Desenvolvemento rural

Europa proxecta limitar o uso de produtos fitosanitarios no próximo periodo da PAC

Bruxelas parece decidida a avanzar na aplicación da Directiva comunitaria de 2009 de uso sostible dos praguicidas pero diversos organismos europeos constatan os escasos avances ata a data na redución da dependencia dos pesticidas químicos. A España a Comisión achácalle falta de ambición nos seus plans

Camilo Friol 04/06/2020 6:57 p.m.

Produtos fitosanitarios, os imprescindibles. Esa é, en esencia, a filosofía da Xestión Integrada de Pragas (XIS), un acrónimo que estará moi presente nos próximos anos na vida diaria de todos os agricultores e gandeiros. Debido a unha maior presión desde Europa, España deberá limitar o uso de pesticidas. Entre as medidas que se barallan, figura a prohibición de praguicidas e herbicidas en pre-emerxencia, por exemplo trala sementeira do millo, o que obrigará estar máis pendentes dos cultivos. Tamén é previsible a prohibición de produtos como o glifosato, que fará necesaria unha maior prevención no control de malas herbas nas praderías.

Bruxelas revisará a Directiva sobre o uso sostible de praguicidas, mellorará as disposicións sobre a xestión integrada de pragas (XIP) e promoverá un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos ou a cavadura mecánica das malas herbas, e será unha das ferramentas principais para reducir o uso e a dependencia de pesticidas químicos en xeral, e o uso dos pesticidas máis perigosos en particular, anuncia o documento da Estratexia Da granxa á mesa, presentado recentemente.

Ao aplicar a xestión integrada de pragas, os agricultores deberían botar man dos produtos fitosanitarios só se a prevención e outros métodos non funcionan ou non son eficaces

"As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas serán de suma importancia na nova PAC (2021-2027) e os Plans Estratéxicos dos distintos Estados deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento", indica a Comisión Europea, que avanza que facilitará a comercialización de praguicidas que conteñen substancias biolóxicas activas e reforzará a avaliación de pesticidas por parte dos Estados membros. A Comisión tamén propoñerá cambios no Regulamento de 2009 sobre estatísticas de praguicidas para superar a falta de datos e promover a formulación de políticas baseadas en probas.

No conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España

A redución do uso de praguicidas químicos á metade en 2030 e tamén a minoración nun 50% na utilización dos pesticidas máis perigosos é un dos obxectivos principais do Pacto Verde europeo no que se refire á produción agrícola e as propias autoridades comunitarias recoñecen os escasos avances logrados neste particular na última década, trala aprobación en 2009 da Directiva 128 CE relativa ao Uso Sostible dos Praguicidas. Os datos así o constatan: no conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España.

Escasos avances

A Comisión Europea debe presentar periodicamente ao Parlamento Europeo e ao Consello un informe sobre os avances conseguidos na aplicación da Directiva. No seu último informe, que acaba de facerse público, o Executivo comunitario analiza a experiencia adquirida polos Estados membros na aplicación dos obxectivos establecidos nos seus plans de acción nacionais e os avances conseguidos na aplicación da Directiva de 2009 e anuncia que redobrará a presión nos próximos anos.

Un maior control na dispensación e venda foron dos poucos avances que se produciron en España en aplicación da Directiva de 2009

A necesidade de obter un carné para adquirir, manipular e aplicar tratamentos fitosanitarios e levar un rexistro individualizado sobre compras, en virtude do Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, foron dos poucos cambios que se produciron en España nos últimos anos, máis aló da prohibición con carácter xeral dalgúns produtos e principios activos utilizados, como é o caso recente do metiocarb, a materia activa do Mesurol, un insecticida e repelente de aves e xabaríns usado na sementeira do millo e prohibido en toda a UE desde o pasado 3 de abril.

Os usuarios profesionais de produtos fitosanitarios teñen que manter un rexistro dos produtos que utilizaron polo menos no últimos tres anos pero en España non se esixe que comproben e rexistren o éxito das súas medidas e os motivos concretos para aplicar os tratamentos, como sucede noutros países.

