A feira Abanca Semana Verde recupera as conferencias coa avespa velutina, as razas autóctonas e os sector porcino

A feira Abanca Semana Verde recupera as conferencias coa avespa velutina, as razas autóctonas e os sector porcino

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará entre o 2 e o 5 de xuño, recupera as conferencias no seu programa de actividades, tras non incluírse xornadas na pasada edición. E faio con temas de gran interese para o sector agrogandeiro.

O XXIV Monográfico Porcino será a primeira delas, o venres 3 de xuño e baixo o título “Novidades e retos inminentes para o sector porcino”. Organizado pola Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino (ADSGP) de Silleda, será presentado por Pablo Meijomín Fidalgo, presidente desta entidade.

Comezará abordando o sistema integral de xestión das explotacións (SIGE). Os aspectos de sanidade animal, seguridade alimentaria e benestar animal serán debullados por Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Subdirección Xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural. Pola súa banda, o plan de xestión ambiental e de loita contra o cambio climático explicarao Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural.

A continuación tratarase a optimización do uso de antibióticos na práctica. O encargado será Lorenzo Fraile, profesor agregado da Universidade de Lleida (epidemioloxía e farmacoloxía).

A segunda das xornadas, o venres pola tarde, centrarase nas razas autóctonas, estando organizada pola Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes). Así, o primeira dos relatorios centrarase na nova PAC e as razas autóctonas e será conducido por José Manuel Maraculla Lacambra, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Bovina Parda de Montaña (ARAPARDA), vicesecretario xeral de FEDERAPES e presidente de UGAVAN – Unión de Ganaderos de Vacas Nodrizas. A segunda titularase “Poxas gandeiras con Razas Autóctonas. Experiencia coa raza Asturiana de los Valles”, sendo abordadas por José Alfredo Vázquez, responsable da Xestión do Libro Xenealóxico da raza Asturiana de los Valles e responsable de feiras e eventos de ASEAVA (Raza Asturiana de los Valles).

Impacto da velutina

Por outra banda, o sábado levará a cabo unha xornada promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Desde unha perspectiva divulgativa e apoiándose no coñecemento e traballos de investigadores do Proxecto Atlantic Positive, tratará o impacto da expansión desta especie invasora en Galicia.

A xornada, que se desenvolverá o sábado, comezará coa presentación do Proxecto Atlantic Positive de preservación de servizos de polinización e control da avespa velutina na área atlántica, para logo desenvolver o ciclo vital da avespa velutina, o impacto sobre a biodiversidade e os polinizadores, os efectos do trampeo non selectivo sobre a entomofauna autóctona e o control da especie con métodos alternativos ao trampeo non selectivo. Sandra Rojas Nossa, doutora en Bioloxía, investigadora na Universidade de Vigo e apicultora, será quen aborde estes temas.

Pola súa banda, Xulio Maside Rodríguez, doutor en Bioloxía, investigador en CIMUS/USC e apicultor, falará sobre a orixe xenética da invasión de avespa velutina en Europa e outros efectos desta especie en polinizadores silvestres e na apicultura: parasitos. Tamén explicará métodos alternativos ao trampeo non selectivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información