
A feira, que non se celebraba desde o ano 1985, foi recuperada no 2019
A localidade de San Román, en Cervantes, celebra este sábado a II edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo.
A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa dun grupo de gandeiros e de veciños desta zona dos Ancares, reunidos en torno á asociación Territorio Verde, tivo que ser suspendida os dous últimos anos pola pandemia da covid-19, pero os organizadores quixeron retomar de novo a súa celebración como un xeito de reivindicar as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e unha orografía que impide moitas veces a mecanización das labores agrícolas.
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os traballos no campo da feira, para habilitar espazos seguros tanto para o gando como para os visitantes, xa comezaron. Haberá exposición e venda tanto de animais de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León, e premios aos mellores exemplares de cada unha das razas nas distintas categorías (xovencas, vacas e touros).
O programa da xornada complétase con exposición e venda de vehículos e maquinaria agrícola, produtos de alimentación e artesanía, actuacións de música tradicional e polbeiros para o xantar.