En Irlanda todos os usuarios profesionais deben manter rexistros sobre cada tipo de praga e as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos

En Irlanda, por exemplo, todos os usuarios profesionais deben manter rexistros que demostren a aplicación da xestión integrada de pragas. Os agricultores rexistran a razón do uso de produtos fitosanitarios con información, por exemplo, sobre o tipo de praga existente, as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos, a xestión da resistencia, as doses aplicadas e os danos sufridos polos cultivos. Irlanda dispón ademais dun sistema integrado de extensión, investigación e transferencia agrícola financiado con fondos públicos, que axuda a garantir que os produtores conten con información pertinente e actualizada sobre a xestión integrada de pragas.

Falta de datos comparables entre países

[caption id="attachment_119367" align="aligncenter" width="660"] Datos sobre as vendas de praguicidas en España entre 2011 e 2017 por tipo de produto (Fonte: Eurostat)[/caption]

Os Estados membros recompilan estatísticas sobre as vendas e o uso agrícola de produtos fitosanitarios. A normativa da UE esíxelles solicitar datos anualmente sobre as substancias activas contidas nos produtos fitosanitarios en venda e recompilar estatísticas do uso agrícola de produtos fitosanitarios para cultivos seleccionados durante un período de referencia cada cinco anos, pero ata o de agora Eurostat non publicou estatísticas comparadas a escala da UE sobre o uso de produtos fitosanitarios porque os datos recollidos por cada Estado membro difiren nos períodos de cómputo e as metodoloxías aplicadas. Os Estados membros tamén seleccionan os cultivos que serán obxecto de seguimento, o que significa que os datos non son comparables entre os distintos países.

A aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, pero os controis sobre o seu cumprimento son escasos

Nalgúns países (por exemplo, Francia) os datos de vendas das distintas substancias activas están ao dispor do público. España proporcionou datos á Comisión para todas as diferentes categorías de pesticidas cada ano. As cifras demostrarían que as vendas de praguicidas en España están a diminuír lixeiramente desde 2014, situándose na actualidade en 70.000 toneladas ao ano. A maioría dos pesticidas vendidos en España son funxicidas e bactericidas, seguidos de herbicidas. Na UE, as vendas de substancias activas cualificadas como praguicidas utilizadas en produtos fitosanitarios superan as 350.000 toneladas ao ano.

Retrasos na aplicación da normativa

O Tribunal de Contas Europeo de Luxemburgo publicou asimesmo no mes de xaneiro deste ano un Informe Especial sobre o Uso Sostible de Produtos Fitosanitarios no que conclúe que se produciron "poucos progresos na medición e na redución de riscos" por pesticidas trala aprobación da Directiva comunitaria de 2009.

"O Tribunal constatou que a Comisión e os Estados membros tomaron medidas para fomentar o uso sostible de produtos fitosanitarios, pero obsérvanse progresos limitados na medición e na redución dos riscos asociados. A aplicación da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os agricultores, pero non é un requisito para recibir pagos no marco da política agrícola común e a súa observancia é deficiente. As estatísticas dispoñibles e os novos indicadores de risco non mostran o grao de éxito da política na consecución dun uso sostible de produtos fitosanitarios", asegura.

A Directiva de 2009 establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos, pero a súa aplicación retrasouse

O Tribunal formula recomendacións para verificar a xestión integrada de pragas nas explotacións, mellorar as estatísticas en materia de produtos fitosanitarios e desenvolver uns indicadores de risco mellores. "Os Estados membros teñen que incluír obxectivos mesurables e metas cuantitativas nos seus plans de acción nacionais para lograr os fins da Directiva", solicita.

