Fin de semana para degustar o tradicional bolo do pote en Mazaricos

O concello coruñés de Mazaricos celebrará este fin de semana, 2 e 3 de marzo, a 25ª Festa do Bolo do Pote, organizada polo Concello coa colaboración da asociación de amas de casa O Hórreo, a asociación de veciños Monte Picoto e o restaurante-hotel Casa Jurjo.

Durante todo o fin de semana varios restaurantes de Mazaricos organizan comidas e ceas, con reserva previa, de cocido do bolo do pote. Trátase de o Asador Manduca, o restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Campamento Corzón e Casa Pego. O prezo dos menús é a partir de 25 euros, incluíndo bolo do pote, cocido, sobremesa, viño e café. Ademais, colaboran nesta edición Taberna Casa Senra, café Alborada e pizzaría Pinocchio.

O domingo 3 terá lugar a tradicional degustación deste produto no Campo da Feira, a partir das 14.00 horas. Este ano a degustación terá un prezo simbólico de 2 euros e inclúe de agasallo un prato de cerámica de Buño. Desde as 13.00 horas haberá pasarúas co grupo de gaitas O Son do Solpor, e desde as 16.00 horas coa Charanga Alambique que percorrerá A Picota. Se o tempo o permite, instalaranse inchables para os nenos. 

O bolo do pote é un complemento tradicional do cocido que se foi recuperando até converterse no centro desta festa desde finais dos anos noventa. Os bolos do pote elabóranse a base de fariña de millo, unha pouca de centeo e un?rustrido de cebola e liscas de touciño. Todo iso se amasa coa auga do caldo, fanse os bolos e bótanse a cocer na pota co resto do cocido cando está a ferver. A súa orixe é tan antiga como o do propio cocido, e o seu rastro atópase mesmo nos versos de Rosalía de Castro. 

festa-do-bolo-do-pote-mazaricos_img3634n1t0

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información