“Galicia é ideal para moitas especies forestais, a historia oriéntanos sobre que facer”

Entrevistamos a Fernando Molina, o pai da investigación forestal galega. Chegou ó Centro de Lourizán no 1947 e dirixiuno do 1959 ao 1985. Tras a súa xubilación, foi presidente da Asociación Forestal de Galicia ata o ano 2000 e aínda hoxe en día, aos 99 anos, é un silvicultor activo

“Galicia é ideal para moitas especies forestais,  a historia oriéntanos sobre que facer”

Fernando Molina, os seus 99 anos, continúa a saír ó monte sempre que ten ocasión.

Fernando Molina é a persoa que, por traxectoria, máis e mellor pode falar do monte galego. Chegou a Galicia hai 70 anos para traballar no Centro Forestal de Lourizán e desde aquela viviu en primeira persoa tódolos cambios que atravesou o monte galego. Foi dos iniciadores da investigación forestal galega e dirixiu Lourizán do 1959 ao 1985, ano no que se xubilou.

Logo da xubilación, como propietario forestal que era, convertiuse no presidente da Asociación Forestal de Galicia, cargo que deixaría no ano 2000. Aos seus 99 anos, continúa sendo hoxe en día un silvicultor activo e percorre cada vez que pode as súas parcelas de monte, ás que denomina como “empresa forestal”. “Podía ter unha colección de selos e ser coleccionista, pero a min gústame isto outro -explica-. Entretéñome no monte, aínda que só sexa vendo como podo defenderme do corzo”.

Quedamos con el na súa vivenda de Pontevedra para falar da evolución do monte galego e das perspectivas que lle ve el de cara ó futuro. Ao comezo das case tres horas de conversa, Fernando Molina, de 99 anos pero incansable, alude a que leva máis de tres décadas xubilado. “Hai moitos profesionais en Lourizán e na Universidade que están no día a día. Eu falo con seguridade porque un é un apaixonado, pero vostede entenda que todo o que digo refírese a niveis de probabilidade”.

Comecemos falando de como estaba o monte galego cando vostede chegou ó Centro Forestal de Lourizán e de como foi evolucionando.
– Houbo uns cambios tremendos. Galicia, nos anos 40, xa modificara moito o seu carácter forestal. No mundo forestal, dentro do que son as árbores, hai dúas producións fundamentais, o grupo de coníferas e o grupo de frondosas. En todo o planeta, na situación de clima tépedo na que está Galicia, hai uns 400 millóns de hectáreas de coníferas por 60 millóns de frondosas. Fíxese o oposto que é isto ao que a xente cre en xeral, que en Galicia, igual que no resto da Cornisa Cantábrica, o natural do seu emprazamento é ter tantas frondosas.

“O piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) introduciuse en Galicia no século XVIII procedente de Portugal, qué é quizais a mellor procedencia para Galicia”

Sabe vostede que pasaba en Galicia? Que entramos na idade moderna, poñamos hai catro séculos, sen ningunha conífera. Tiveramos o piñeiro silvestre e hai científicos que sosteñen que tamén o ‘Pinus pinaster’ (o coñecido como ‘piñeiro do país’), pero entramos na idade moderna sen ningún.

En torno ós anos 40 do século XX, a situación xa era outra…
– Si, cando eu cheguei a Lourizán estabamos xa noutra situación. O escenario comezou a cambiar no século XVIII e cando chegamos ós anos 40 do século XX, o piñeiro silvestre estaba desaparecido e tiñamos unhas 30.000 hectáreas do ‘Pinus pinaster’, que se introduciu en Galicia desde o Miño grazas aos propietarios forestais. Este é un piñeiro de toda a área mediterránea e afortunadamente, o que se implantou en Galicia procedía de Portugal, que é quizais o mellor para Galicia.

Daquela, ademais, foi cando o Icona acometeu con máis forza a repoboación artificial de piñeiros en Galicia, xa que se tomara a repoboación como unha meta política. Nun principio, non existía preocupación pola procedencia da semente e traíase moita dos piñeirais do centro de España porque era fácil de obter. Pero nos anos 50, nun só ano morreron en torno a un millón de piñeiros pola falta de adaptación, e foi entón cando se regulou a semente e comezou a facerse unha selección, non só grazas á intervención de Lourizán, pois son asuntos complexos.

