Facenda Currodeguas e Saragás SC, unha explotación con relevo xeracional feminino

Lidia Díaz Otero é enxeñeira agrónoma e gandeira. Ten tan só 27 anos pero ten as cousas claras: a súa escolla persoal pasa por facerse cargo da explotación de vacún de carne que a súa familia ten en Espiñarcao, no concello de Abadín

Lidia, coas vacas da gandería familiar en Espiñarcao (Abadín)

Lidia, coas vacas da gandería familiar en Espiñarcao (Abadín)

Hai dous anos que Lidia Díaz Otero acabou de estudar o Máster de Agrónomos na Escola Politécnica Superior de Lugo. Fíxoo coa intención de aplicar os coñecementos adquiridos na explotación familiar, unha gandería de vacún de carne con máis de 100 cabezas, á que se incorporou no ano 2018, nada máis acabar a carreira de Enxeñería Agrícola.

“Agora mesmo non cambiaría por nada traballar na miña explotación, o grado de satisfacción para min é moi elevado”, afirma. Ademais da explotación familiar, os seus pais teñen unha comercial veterinaria en Abadín, Agro Dicam, pero Lidia prefire estar co gando.

Agora mesmo non cambiaría por nada traballar na miña explotación, o grado de satisfacción para min é moi elevado

Con todo, recoñece que “ás novas xeracións non se nos forma para a produción, nin na escola nin na universidade”. Lidia coñece esa parte, a de ser gandeira, polo seu pai Marcelino e a súa nai Sonia. A explotación familiar, herdada xa dos seus avós paternos, conta na actualidade con 100 vacas reprodutoras en réxime extensivo, cun sistema de pastoreo rotacional.

Unha finca de 54 hectáreas nunha peza

Están situados a 650 metros de altitude e no inverno teñen que suplementar a alimentación a base de pasto

Están situados a 650 metros de altitude e no inverno teñen que suplementar a alimentación a base de pasto

A gandería está ubicada na parroquia de Espiñarcao, no concello de Abadín, e dispón dunha base territorial de 90 hectáreas en propiedade, máis outras fincas arrendadas na parroquia veciña de Quende.

“O importante é ter base territorial e parcelas amplas, porque se as circunstancias son axeitadas, o traballo non aumenta de xeito proporcional ao número de cabezas; se as fincas son boas a necesidade de man de obra non se incrementa na mesma medida que o fai o tamaño da gandería”, defende.

O importante é ter base territorial e parcelas amplas, nas que o manexo é sinxelo e as necesidades de man de obra diminúen

Por iso a intención de Lidia, máis que seguir incrementando o número de cabezas, é mellorar a superficie de pastos. “Temos 54 hectáreas todas unidas, só con peches no medio e o manexo é moi doado”, explica.

Esa finca, herdada de seu avó, fixérona a base de roturar monte. “Os meus avós tiñan alí sobre todo cabalos porque é unha ladeira de moita pendente, pero todo o que puidemos facer a pasto fíxose; tivemos que traer tractores de cadeas”, detalla.  

Ceban entre 120 e 130 xatos ao ano

Controlan o peso dos animais tanto á entrada como á saída do cebo

Controlan o peso dos animais tanto á entrada como á saída do cebo

As vacas están sempre no prado e contan ademais cun cebadoiro onde rematan tanto os propios becerros da gandería coma outros que mercan para completar a súa capacidade. As instalacións dispoñen duns 550 metros cadrados, nos que ceban entre 120 e 130 xatos ao ano.

Os animais entran con 7 meses de vida ao cebadoiro e véndense antes de cumpriren os 10 meses baixo a IXP Ternera Gallega Suprema, no caso dos que proceden da propia explotación, e como Ternera Gallega convencional, no caso dos mercados a outras ganderías.

Ás novas xeracións non se nos forma para a produción, nin na escola nin na universidade

Neste momento están comercializando a carne directamente co matadoiro do Baixomiño. Logran un peso medio de 260 quilos en canal nos machos e de 220 quilos nas femias. “Tentamos conseguir unha conformación U+”, indica.

“Para iso temos un consumo medio de 7 quilos de penso por xato e día e 2 quilos de palla diarios, entre a comida e a cama”, detalla Lidia. Este ano, os xatos que pesaban máis de 270 quilos de peso vivo ao entrar a cebar xa se mandaban directamente ao matadoiro, debido á suba dos custos dos pensos.

