A Fruga di que obrigar a acortellar os xatos de Suprema “favorece os intereses dos cebadeiros e a grande distribución”

A organización agraria manifesta o seu desacordo coa modificación no Regulamento da IXP porque vai converter, din, "ás explotacións extensivas en subministradores de xatos para os cebadeiros"

Raza rubia galega 2A Federación Rural Galega (Fruga) manifesta o seu “desacordo” coa modificación regulamentaria dentro da IXP Ternera Gallega para a categoría Suprema, xa que considera que esta medida “vai supor un serio prexuízo para moitas gandarías galegas, que realizan un sistema de manexo totalmente extensivo”.

“Con esta proposta o Consello Regulador parece indicar que todos os problemas da categoría Suprema se reducen ao proceso de acabado e en consecuencia todos os xatos terán de ser estabulados antes de ser sacrificados, unha obriga que de se impor vai impedir que moitas explotacións que optan polo sistema extensivo e pola alimentación en base a pastos, rotando o gando nas distintas parcelas, non poidan clasificar os seus animais como Suprema”, denuncian.

Non é de recibo que sexan os produtores con sistemas extensivos os que teñen que sufrir as consecuencias destes cambios para favorecer os intereses da agro-industria

A Fruga non entende esta proposta, xa que a súa aplicación, din, “pode provocar un descenso importante no número de xatos sacrificados baixo esta categoría, na medida en que diante da necesidade de ter de afrontar gastos para adecuar as instalacións, e mesmo a posibilidade de acrecentar as dificultades no manexo das explotación, as ganderías poden non optar por este método de finalización e en consecuencia prefiran optar por vender os xatos ao finalizar o período de aleitamento, aínda a costa de ver minguados os seus ingresos, e deste xeito o que se verá acrecentado vai ser o número de xatos que van ser sacrificados como animais de cebadeiro”, argumenta Elías Somoza.

“A filosofía da agro-industria, con respecto a este tema é moi clara, prefiren unha redución da Suprema, utilizando esta marca única e exclusivamente como produto reclamo que lle dá un grande prestixio a IXP diante dos consumidores, e por detrás sacrificar o maior número de animais de Ternera Gallega normal, a través de fenómenos de integración, e outro tipo de métodos intensivos de produción”, aseguran.

Os cebadeiros, ante a redución do número de vacas de leite que se está a dar, precisan que unha parte das ganderías de Suprema se convirtan en subministradores de xatos para eles

“Nestes momentos estamos observando como os cebadeiros, ante a redución do número de vacas de leite que se está a dar no país, precisan mercar os xatos para cebar noutras gandarías, e evidentemente soamente os van poder substituír mercándoos nas gandarías que fiquen excluídas da categoría Suprema, conseguindo que unha parte das explotacións extensivas do noso país se convertan en materia prima dos cebadeiros”, argumentan.

“Non é de recibo que soamente sexan os produtores con sistemas extensivos os que teñen que sufrir as consecuencias destes cambios no regulamento para favorecer os intereses da agro-industria”, conclúe a Fruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información