“Nun principio, nas repoboacións artificiais de piñeiro non había preocupación pola orixe da semente, pero iso cambiou tras a morte dun millón de plantas nun só ano”

No Centro Forestal de Lourizán, dentro dos obxectivos cos que se creou o Centro, iniciamos ensaios de comparación cos piñeiros e vimos que a raza do sur de Pontevedra era moi superior ó resto. En Galicia había un piñeiro que os madeiristas chamaban piñeiro femia, característico do sur de Pontevedra, que tiña unha casca moi fina e que era moi bo desde o punto de vista do crecemento. Ten outros defectos, como que era pouco aplomado e non aconsellable para sitios con moito vento, pero hai que dicir que tivemos a sorte de introducir este piñeiro, que destacaba como o máis produtor de madeira de España.

O ‘Pinaster’ ocupou Galicia en pouco tempo e convertiuse na primeira especie produtora de madeira. É importante lembrar tamén que o piñeiro foi a mellor manifestación industrial da Galicia do interior. Chegou a haber máis de 1.000 serradoiros repartidos por toda Galicia. Era a mellor saída que podía ter a madeira, pois non se dependía dunha industria soa. Os silvicultores eramos moitos e a industria estaba case tan desperdigada coma os propietarios, o que creaba un equilibrio real do que debía ser o prezo.

Fernando Molina.

Fernando Molina.

O piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) acadou tamén unha presenza destacada en moitas comarcas do interior de Lugo. Como foi a súa entrada en Galicia?
– O piñeiro insigne chegara con don Rafael Areses, que era un enxeñeiro de montes que actuou a comezos do século pasado e fundou o viveiro de Tui. Sen embargo, como en Galicia levabamos dous séculos de multiplicación do ‘Pinus pinaster’, entón o insigne non tiña sitio, aínda que no último inventario forestal creo lembrar que estamos xa en 96.000 hectáreas de piñeiro insigne. Outras zonas de España, como o País Vasco, convertíronse nunha masa continúa de piñeiro insigne. É a especie de piñeiro máis empregada fóra do seu lugar de orixe, que é California.

Cando vostede chegou a Lourizán, no 1947, había xa unha presenza destacada do eucalipto en Galicia?
– O eucalipto estaba só en xardíns. O verdadeiro comezo con el, dun xeito involuntario, sería quizais cando o introduciu o presidente da Deputación de Pontevedra Daniel de la Sota, que foi un home moi construtivo e inaugurou a política forestal moderna en torno o ano 1925. A Deputación fixo daquela moitos consorcios no monte para acometer repoboacións de piñeiro. O eucalipto utilizábase como separación de deslinde dos montes. Púñanse fileiras de eucalipto. E que pasou? Que o eucalipto, posto a multiplicarse de sementes, non hai quen lle gañe. E entón, cos lumes, extendeuse moito. Para min, ese é un dos puntos singulares do aumento do eucalipto, pero cando eu cheguei a Galicia pouco máis había que o que estaba en xardíns, como o do Pazo de Lourizán.

“Un punto singular do aumento do eucalipto en Galicia foi o seu uso, en fileiras, para deslinde de montes en Pontevedra”

Cando comezou a ter o eucalipto un uso máis extendido no monte?
– Cando realmente se deu a viraxe foi cando nos anos 40, capital italiano e español fixeron a fábrica de Torrelavega para convertir madeira de eucalipto en celulosa. Entón, ao montar a fábrica, de seguida se deron de conta de que Galicia era a zona que mellores condicións ofrecía para o eucalipto na península, así que comezaron a facer consorcios cos Concellos a partir do ano 1944. Realmente era un negocio redondo, comparado co que había, xa que ofrecíanlles ós Concellos un anticipo moi tentador pola produción futura que esperaban recoller.

“O éxito do eucalipto desde o punto de vista económico é innegable. O paisano non é tonto. Agora ben, hai que ter en conta tamén a outra parte da sociedade”

Iso continuou, as cousas elabóranse a modo, pero dentro do que cabe, rápido. O éxito do eucalipto desde o punto de vista económico é que, a pesar da praga do gorgullo, vostede colle a unha persoa do norte de Galicia que vaia plantar unha parcela, pregúntalle que quere poñer e case todos queren poñer eucalipto. Os paisanos non son tontos. Agora ben, ademais dos donos dos montes, hai outra xente, xente que disfruta coa paisaxe, e o Goberno ten que atender a todos.

Como ve vostede a polémica do eucalipto, que se remonta alomenos ós anos 70?
– En Galicia hai máis de medio millón de propietarios de monte e este colectivo, o normal, en xeral, é que queira sacar cartos para vivir e para ter recursos. O que pasou en Galicia é que de non ter autoctonamente a clase de árbores que enriquecen á xente, como as coníferas ou os eucaliptos, chegou á situación actual. Galicia ten unha potencialidade forestal tremenda, pero a sociedade non son só os donos dos montes. Hai outra parte da sociedade que é importante e que disfruta coas paisaxes dos seus pais, avós, con esa vista bucólica.