A Directiva 2009/128/CE relativa ao uso sostible dos praguicidas establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos. Os Estados membros dispoñían dun prazo de dous anos para incorporar a Directiva á súa lexislación nacional pero esa trasposición atrasouse e os Estados que adoptaron a normativa fixérono de maneira laxa e inexacta, denuncia o Tribunal de Contas europeo. Francia, por exemplo, incorporou a Directiva ao seu ordenamento xurídico pero os requisitos da xestión integrada de pragas non se incorporaron á súa lexislación nacional. Algo similar ocorre en España.

A Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción, para aqueles Estados nos que o avance non resulta satisfactorio

Como moi tarde o 26 de novembro de 2012, os Estados membros tiñan que elaborar plans de acción nacionais que establecesen, entre outras cousas, os seus obxectivos cuantitativos, metas e prazos para reducir os riscos e as consecuencias da utilización de produtos fitosanitarios, aínda que só un terzo dos Estados presentáronos en prazo. Estes plans nacionais deben ser revisados cada cinco anos pero case tres cuartas partes dos países retrasáronse na súa revisión. A 31 de marzo de 2019, dos 27 Estados membros actuais, tan só 15 (Austria, Bélxica, Chequia, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia e Portugal) presentaran os seus plans de acción nacionais actualizados á Comisión Europea.

Os usuarios profesionais deberían estar a aplicar os principios da xestión integrada de pragas desde xaneiro de 2014

As normas da UE dispoñen que os usuarios de produtos fitosanitarios apliquen os principios xerais da xestión integrada de pragas e que os Estados membros tiñan a obriga de describir nos seus plans de acción nacionais como garantirían que todos os usuarios profesionais aplicasen os principios da xestión integrada de pragas en xaneiro de 2014 como moi tarde.

España sitúase nestes momentos lixeiramente por encima do 50% do nivel de cumprimento da Directiva 2009/128/CE sobre Uso Sostible de Praguicidas, aumentando 10 puntos os seus logros nos últimos dous anos, pero só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas e as Autoridades comunitarias advirten que se estudan sancións para aqueles Estados con escaso nivel de compromiso na redución de pesticidas.

Só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas que España

Desde 2016, a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva. Entre as iniciativas da Comisión figuran a avaliación dos plans de acción nacionais e a supervisión das accións dos Estados membros para poñer en práctica a Directiva. "Nos casos en que o avance non resulta satisfactorio, a Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción", advirte.

Un maior control e procedementos de infracción

No seu informe ao Parlamento Europeo de 2017 sobre a trasposición e aplicación da Directiva nos distintos Estados, a Comisión observou deficiencias na aplicación da xestión integrada de pragas nos plans de acción nacionais. Os plans centrábanse principalmente en actividades de formación e asesoramento, así como na sensibilización para aumentar a comprensión da xestión integrada de pragas pero non establecían requisitos específicos que traducisen os principios xerais da xestión integrada de pragas a accións que puidesen verificarse na práctica.

Diante do incumprimento xeralizado, desde 2016 a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva supervisando as accións dos Estados

A Iniciativa Cidadá Europea Prohibición do glifosato e protección das persoas e do medio ambiente fronte aos pesticidas tóxicos, presentada no ano 2017, instaba á Comisión Europea a establecer obxectivos obrigatorios de redución do uso de praguicidas. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU e a Estratexia Da granxa ao garfo presentada pola Comisión Europea o pasado 20 de maio insisten neste feito ao fixar o obxectivo de reducir ao 50% na próxima década o uso de herbicidas, funxicidas e insecticidas. "A sociedade está cada vez máis concienciada sobre a sustentabilidade da produción alimentaria, da que o uso sostible dos praguicidas constitúe un compoñente importante", afirma o Executivo comunitario no seu informe.

A Estratexia 'Da granxa ao garfo' pretende reducir á metade o uso de pesticidas en 2030

En 2018, a Comisión pasou de facer visitas informativas a efectuar auditorías de cumprimento e comezou a formular recomendacións e solicitar medidas correctoras aos Estados membros e puxo en marcha un portal web para o uso sostible dos produtos fitosanitarios, que contén información clave, plans de acción nacionais e ligazóns aos sitios web oficiais dos Estados membros.

