Gandeiros de Rodeiro preparan unha entrega solidaria de 10.000 litros de leite

A asociación Mocidade Kambota, que conta con numerosos gandeiros entre os seus socios, consegue reunir 10.000 litros de leite que prevén entregar a finais desta semana a entidades sociais do Deza, Pontevedra e Santiago

Gandeiros de Rodeiro preparan unha entrega solidaria de 10.000 litros de leite

O colectivo Mocidade Kambota, unha asociación de ámbito cultural e social do concello de Rodeiro (Pontevedra), está a preparar unha entrega solidaria de leite. A entidade, na que boa parte dos seus membros son labregos quere deste xeito contribuir a paliar a situación de vulnerabilidade pola que estaban a pasar un numero crecente de familias. “Vimos que Rodeiro, como gran produtor de leite, podía poñer o seu gran de area para afrontar estas dificultades”, explican dende o colectivo.

Así, fixeron de intermediarios entre os gandeiros, empresas locais e persoas físicas por un lado e a industria láctea polo outro. Deste xeito, lograron unha primeira entrega de 10.000 litros de leite con produtores de Leite Larsa. Según as súas estimacións, a doazón pode estar valorada en 7.000 euros para o consumidor final. “Cabe destacar a gran implicación desta industria para poder acadar este número de litros”, sinalan dende o colectivo.

“O que se propuxo foi que as familias gandeiras doaran do leite que producen e así, coa boa vontade e implicación da industria, multiplicar o valor do doado”, explica Alberte Lamazares, presidente do colectivo. A maiores tamén se sumaron persoas físicas e empresas locais que se fixeron con litros de leite en ganderías locais.

O acto de entrega terá lugar este venres en Rodeiro. O leite terá como destino entidades como o propio Concello de Rodeiro, o colectivo O Mencer, de Lalín, que atende a familias do conxunto da comarca; o Banco de Alimentos de Pontevedra e a Cociña Económica de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información