Eu lembro cando comezaron as plantacións de eucaliptos en Campo Lameiro, que é un dos primeiros sitios onde se fixeron plantacións, e un asomábase ó val de Campo Lameiro e era idílico, moi bonito, parcelas pequenas, vacas, camiños estreitos… Pero que pasa, a xente non quere vivir alí. Vostedes coñecen esa situación mellor ca min…

Fernando Molina, nunha visita feita en setembro á Cidade Encantada, en Cuenca.

Fernando Molina, nunha visita feita en setembro á Cidade Encantada, en Cuenca.

“Teño unha finca plantada con sequoias e cando hai lumes, podo durmir tranquilo”

En que outras especies forestais, a parte do eucalipto e do piñeiro, cre que Galicia tería posibilidades a nivel forestal e de mercado?
– Temos un xeito fácil de analizar as nosas potencialidades, que é compararnos con outras rexións de climas similares. Eu estou escribindo agora un artigo, que me dá pereza rematar, no que comparo Galicia co noroeste e centro de California (Estados Unidos), que é un territorio moi semellante en dimensión a Galicia e que ten un réxime de chuvias e unha variedade de solos similar á nosa. Oia, sabe a cantidade de coníferas que hai nunha extensión como Galicia no noroeste de California?

Teñen cinco abetos, tres píceas e nove ou dez especies de piñeiros. Se analizamos as cortas, que presentan un volume similar ó galego, de 9 millóns de toneladas ó ano, vemos que un 28% son abetos, un 24% piñeiro de Oregón, un 17% piñeiro ponderosa e un 14% sequoia, entre outras especies. En California, para rematar, tamén teñen frondosas. Hai bidueiro, hai freixos, carballos. Hai todo iso, pero nas estatísticas que teño de aproveitamento do bosque, as frondosas representan moito menos do 1% das cortas.

“Galicia ten moitas semellanzas co noroeste e centro de California. Oia, sabe vostede a cantidade de coníferas que hai alí?”

A conclusión miña é que no planeta, para Galicia, hai moitas especies que poden ir ben. Hai que contemplar a historia para analizar a situación de Galicia e ver o que se pode facer e o que non. O que vivimos agora depende do que se viviu durante millóns de anos.

Por exemplo, o motivo de que a sequoia (‘Sequoia sempervivens’), que é unha árbore moi interesante para Galicia, estea só en California de xeito autóctono e en ningún outro sitio do hemisferio norte, hai que buscalo no Cuaternario, cando California tivo unhas condicións de clima máis benignas que permitiron que alí sobrevivise esta especie pero non noutros puntos do hemisferio norte onde estivo. En Galicia, coas plantacións de sequoia, máis que de introdución teriamos que falar probablemente de reintrodución.

Pensa entón que a sequoia podería ser unha especie atractiva para Galicia?
– A ‘Sequoia sempervivens’ merece un trato a parte. Agora que se fala de lumes, eu teño unha parcela de monte de hectárea e media con sequoia e podo durmir tranquilo cando hai lumes. Pódese queimar a copa, pero non o tronco porque ten unha casca moi grosa. Se un non é demasiado vago e coida un pouco o monte, non ten de que preocuparse. Se se queima a copa, perderemos 2 ou 3 anos de crecemento, pero o tronco mantense e a árbore recupérase. Sempre, xa digo, que un sexa un pouco dilixente e teña o monte rozado, de cara a evitar que se cree un forno no chan.

“Os propietarios temos que ter un espíritu conservacionista. Se vostede planta un bosque, raro é que vostede poida aproveitalo”

Esta especie ten un comportamento semellante á sobreira. O que sucede coa sobreira é que se lle quitamos a cortiza, deixamos á árbore sen protección.

Desde un punto de vista produtivo, a ‘Sequoia sempervivens’ ten crecementos moi altos, de 20-30 metros cúbicos por hectárea e ano, segundo temos medido na nosa parcela. É unha especie que produce ademais unha madeira moi apreciada para aserrado e penso que debería propagarse máis en Galicia. Hai tamén outra especie de sequoia, de menor valor comercial, que podería ser interesante para as montañas de Ourense, na zona próxima con Zamora, xa que está adaptada a fortes nevadas.