Sen sancións polo de agora por mala praxe nos tratamentos

A Comisión Europea considera a xestión integrada de pragas como un dos alicerces da Directiva, e "a súa plena aplicación resulta necesaria para reducir a dependencia respecto do uso dos praguicidas", afirma. Pero durante as súas auditorías de 2018 e 2019 aos distintos Estados, a Comisión constatou a insuficiente aplicación da xestión integrada de pragas por parte de agricultores e gandeiros e a inexistencia de controis e inspeccións por parte das Administracións responsables para confirmar e avaliar o grao de cumprimento. "Os Estados membros teñen que definir as sancións por incumprimento das normas relativas aos produtos fitosanitarios pero só os Países Baixos as estableceron", indica o Tribunal de Contas.

Só os Países Baixos estableceron sancións polo incumprimento da xestión integrada de pragas

Nos Países Baixos, os inspectores comproban que os usuarios de produtos fitosanitarios documentasen as súas consideracións en relación coa xestión integrada de pragas pero aínda que as normas neerlandesas prevén a aplicación de sancións por non completar os rexistros, na práctica, di o informe, "non impuxeron ningunha en 2017, a pesar de constatar que o 20% dos usuarios inspeccionados non cumpriran as normas".

Poucos países máis comproban a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. En Francia, as inspeccións de produtos fitosanitarios examinan se os agricultores utilizan produtos fitosanitarios biolóxicos e métodos destinados a reducir o uso de produtos fitosanitarios químicos, pero non se definiron sancións por incumprimentos. Tampouco en países como España existe réxime sancionador específico xa que a aplicación da xestión integrada de pragas, na práctica, non está a ser obrigatoria para os agricultores.

Incentivos insuficientes

"A acción da UE achega escasos incentivos para a adopción da xestión integrada de pragas polos agricultores e aínda que a Comisión e os Estados fomentan a xestión integrada de pragas, a súa aplicación é insuficiente", afirma o Tribunal europeo de Luxemburgo. "A PAC contén instrumentos que poden apoiar o uso sostible dos produtos fitosanitarios polos agricultores pero a política agrícola común contribúe pouco a que se aplique a xestión integrada de pragas", sostén o Tribunal de Contas da UE.

Aínda que segundo a normativa comunitaria os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC

Ata o de agora os agricultores con máis de 15 hectáreas de terra cultivable que reciben pagos directos deben manter zonas de interese ecolóxico no 5% da súa superficie e, desde 2018, non poden utilizar produtos fitosanitarios nas devanditas zonas; existen programas específicos para o sector hortofrutícola e os Estados membros teñen que establecer sistemas de asesoramento agrario para aconsellar aos agricultores sobre a xestión integrada de pragas.

A maioría dos pagos da PAC están suxeitos a "condicionalidade", que é un mecanismo que vincula os pagos da política agrícola común (PAC) ao cumprimento polos agricultores dunha serie de normas básicas relativas ao medio ambiente, a seguridade alimentaria, a saúde animal e vexetal e o benestar animal, así como ao requisito de manter o chan agrícola en boas condicións agrarias e ambientais.

Prevese que a PAC post 2020 inclúa nos requisitos de condicionalidade que vinculan a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas

A condicionalidade no marco da PAC do período 2014-2020 esixe que os usuarios de produtos fitosanitarios cumpran as condicións establecidas nas etiquetas e teñan en conta as condicións locais, pero non incorpora no seu conxunto a Directiva que inclúe a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. "Outros requisitos de condicionalidade, como as faixas de protección e a protección das augas subterráneas, tamén son pertinentes para un uso sostible dos produtos fitosanitarios", bota de menos o Tribunal de Contas.

Prevese que na PAC post 2020 se estableza tamén como condicionalidade para a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas, apoiando a adquisición de maquinaria agrícola de precisión ou fomentando a agricultura ecolóxica. "A vinculación dos pagos da PAC ao cumprimento dos requisitos legais sobre praguicidas pode axudar a facer cumprir as normas", argumentan as Autoridades comunitarias.

