A Festa do Boi de Allariz volve este 2022 do 11 ao 19 de xuño

A Festa do Boi de Allariz volve este 2022 do 11 ao 19 de xuño

A vila ourensá de Allariz desconta os días para a celebración da Festa do Boi 2022 que terá lugar do 11 ao 19 de xuño. Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid, o tenente de alcalde, Bernardo Varela e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, presentaron, esta mañá, as datas e a imaxe da festa. Tamén os acompañou o ilustrador Miguel Robledo, quen deseñou a imaxe para este 2022.

Juan Antonio Seara, membro da Asociación Cultural, e encargado da parte histórica, explicaba na mañá de hoxe que parte da programación está aínda sen pechar pero que contan que a finais de mes se poida dar a coñecer as actividades totais que encheran as rúas de Allariz.

Durante 9 días desenvolveranse actividades musicais, teatrais, encontros populares así como saídas do boi que farán que a veciñanza de Allariz, e as persoas que se acheguen a mesma, podan gozar de novo da Festa do Boi.

A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 500 persoas participaron na teatralización na última edición, e agardan que este ano se iguale a participación dos gremio ataviados cos seus respectivos traxes e representen, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.

Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as carreiras de boi infantís, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil e algunha que outra novidade. Ademais coa colaboración da concellería de cultura realizaranse obradoiros co CEIP Padre Feijóo de Allariz.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa. A asociación está a traballar para pechar todo o apartado de música que intentará contar con grupos de gaiteiros, charangas, e grupos musicais entre outros.

A Festa do Boi conta cun orzamento , sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución todos os anos. O carácter popular da mesma fai que a Festa do Boi sexa do pobo para o pobo.

Así mesmo Miguel Robledo explicou que o que pretende expresaR co cartel que deseñou é ese concepto da Festa do Boi de mitoloxía.

boi_2022_allariz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información