É certo que en España aínda non hai mercado para a sequoia, pero nós, os propietarios forestais, temos que ter tamén un espíritu conservacionista. Se vostede planta un bosque, raro é que vostede poida aproveitalo, pero ten que solidarizarse coas seguintes xeneracións. Non sei se é defecto ou virtude, pero é así.

“En Alemania, trozas dun carballo coma o noso chegaban a pagarse nas poxas de madeira a medio millón de pesetas de hai 40 anos”

Lembro hai anos cando estaba en Lourizán e un investigador noso foi a Alemania. Pedinlle ao investigador que mirase en Alemania que facían cun carballo coma o noso e resulta que foi a unha poxa de madeira na que se subastaba madeira de carballo troza a troza. Por algunha troza, chegábase a pagar medio millón de pesetas de hai 40 anos. Os alemáns foron dos primeiros mestres da silvicultura e dá gusto ver o resultado do seu traballo, pero igual estamos falando de trozas que procedían de árbores de 150 anos, antes da corta.

Volvendo á sequoia, estariamos falando entón de turnos de corta longos?
– É unha especie que permite desde turnos de 20 anos a turnos moi longos. Se a corta con 20 anos, rebrota soa. Vostede podería cortar e volve saír. Esta é tamén unha especie que ten a vantaxe de que dura moitos anos. Un bosque de 100 anos segue medrando á mesma velocidade ou máis, e cada táboa é igual ou mellor a medida que medra a árbore. Poderían facerse turnos, se quere, de 200 anos.

“Os políticos con cabeza deberían apostar por enerxías alternativas. A biomasa alomenos non aumenta o carbono da atmósfera”

En Francia, na metade oeste, lin que están probando a sequoia como especie de crecemento rápido para biomasa. Tamén outras especies como a criptomeria (‘Cryptomeria japonica’). O cambio climático obríganos a capturar carbono do aire e un dos camiños é producir biomasa con especies rápidas. Os políticos con cabeza, que deben contemplar periodos longos, deben apostar polas enerxías alternativas. A biomasa, aínda que logo se queime, alomenos non aumenta o carbono da atmósfera.

Contábanos antes que ten plantada unha parcela con sequoias. Que outras especies ten nas súas fincas?
– O que eu chamo a miña política forestal é poñer, por un lado, o que pagan, como piñeiro insigne e eucalipto, para cubrir custos e vivir, e outra metade da superficie adicala a reserva, como pode ser a plantación de sequoias ou outras. En temas forestais hai que fiar fino porque se non, descalábrase calquera polos custos que hai.

“O que eu chamo a miña política forestal é poñer, por un lado, o que pagan, como piñeiro insigne e eucalipto, e a outra metade da superficie adicala a reserva”

O que quero coa miña empresa, e con Galicia, desde logo, é o potencial que temos, poñelo a funcionar. A cuestión é que a expansión dunha especie como a sequoia, ou calquera outra, non vai chegar porque eu ou calquera o diga, porque a xente ten que velo. Os veciños da zona de Ortigueira, que é onde teño esta plantación, observan as sequoias, pero son prudentes e teñen razón. Moitas veces engañáronos, como o que sucedeu cos bancos, e o paisano non admite algo se non o ve.

Coa sequoia, a primeira cuestión é producir, que aí temos a vantaxe de que a sequoia case dá o produto preparado, pois cunha simple transformación da madeira no serradoiro xa é utilizable. O segundo punto é que o mercado absorba a madeira e neste intre non hai mercado en España, pero a sequoia ten unha madeira que é apreciada. Fíxese, unha asociación de propietarios de montes de California mercou 3.000 hectáreas en Nova Zelanda para producir sequoias. Teñen preto os mercados asiáticos e de Oceanía e imaxino que pensan en abrir mercados.

“O asociacionismo forestal é imprescindible, en calquera país adiantado o primeiro que fai a xente é xuntarse”

Fernando Molina, nunha parcela forestal da familia.

Fernando Molina, nunha parcela forestal da familia.

Vostede foi no ano 1986 o primeiro presidente da Asociación Forestal de Galicia, cargo que ocupou ata o ano 2000. Cóntenos a orixe da asociación e a importancia que lle ve o seu traballo.
– Cando estaba a punto de xubilarme, no ano 1985, veu un mozo recén titulado enxeñeiro de montes, Francisco Dans, que fixera un proxecto fin de carreira sobre asociacionismo forestal, e víase que o home quería poñelo en marcha. Entón veu a verme para tantear se eu quería participar e eu, que tiña a faceta de propietario de montes, aceptei no acto porque vin que era unha cousa absolutamente necesaria.