A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas, afirma a Comisión

A proposta da Comisión para a PAC posterior a 2020 amplía o vínculo entre os pagos da PAC e os requisitos regulamentarios ("condicionalidade") relativos aos produtos fitosanitarios, e abarcaría en parte o uso sostible, pero non incorporaría os principios da xestión integrada de pragas. O novo requisito legal de xestión número 13 referiríase á Directiva de praguicidas e comprendería, en relación cos produtos fitosanitarios, o establecemento de sistemas de certificación, a inspección de equipos, as restricións de uso en zonas protexidas e a manipulación e almacenamento. A proposta de condición relativa ás boas condicións agrarias e ambientais (requisito número 8) esixiría a rotación de cultivos para conservar o potencial do chan e o mantemento das zonas de biodiversidade. O mantemento de pastos permanentes, a protección de turberas e humidais, as faixas de protección, a ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes, a xestión da labranza ou a ausencia de chan espido tamén poderían ser abordados na PAC e contribuirían a unha menor necesidade de praguicidas.

"A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas. A condicionalidade sensibilizará aos agricultores para que adopten estas prácticas a través do risco de redución dos pagos da PAC", argumenta a Comisión.

Países con maiores esixencias: o caso de Suíza

A condicionalidade proposta, do mesmo xeito que o mecanismo actual, non significa que os pagos da PAC se supediten ao cumprimento destas normas, aínda que os Estados membros impoñen sancións administrativas aos beneficiarios que non as cumpran. As sancións administrativas, na práctica, consisten en reducións, non superiores ao 5%, en caso de incumprimento por neglixencia. Os incumprimentos recorrentes poden dar lugar a sancións maiores e, se son intencionados, a redución podería chegar ao 20% ou máis.

A condicionalidade na UE non significa que os pagos da PAC dependan do cumprimento das normas básicas establecidas pero poden supoñer reducións nas axudas percibidas

Así, aínda que os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se contan como condición para acceder aos pagos da PAC. A pesar de que se fomentan as prácticas agrícolas máis sostibles, "hai poucas medidas que disuadan aos agricultores de utilizar produtos fitosanitarios estándar en lugar de recorrer a métodos non químicos ou alternativos", afirma o Tribunal de Contas.

En comparación, para recibir pagos directos en Suíza, os agricultores deben mostrar unha proba de rendemento ecolóxico, similar aos principios xerais da xestión integrada de pragas definidos na Directiva. No marco das súas inspeccións, as autoridades suízas verifican os requisitos relativos á protección do chan e ao fomento da biodiversidade, establecendo e rexistrando limiares de pragas, así como a elección apropiada dos produtos fitosanitarios e a xustificación do seu uso e, no caso dos agricultores con máis de tres hectáreas de terra cultivable, a rotación de cultivos.

[box style="0"]

Bruxelas acusa a España de carecer de ambición nos seus plans para a redución de plaguicidas

A Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para conseguir un uso sostible dos praguicidas (DUSP) pretende minimizar o impacto dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio ambiente mediante unha dependencia menor e un uso maior de praguicidas de baixo risco e non químicos.

Os principios xerais da Directiva inclúen o uso dos produtos fitosanitarios no cultivo pertinente, coa dose correcta e coa frecuencia correcta, no momento oportuno e tendo en conta as repercusións sobre o medio ambiente e sobre a resistencia. Os métodos sostibles biolóxicos, físicos e outros non químicos deberán preferirse aos métodos químicos, sempre que permitan un control satisfactorio das pragas.

Bruxelas afirma que se logrou reducir un 20% o risco dos pesticidas no conxunto da UE entre 2011 e 2017

A Comisión considera que a acción da UE propiciou unha redución do risco na utilización de produtos fitosanitarios. "Malia a un inicio lento, a Comisión realizou esforzos destacables para mellorar a aplicación da Directiva 2009/128/CE por parte dos Estados membros e desde a súa entrada en vigor experimentouse unha redución do risco para a saúde humana e o medio ambiente pola venda de produtos fitosanitarios na Unión Europea constatándose unha redución do 20% no primeiro indicador de risco harmonizado, nas cantidades de substancias activas presentes no mercado, entre 2011 e 2017", indica.

