Asturias, Navarra e Castela e León xa adoptaron medidas para frear a súa propagación. A Xunta tan só fixo reconto das zonas afectadas

É ademais unha praga difícil de combater, ao vivir debaixo da terra, e ten unha grande capacidade reprodutiva. Mide entre 12 e 18 cm, co rabo e fuciño curtos e orellas moi pequenas. Vive entre 15 e 24 meses e o seu periodo de xestación é duns 22-24 días, podendo ter de 4 a 6 partos ao ano con entre 1 e 6 crías por camada.

“Son ratas de máis dunha cuarta. Comezou a habelas fai 9 ou 10 anos e van avanzando. Son unha invasión. Tivemos unha primeira reunión hai un ano coa consellería e seguimos esperando por unha solución, pero de momento non fixeron nada. Antes do confinamento viñeron técnicos da Xunta e incluso trouxeron un técnico de Asturias, onde xa levan máis tempo combatendo esta praga, e houbo máis reunións aquí en Triacastela, á que veu o director xeral de Gandería, José Balseiros, e en Becerreá pero con isto do confinamento abandonáronnos por completo”, quéixase Carlos.

Seguimos esperando por unha solución por parte da Consellería desde hai un ano pero de momento non fixeron nada, téñennos abandonados por completo

Mentras a Xunta segue sen mover ficha desde fai meses, a praga segue a extenderse, sumando xa case 2.000 hectáreas, segundo os recontos da propia Consellería, publicados no mes de xaneiro. “A extensión non foi a máis polo inverno, porque co frío están como aletargadas, pero agora co bo tempo seguen avanzando e reproducíndose a velocidade abismal”, explica. En Triacastela e Pedrafita é onde está o foco máis grave, pero chegou xa a concellos limítrofes como o de Navia, A Fonsagrada, Cervantes, a zona alta do Courel e Samos e mesmo a Baralla.

Exemplares de rata-toupa

Exemplares de ‘arvícola terrestris’

“Estivemos recollendo a forraxe e é un escándalo, de pena. Temos que ensilar a herba tirando a seca, porque senón vai a terra toda pegada e aínda así nos rolos vai terra, pedras, ratas mortas, de todo menos calidade de ensilado”, asegura Carlos, que ten 40 hectáreas de pradeiras afectadas pola praga. “Practicamente o 100% da nosa superficie está afectada en maior ou menor medida”, di.

Son poucos os tratamentos efectivos para exterminar esta praga que avanza nos últimos anos desde outros países europeos cara a Galicia pola cornixa cantábrica da península. Un deles é a roturación das fincas, pero é algo que nesta zona da montaña é inviable. “Aquí non podes renovar as pradeiras, pola pendente e porque saen moitas pedras”, explica.

Traballar así é complicado, destrozas a maquinaria, tes unha merma moi importante na produción de forraxe e eu teño medo incluso que poidan transmitir algunha enfermidade ao gando

Así pois, a única solución pasaría pola autorización por parte da Xunta dalgún tratamento específico ou o emprego de trampas como as que xa se están a usar en Asturias, (onde incluso o Goberno do Principado ten establecido axudas económicas específicas para os afectados), pero iso requeriría previamente a declaración como praga por parte do Goberno autonómico galego, algo que a Xunta aínda non fixo.

Tamén lobo e xabarín

Pero o feito de ter rata-toupas nas súas pradeiras non fai que Gandería Gayo se libre do xabarín e o lobo. “Está copado de xabarín, van detrás das ratas abríndoche os regos por onde están as toupoeiras e asustan as vacas e bótanseme fóra. “Traballar así é complicado, destrozas a maquinaria, á rotativa tes que afiarlle as cuchillas cada pouco, cando vas co rastrillo non fas máis que levantar terra e pedras que van na herba e que recolles coa rotoempacadora. Pero ademais ao desfacerche as pradeiras, tes moita menos produción de herba e eu o medo que teño é que as ratas poidan incluso transmitir algunha enfermidade ao gando”, teme Carlos.

Eu entendo que o lobo está en perigo de extinción, pero as miñas vacas son dunha raza autóctona que tamén está en perigo de extinción

Lobos tamén hai, di. “Eu tivera un ataque fai 10 anos no que me mataran dous becerros pequenos. Non volvín ter baixas, pero este ano vino ás nove e media da mañá no medio da finca. Porque o lobo no medio destas vacas non se mete, pero espera a que se produza o parto dunha vaca e cólleche o becerro que está só. Eu entendo que o lobo está en perigo de extinción, pero as miñas vacas son dunha raza autóctona que tamén está en perigo de extinción”, razoa Carlos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información