En calquera país adiantado, o primeiro que fai a xente é xuntarse. Os propietarios de montes somos un colectivo numeroso e pouco unido de xeito natural. Non temos as características dun persoal obreiro, que pode estar nunha fábrica aglutinado por un sindicato, e se temos que loitar cunha grande empresa, fan de ti o que queren. Eu sabíao, aceptei no momento e no ano 1986 fundouse a asociación e quedei como presidente, cunha función representativa, en tanto Francisco Dans temos a sorte de que se convertiu no director executivo e de que continúa na actualidade nese cargo, a pesar de que nos países do sur sexamos pouco amigos da continuidade.

“Un dos primeiros logros importantes da Asociación Forestal foi cos impostos. A base de insistir, conseguimos un sistema impositivo máis favorable para o propietario”

A Asociación contribuíu a aumentar a asistencia técnica ó propietario e ocupouse ademais de asumir a representación institucional dos propietarios. Lembro un logro que tivemos cos impostos, cando conseguimos, a base de insistir, que se acordase un sistema impositivo que tivese en conta as particularidades da empresa forestal. Só por iso houbo persoas que me dixeron que xa valía a pena ter creado a Asociación.

Outro aspecto importante da Asociación é que dá información sobre os prezos dos produtos forestais. O dos prezos é unha das peores características da empresa forestal, xa que é difícil estimar o que vale un monte.

Mire, voulle contar un caso meu como propietario. Nunha finquiña que temos en Asturias -esta empresa miña ten unhas hectáreas en Galicia e outras no oeste de Asturias-, tiñamos piñeiro insigne. O veciño do lado, que tamén tiña piñeiro insigne, vendeulle unha hectárea a un fragueiro e eu, cando rematou a corta, falei co fragueiro. Díxenlle, ‘este rodal que teño ao lado, canto me dá?’. Era piñeiro insigne, bo, de 50 anos. ‘Pois 100.000 pesetas’, díxome. Contesteille que me parecía pouco. Que fixen? Fun a outro fragueiro que coñecía, que me parecía responsable, e polo que este me ofrecía cen mil, o outro pagoume 350.000 pesetas.

Este outono vivimos a peor vaga de lumes desde o 2006. Ve solucións ó problema do lume, que arrastramos en Galicia desde hai décadas?
– A min preocúpame moito. Padecino moitas veces. Teño unha finca en Asturias que sempre lle dixen os meus fillos que non plantasen porque xa se me queimou varias veces e este ano volveu arder. É un tema moi difícil. Cando eu me encarguei de Lourizán, os montes estaban relativamente limpos e o lume era soportable, pero agora convertiuse nun problema.

Eu nacín e vivín nun pobo de Asturias occidental (Pravia), que pode ser como Negreira. Lémbrome que hai 90 anos o lume, controlado, era unha ferramenta fundamental. E en Galicia sucedía o mesmo. Gracias ó lume, podíase producir pasto e mato para estrume. Fíxese, en calquera sitio de Pontevedra, en Lourizán, valía máis a renda do monte de piñeiro para estrume que o que sacaban os veciños pola madeira. As circunstancias eran moi distintas e agora o lume é un problema.

“O lume foi unha ferramenta fundamental en Galicia, pero agora é un problema de difícil solución. A política silvopastoral pode axudar”

Unha liña forestal que defende Antonio Rigueiro, da Escola Politécnica de Lugo, é o desenvolvemento dunha política silvopastoral. Vino eu nunha finca que temos en Asturias. Teño a sorte de que un antigo empregado ten alí cabalos e felicítoo. Tenme o monte desbrozado e ten que ser un lume moi duro para que ese monte se vexa afectado.

A sorte de Galicia é que ten unha gran fertilidade e unha produción tremenda, pero ten o inconveniente de que iso mesmo pode converterse en combustible, igual que sucede en California. A sequoia é unha cousa máis que pode axudar, pero se falamos de solucións, eu para ser honestos, non as vexo.

Galicia ten un clima mediterráneo húmido, que significa moita chuvia en inverno e moita seca no verán. Entón é difícil. Cando os brancos americanos mercaron California, o primeiro que fixeron foi controlar os lumes dos indios. Que pasou? Ao quitar eses lumes, viron que bosques que aguantaran miles de anos estaban en perigo, pois comezou a acumularse biomasa e se convertes o monte nun forno, non hai solución. É un problema moi complicado, xa que limpar os montes custa moitos cartos.

O que está claro é que canto máis abandonado deixemos o aproveitamento do monte, maior será o perigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información