Asimesmo, destaca, "esta redución do risco tivo lugar mentres as cantidades de produtos fitosanitarios vendidos e utilizados seguiron sendo relativamente constantes, o que reflicte o cambio de perfil dos pesticidas vendidos e utilizados na Unión Europea", aínda que o Executivo comunitario considera que "aínda hai importantes posibilidades de seguir reducindo os riscos mediante unha mellor aplicación da Directiva e, en particular, un maior grao de adopción da xestión integrada de pragas, incluída unha adopción máis estendida das técnicas de control non químicas".

Obxectivos por países para a aplicación da Directiva

A Directiva baséase fundamentalmente nas medidas adoptadas en cada Estado membro, dadas as diferenzas existentes na agricultura en toda a Unión Europea. Esixe que os Estados membros adopten plans de acción nacionais (PAN) que definan os seus obxectivos cuantitativos, metas, medidas e calendarios.

O Plan de Acción Español, presentado en novembro de 2012 e vixente ata decembro de 2017, incluía 29 medidas e a súa revisión, en vigor ata decembro de 2022, un total de 31, entre as que se inclúen campañas de concienciación e sensibilización sobre os riscos dos pesticidas para a saúde e o medio ambiente, bases de datos sobre usuarios e comercialización de fitosanitarios, directrices para a aplicación da xestión integrada de pragas, promover a dispoñibilidade de produtos fitosanitarios de baixo risco, inspección de equipos utilizados para a aplicación de tratamentos, medir a presenza de residuos no solo e en augas subterráneas, establecer unha metodoloxía para avaliar a efectividade do conxunto de recomendacións e mellorar e estender o uso de alertas de protección de plantas.

Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco de praguicidas, Dinamarca un 40% e Francia e Luxemburgo un 50%

Case todos os obxectivos fixados por España son xenéricos e só catro países (Alemaña, Francia Dinamarca e Luxemburgo) estableceron medidas cuantificables concretas. Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco potencial para o medio ambiente para 2023, con respecto á referencia da media para 1996-2005. Dinamarca fixou como obxectivos unha redución do 40% no indicador da carga de praguicidas e unha redución do 40% na carga de substancias extremadamente preocupantes para 2025, con respecto a 2011. Por último, Francia estableceu como obxectivo unha redución do 25% no uso de produtos fitosanitarios para 2020, ademais dunha redución dun 50% no uso para 2025, con respecto a 2015 e Luxemburgo un descenso do 50% no ano 2030.

A maioría dos Estados non emendaron nos seus Plans de Acción Nacionais revisados as deficiencias que a Comisión identificou nos seus Plans iniciais, polo que a maioría das revisións resultan pouco ambiciosas e non definen obxectivos de alto nivel baseados en resultados co fin de reducir os riscos asociados dos pesticidas e a dependencia do seu uso. Ningún país identificou de forma explícita rexións prioritarias ou boas prácticas e só Francia controla as cantidades de substancias activas clasificadas como canceríxenas, mutaxénicas ou tóxicas para a reprodución que se venden cada ano.

España pretende desenvolver unha aplicación informática para permitir o rexistro electrónico das transaccións con PFS e que polo menos o 50% dos distribuidores usen este sistema en 2022

Tanto España como Bélxica definen obxectivos claros, pero todos son sectoriais e gardan relación coas medidas propostas, por exemplo o número de campañas informativas ao ano ou o número de granxas modelo que se deben establecer, en lugar de impactos cuantificables, como o número de usuarios profesionais que aplican a XIP. "A maioría dos Plans Nacionais carecen de ambición. Isto queda ilustrado nos casos de Chipre e tamén de España, un Estado que conta con case un millón de explotacións e que fixou o establecemento dun obxectivo de polo menos dúas explotacións modelo para promover a xestión integrada de pragas", repróchalle a Comisión Europea.

