Galicia bate o seu récord na produción de pensos

A fabricación aumentou en 2019 un 2,6% respecto ao exercicio anterior, alcanzando os 3,15 millóns de toneladas

Galicia bate o seu récord na produción de pensos

A produción total de pensos en Galicia alcanzou durante 2019 as 3.152.326 toneladas, o que supón un incremento do 2,6% respecto ao ano anterior -cando se fabricaron 3.071.255 de toneladas- e a mellor cifra da comunidade autónoma nos últimos 15 anos.

Os datos, presentados pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) na Asemblea Xeral de Socios, “confirman o bo momento do sector e consolidan a Galicia como unha potencia na elaboración de pensos para animais”, explica o director de Agafac, Bruno Beade.

Con máis do 12% da produción de pensos a nivel nacional -é a quinta comunidade autónoma en fabricación de alimentos preparados para animais-, Galicia reforza así o seu papel de sector estratéxico para a economía galega, tanto por un volume de negocio superior aos 1.200 millóns de euros como pola xeración de máis de 3.000 empregos, dos cales 1.500 son directos.

O bovino, o máis solicitado

Por especies, o sector bovino encabeza un ano máis as estatísticas de produción de preparados para animais, con máis de 1,3 millóns de toneladas durante o pasado exercicio económico. Séguelle o sector porcino e o avícola, cada un deles con máis de 750.000 toneladas anuais.

O aumento da dimensión das explotacións é unha das razóns que explican as boas cifras de produción, que medran ano tras ano. Así, no último lustro, a fabricación deste tipo de concentrados alimenticios aumentou un 10,3% en Galicia. Respecto das materias primas máis utilizadas na elaboración de pensos, o trigo e o millo encabezan o ranking de ingredientes, no que tamén destacan a colza e a cebada.

A nivel nacional, a produción de pensos compostos ascendeu a 26.278.430 de toneladas o pasado ano, un dato que afianza a España como o primeiro produtor de alimentación animal de Europa, segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac).

Sobre Agafac

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) é unha organización profesional, de carácter sectorial, cuxo obxectivo é a coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses profesionais dos asociados, tanto a nivel estatal como autonómico. Na actualidade, forman parte de Agafac un total de 26 empresas con 36 centros de produción de pensos compostos en Galicia, cuxa fabricación representa o 85% de todas as toneladas producidas na comunidade autónoma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información