Abonan as pradeiras con 6.000 kilos de esterco por ha e cada tres anos encalan

O cebo é en cama de palla, producindo deste xeito o esterco que empregan despois como abono nas pradeiras. A fertilización realízana entre mediados e finais do mes de marzo por medio de remolques esparexedores. Estenden uns 6.000 quilos de esterco por hectárea e cada tres anos encalan, cunha dose de 2.000 kg/ha.

Cambiando a rubia galega por limusín

Un dos touros da explotación, que está apostando pola raza limusín

Un dos touros da explotación, que está apostando pola raza limusín

Carrodeguas e Saragás SC partía dun rabaño orixinal de raza rubia galega pero a mala escolla dos touros no seu día na explotación derivou en problemas de partos que fixeron que se decidiran a cambiar de raza.

“Primeiro probamos con Blonde de Aquitania e as F1 saían moi ben, porque parían ben e aleitaban moi ben porque daban moito leite, pero a medida que a descendencia ía avanzando cara a unha maior pureza empezaban os problemas de coxeiras, fallaban sobre todo nas patas. Nesta zona estamos a 650 metros de altitude, con invernos duros e o clima non axuda para iso”, razoa Lidia.

Probamos con cruzamentos coa Blonde e as F1 saían moi ben, pero a medida que avanzaban cara a unha maior pureza empezaban os problemas de coxeiras

Na actualidade están a introducir a raza limusín e forman parte da Federación Española de Criadores de Limusín. “Agora apostamos por limusin e estamos contentos. Buscamos facilidade de partos, con xatos duns 35 quilos ao nacemento e que enseguida se poñan a mamar, porque non atendemos os partos e sobre todo no inverno se non maman rápido enseguida lles baixa a temperatura e morrerían co frío”, indica.

Reemprazan as vacas aos 14 anos

Facenda Currodegua e Saragás SC (Abadín) vacas rubia galegaHai 5 anos trouxeron as primeiras vacas limusín de Francia e logo un touro e este ano mercaron animais no País Vasco e en Zamora, pero Lidia recoñece que aínda lles queda “un longo camiño” para conseguir mudar por completo a raza do seu rabaño de rubia galega a limusín: “A idea é ir cambiando pouco a pouco a medida que imos recriando e repoñendo as vacas vellas”.

Agrupan os partos en dúas épocas do ano: a primavera e o outono

As vacas retíranse aos 14 anos e é común a recría de femias para reposición como reprodutoras e tamén a compra de xovencas noutras explotacións. Os machos puros de limusín con carta véndenos como futuros sementais a outros gandeiros.

Sen man de obra contratada

Facenda Currodegua e Saragás SC (Abadín) ensilado

Reservan o 25% da superficie para forraxe e fan uns 500 rolos de silo ao ano nos meses de xuño e xullo

A explotación aténdena sobre todo Lidia e o seu pai e non teñen man de obra contratada. O seu irmán Pablo, que está estudando Bioloxía, bota unha man cando vén de vacacións e para a recollida da forraxe contan coa axuda doutros veciños.

Fan silo de herba porque a climatoloxía nesta zona non axuda para a recollida de herba seca

Precisan uns 500 rolos anuais para pasar o inverno, que é duro e obriga a suplementar a alimentación durante varios meses. Por iso, reservan o 25% da superficie para facer silo de herba, que realizan nos meses de xuño e xullo.

É un traballo que lles ocupa entre 15 e 20 días e en función de como veña o tempo poden contratar algún traballo para deste xeito adiantar a recollida. Segan a herba e fan un presecado dun día e posteriormente enrólana e encíntana.

Para o manexo e coidado do gando contan coa axuda de cans de distintas razas: border coli para mover o gando e mastíns para evitar os ataques do lobo. “Son fundamentais na nosa explotación”, asegura Lidia.

Aproveitamento do monte veciñal

Comuneiros de Espiñarcao, o ano pasado durante as tarefas de saneamento do gando

Comuneiros de Espiñarcao, o ano pasado durante as tarefas de saneamento do gando

Ademais da superficie propia da que dispón, Facenda Currodeguas e Saragás SC fai un aproveitamento comunal do monte veciñal da parroquia. A CMVMC de Espiñarcao está formada na actualidade por 15 comuneiros, dos que 8 aproveitan os pastos.