Detección e tratamento precoz

Un dos elementos fundamentais da normativa europea é a aplicación da xestión integrada de pragas (XIP) e a promoción de técnicas ou enfoques alternativos, que se presentan como claves con vistas a reducir a dependencia respecto dos praguicidas. As normas da UE definen dita xestión integrada de pragas como un conxunto de oito principios xerais destinados a utilizar outros métodos preventivos, naturais ou menos nocivos de control de pragas antes de recorrer a produtos fitosanitarios químicos.

Por exemplo, a supervisión das pragas e os sistemas de alerta rápida forman parte da xestión integrada de pragas, xa que a previsión, advertencia e diagnóstico rápido de pragas e enfermidades axudan aos agricultores a aplicar medidas de control preventivas e máis centradas.

Sempre que sexa posible, debe concederse prioridade aos métodos non químicos

Os oito principios xerais da xestión integrada de pragas detállanse no anexo III da Directiva; con todo, na normativa comunitaria non se define como se deben aplicar estes principios na práctica, polo que a súa concreción é competencia dos Estados membros. De acordo co principio de subsidiariedade, estes criterios deben determinarse a escala nacional ou mesmo subnacional, dada a diversidade da agricultura entre os Estados membros e dentro deles, en termos de clima, colleitas cultivadas e técnicas de produción. Con todo, os Estados non converteron os principios xerais da xestión integrada de pragas en criterios normativos e avaliables que deban aplicar os usuarios.

A Directiva indica que a xestión integrada de pragas "promove os mecanismos naturais de control de pragas", e os principios da xestión integrada de pragas indican que deben preferirse os métodos biolóxicos ou físicos (mecánicos) aos químicos, pero os avances nese campo víronse afectados pola lentitude na súa posta en marcha.

Porque aínda que a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, os controis sobre o seu cumprimento son escasos e non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC, aínda que a Política Agrícola Común actual e futura abarca varios instrumentos que apoian a aplicación da XIP por parte dos agricultores.

Falta de alternativas técnica e economicamente viables

Cada vez préstase maior atención aos métodos non químicos, e moitos Estados membros promoven conceptos como o biocontrol (Francia) e os biopraguicidas (Países Baixos), pero varios Estados membros informaron á UE de dificultades na verificación da xestión integrada de pragas e da falta de técnicas de control non químicas eficaces e financeiramente viables, que constitúen un obstáculo para a posta en práctica da xestión integrada de pragas.

As actividades de investigación e innovación son importantes para garantir que se dispoña de métodos alternativos de xestión de pragas e de produtos fitosanitarios de baixo risco para aplicar a devandita xestión. Horizonte Europa, o programa de investigación da UE, contén convocatorias de proxectos relacionados con estratexias, ferramentas e tecnoloxías para a xestión sostible das malas herbas, alternativas ao uso de produtos fitosanitarios e para a xestión integrada de pragas.

As normas da UE prevén un calendario acelerado para a autorización de produtos fitosanitarios de baixo risco

Aínda que a maioría dos produtos fitosanitarios de baixo risco conteñen microorganismos, moitos produtos fitosanitarios ecolóxicos non están categorizados como de baixo risco. Por exemplo, en Francia en xuño de 2019, 481 produtos fitosanitarios estaban autorizados como de control biolóxico e 23 como de baixo risco. Unha explicación é que moitos produtos fitosanitarios de control biolóxico conteñen substancias activas aprobadas antes da introdución do concepto de baixo risco na lexislación da UE (o concepto de baixo risco introduciuse co Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, e a primeira aprobación dunha substancia activa como de baixo risco realizouse en 2015), pero o proceso de aprobación tamén mostra que non todas as substancias activas non químicas cumpren os criterios de baixo risco.

