Fearmaga acorda a continuidade do seu equipo directivo

O pasado venres celebrou a súa asemblea anual na que se analizaron os retos e necesidades dos serradoiros e empresas rematantes de Galicia

Fearmaga acorda a continuidade do seu equipo directivo

A Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia – FEARMAGA celebrou o pasado venres a súa asemblea anual. Na xornada, os membros da asemblea tiveron oportunidade de poñer en común as necesidades e situación actual do sector e acordaron a continuidade do actual equipo que leva dirixindo a federación desde o ano 2009.

A Asemblea de FEARMAGA está formada polos compromisarios das asociacións provinciais; é dicir, representantes das directivas de Apralco (asociación da Coruña), Grupo (asociación de Pontevedra) e Aprouma (asociación de Ourense).

Pola súa banda, o equipo directivo de FEARMAGA está formado por profesionais de empresas destacadas do sector con experiencia na xestión e a organización empresarial e asociativa: Elier Ojea Ureña, da empresa Maderas Ojea, S.L. (presidente); Benito García Sánchez, de Hermanos García Rocha, S.L.(vicepresidente 1º aserradores) e Jesús Baquero Moreira, de Explotacións Forestales del Noroeste, S.A.(vicepresidente 2º rematantes). Os membros ratificaron tamén a Ana Oróns Mata como secretaria xeral.

Principais actividades de Fearmaga

Durante o encontro, representantes das empresas da primeira transformación da madeira analizaron as accións desenvolvidas por Fearmaga para seguir transformando o sector. Elier Ojea destacou que “na nosa unión está a nosa forza” e trasladou aos asociados algunhas das iniciativas impulsadas desde a federación e que “permitiron que as empresas do sector sexan máis competitivas e poidan atender mellor as necesidades dos seus clientes”.

Como exemplo destas iniciativas, destacáronse accións como a posta en marcha dun sistema de certificación forestal que tivese en conta as características propias do monte galego, co que se adheriron máis de 12.000 hectáreas repartidas en case 20.000 parcelas. Isto permitiu acreditar a orixe de máis de 4 millóns de toneladas de madeira certificada polas que as empresas ingresaron 15 millóns de euros.

A xornada serviu para poñer en valor os servizos que desde hai máis de 40 anos presta Fearmaga ás empresas, en materia informativa, normativa, formativa e de asesoramento. Tamén se destacaron as accións desenvolvidas pola federación durante a crise do Covid-19 para axudar ás empresas, como a información e o asesoramento sobre as diferentes normas aprobadas, a compra conxunta de material de protección e hixiénico ou as xestións coa administración para clarificar e ordenar as normas que afectaban ás empresas do sector.

No marco da asemblea celebrouse unha charla con representantes dunha empresa de procura e selección de man de obra en Marrocos, co obxectivo de dar resposta ás dificultades que teñen as empresas galegas da madeira para cubrir os postos de traballo vacantes. Con este mesmo obxectivo, desde FEARMAGA organízanse charlas e xornadas divulgativas en institutos e centros de formación de Galicia para tratar de xerar vocacións e dar a coñecer ao sector entre as novas xeracións.

Asamblea Fearmaga 2

Fearmaga

Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector.  Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais na comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información