Contan con 5 bois propiedade da Comunidade de Montes e cada veciño con gando ten 24 vacas, polo que a cabana está formada por 192 reprodutoras en total máis os xatos. Os animais están en réxime extensivo, rotando durante todo o ano polas diferentes parcelas da comunidade.

Na actualizade somos 15 comuneiros, pero só 8 aproveitamos os pastos, unhas 167 hectáreas nas que cada un temos 24 vacas

Entre todos os comuneiros lévanse a cabo as tarefas de renovación dos peches ou desbroces, pero outras labores, como a fertilización, corre a cargo unicamente daqueles veciños que fan un aproveitamento dos pastizais. “Abonabamos con 300 quilos de 8-24-16 por hectárea pero este ano polos elevados custos do fertilizante optouse por non abonar”, explica Lidia.

Temos aínda 15 ha a mato que non se puideron transformar a pasto polas pendentes

Reservan unha parcela para o ensilado e fan uns 300 rolos de silo anuais para complementar o pasto no inverno, xa que se trata dunha zona de alta montaña onde os invernos son duros, con presenza de neve e mal tempo, pero onde os pastizais se manteñen verdes nos meses do verán. “O tempo é húmido e con néboas no verán, que nos axudan a manter uns pastos verdes e sen problemas de sequías”, afirma.

Manexo do gando en conxunto

MVMC Espiñarcao (Abadin) gando comuneirosOs animais son propiedade de cada un dos veciños, aínda que o manexo e o coidado do gando realízase en común, agás á hora dos partos. “Cando houbo problemas de brucelose acordouse que as vacas teñen que ir parir aos pastos individuais de cada comuneiro, e aínda se segue mantendo”, conta Lidia.

Temos un CEA diferente para as vacas que están no monte comunal por culpa do cebadoiro, para non obrigar ao resto de veciños a facer o saneamento cada 6 meses

No seu caso, ademais, contan con dous CEAS diferentes, un para a explotación particular e outro para as vacas que teñen no pastizal comunal. “Dado que en Facenda Currodeguas e Saragás SC incluímos o cebadoiro e mercamos animais noutras explotacións, os servizos veterinarios da Xunta considérana unha explotación de risco e obrígannos a facer o saneamento cada 6 meses. Por iso temos dous CEAS, para evitar ter que sanear todo o ganado cada 6 meses e non facerlle a todos os veciños que teñen vacas no monte comunal sanear tamén”, razoa.

Transformación do mato a pasto

Estado actual das pradeiras da Comunidade de Montes, formadas por unhas 167 hectáreas

Estado actual das pradeiras da Comunidade de Montes, creadas en 1985 e formadas por unhas 167 hectáreas

O monte comunal de Espiñarcao está formado por 204 hectáreas, das que 15 están plantadas con piñeiros, 15 seguen a mato e o resto, 167 hectáreas, foron transformadas a pasto.

A transformación do pastizal comezou no ano 1985. “Foi difícil convencer aos comuneiros inicialmente porque estaban acostumados a trashumar co gando, vacas de pequeno tamaño e cabalos, aos montes do Xistral”, explica Lidia do que lle contan os veciños, xa que ela aínda non nacera.

Foi difícil convencer aos comuneiros inicialmente porque estaban acostumados a trashumar co gando aos montes do Xistral

O traballo de roturar e sementar fíxose pouco a pouco e a transformación durou varios anos. Empregouse un ripper para abrir o terreo, ademais de quitar as pedras por parte dos comuneiros. Logo fixéronse dúas pasadas de grade de desmonte e finalmente unha grade de refino para levar a cabo a sementeira cunha mestura de raigrás inglés (30 kg por ha) e trevo branco (3 kg por ha).    

Sementouse unha mestura de raigrás inglés e trevo branco que non se renova desde o ano 1985

O abonado inicial consistiu en 3.000 kilos de cal por hectárea 15 días antes da sementeira e 500 quilos de 8-24-16 aplicados 8 días antes de sementar a herba.

Aos 90 días trala sementeira comezouse a pacer co gando. Cada comuneiro, 18 naquel momento, introduciu 3 vacas e despois pouco a pouco foron aumentando o número de animais pastoreando e diminuíndo o de veciños con gando. Desde entón non se volveu facer renovación dos pastizais, simplemente labores de mantemento.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información