En setembro de 2019, había 487 substancias activas aprobadas para a súa utilización en produtos fitosanitarios na UE, pero só 16 (3%) delas estaban aprobadas como de baixo risco. E non todos os produtos fitosanitarios baseados nas 16 substancias activas declaradas de baixo risco están autorizados como de baixo risco, xa que á parte das substancias activas, os produtos fitosanitarios conteñen outros ingredientes coñecidos como "coformulantes".

Na última década duplicáronse as substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, pasando de 60 a 120

Aínda que recoñece que que "é necesario ampliar a gama de substancias activas non químicas, de baixo risco e básicas aprobadas para aumentar as opcións de control de pragas de que dispoñen os agricultores para reducir a súa dependencia das substancias activas máis perigosas", a Comisión destaca que "existe unha tendencia constante á alza no número de substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, desde menos de 60 en 2009 ata case 120 en 2019".

Medición das consecuencias no medio ambiente

"Obsérvase un declive significativo da biodiversidade nos ecosistemas agrícolas, segundo se reflicte nunha caída das aves dos hábitats agrícolas e nas perdas de poboacións de insectos nalgunhas partes da Unión Europea. Entre outros factores, o uso dos praguicidas identificouse como unha causa importante desta evolución", asegura a Comisión Europea.

A normativa da UE ten a finalidade de "conseguir un uso sostible dos praguicidas mediante a redución dos riscos e os efectos na saúde humana e no medio ambiente"

A supervisión ambiental a posteriori é necesaria para confirmar que non se produzan efectos ou riscos inaceptables para o medio ambiente derivados do uso de produtos fitosanitarios. O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase principalmente na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans.

Os distintos Estados analizan a presenza de produtos fitosanitarios nas augas, aínda que non se dispón de datos a escala europea sobre a utilización de pesticidas. Para as augas superficiais, a UE define as substancias que os Estados membros deben controlar pero algúns países fan análíticas máis exhaustivas. Por exemplo, os Países Baixos dispoñen dun amplo sistema de control das augas e complementan a supervisión das substancias definidas na UE con outras 16 substancias activas consideradas problemáticas nas súas augas superficiais (12 das cales están actualmente aprobadas para o seu uso en produtos fitosanitarios na UE). Con todo, as normas da UE non definen substancias activas que deben controlarse no chan.

O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase na presenza de residuos na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans

En febreiro de 2019 o Parlamento Europeo adoptou unha resolución non lexislativa sobre a aplicación da Directiva 2009/128/CE de Uso Sostible de Praguicidas na que lamenta que o nivel xeral de aplicación por parte dos Estados membros resulte insuficiente para reducir os riscos derivados do uso dos praguicidas e a dependencia deles e insta á Comisión e aos Estados membros a adoptar unha serie de medidas destinadas a mellorar a aplicación da Directiva, entre elas o establecemento de directrices para avaliar a aplicación da xestión integrada de pragas e o desenvolvemento de alternativas de baixo risco aos praguicidas así como a promoción dunha agricultura de precisión e dixital como medida para reducir o risco que entrañan.

Medir o risco dos tratamentos é complexo, xa que os riscos que provocan estes produtos varían en función de varios factores, en particular das substancias activas da súa composición, pero tamén da súa dosificación (a cantidade e frecuencia por hectárea) e de onde, cando e como os apliquen os usuarios na práctica. "Os indicadores de risco a escala europea teñen que harmonizarse para permitir a comparación entre Estados membros e unha avaliación significativa da política da UE", avanzan en Bruxelas.

Até 2019 a Comisión non comezou a medir a escala europea os riscos de utilizar produtos fitosanitarios

A finais de 2018 a Comisión estableceu dous indicadores de risco harmonizados que entraron en vigor en xuño de 2019 e en novembro publicou na súa páxina web os cálculos retrospectivos dos indicadores de risco de 2011. Isto significa que a primeira estimación da Comisión dos riscos da utilización de produtos fitosanitarios a escala da UE chegou dez anos despois da aprobación da Directiva.

[/box]

Más información: 

Etiquetado
Ir a la portada