Dende o pasado 3 de abril está prohibido en toda a Unión Europea o uso de Mesurol, un produto rexistrado como insecticida nalgúns países e como repelente de aves noutros, e que tiña un efecto moi eficaz contra os corvos, polo seu alto efecto vomitivo, pero que tamén resultaba eficaz para evitar os ataque dos xabaríns.
A Comisión Europea decidiu o 25 de setembro do ano pasado non renovar a autorización para o emprego do metiocarb, a materia activa do Mesurol, ao detectar un alto risco tanto para a saúde dos aplicadores como para a das aves, as miñocas e mamíferos como os ratos ou as toupas.
Ademais, deu de prazo aos Estados membros para retirar todas as autorizacións dos produtos fitosanitarios que conteñan esta materia activa ata o pasado 3 de xaneiro, podendo empregar os stocks como moito ata o día 3 deste mes, co que se deixa fóra a sementeira do millo. De non cumprir con esta prohibición, o agricultor exporíase a unha multa medioambiental e a perder as axudas da PAC, polo uso de substancias prohibidas.
Ábrese por tanto un período de incerteza sobre que produtos empregar como repelentes para previr os ataques da fauna salvaxe na sementeira, e sobre a eficacia que terán, xa que faltan ensaios suficientes.
No caso dos córvidos, as perdas que poden ocasionar no millo durante as primeiras semanas son cuantiosas. Os síntomas típicos dun ataque dos corvos durante a nascencia son un burato no fondo do cal permanece a epiderme da semente de millo e ao seu carón a planta desarraigada e seca. Os ataques poden producirse tanto antes da emerxencia, como con plántulas de 2-3 follas e mesmo en estadio de 3-4 follas. As parcelas con máis risco son aquelas con árbores nos bordes e non existen solucións culturais definitivas, máis alá de aumentar a profundidade de sementeira en 1 ou 2 centímetros, aínda que tendo en conta que prexudicaríamos a nascencia do millo con profundidades de máis de 6 centímetros.
Os produtos alternativos cos que están a traballar este ano as comerciais de sementes son tres: Korit, Redigo e Force. Consultamos a continuación a catro delas para coñecer como afrontan este ano o reto de protexer as sementes do millo fronte aos ataques da fauna salvaxe.
DEKALB: “Decidimos non empregar Korit como repelente para protexer a saúde do agricultor”
Desde DEKALB informan de que empregan o funxicida Redigo, que tamén ten efecto repelente, nas súas sementes de millo nesta campaña como alternativa ao Mesurol para protexelas dos ataques dos corvos. Combínano con ACCELERON, un tratamento que favorece o rápido desenvolvemento e enraizamento da planta, para acurtar o período crítico de ataques de córvidos no estadio de plántula.
“Decidimos non empregar Korit porque basicamente ten efectos nocivos sobre a saúde humana (en concreto sobre o sistema endocrino) e animal e porque o seu efecto contra paxaros está entre Thiram e Mesurol, nunca aproximándose aos resultados de Mesurol”, explican.
En concreto, lembran que a sustancia activa do Korit é Ziram. É un análogo de Thiram pero que foi prohibido pola UE en 2018 polas seguintes razóns :
1. Alto risco para os consumidores e os traballadores
2. Alto risco para aves e mamíferos
3. Posible formación de N-nitrosodimetilamina (NDMA) na auga potable, unha sustancia preocupante dado o seu perigo intrínseco para animais e persoal
4. Alto risco para os organismos acuáticos pola exposición a DMCS
5. A sustancia activa foi clasificada de alto potencial disruptor do sistema endocrino.
Ademais, lembran que Korit está clasificada como H330 (letal por inhalación) e H373 (risco de efectos severos en órganos cunha repetida exposición)
En canto ao motivo polo que non empregaron Force -un insecticida fronte a verme do arame ou verme branco-, recoñecen que “está rexistrado -como repelente- na etiqueta, pero os efectos non temos nada que o corrobore ou o afirme..”.
Respecto ao xabaril, desde DEKALB recoñecen que “non hai ningún produto rexistrado que funciona realmente”. “Si é certo que os tratamentos da semente o repele algo, pero se non ten semente sen tratar vai comer a tratada igualmente”, advirten.
Como alternativa destacan o uso de cebadoiros: darlles aos xabaríns millo no monte tanto na época de sementeira como na de ensilado para que así non baixen a comer ás leiras de millo.
LIMAGRAIN: “Estamos a utilizar KORIT, pero prevemos que se vai prohibir”
En Limagrain Iberica defenden que o único produto autorizado como repelente de paxaros autorizado neste momento é o KORIT. “A súa materia activa é Ziram, un produto da familia dos carbomatos do mesmo xeito que o era o Mesurol, polo que o seu efecto repelente para paxaros ten un efecto similar xa para esta campaña o seu uso é legal e sen restricións”, engaden.
Porén, por ser da mesma familia que o metiocarb, a materia activa do MESUROL, augúrase que o seu futuro de rexistro de KORIT na Unión Europea será limitado e pode acabar prohibíndose nun par de anos.
Para esta campaña LG si que ten variedades tratadas con Korit en diferentes ciclos para asegurar ao agricultor /gandeiro poder sementar millo naquelas zonas con forte ataque de paxaros.
“Ademais, pola nosa banda como sabemos que o futuro do Korit será limitado no tempo, estamos implantado outras estratexias con diferentes produtos para poder axudar ao agricultor agora e no futuro. Así, estamos usando Force, que é un produto autorizado como insecticida para o tratamento de sementes de millo, ( principalmente vermes do chan: arame, verme branco..), aínda que non está rexistrado como insecticida. Sen embargo, en diferentes ensaios realizados ao longo de Europa viuse que ten un efecto repelente contra paxaros (nos ensaios estímase entre un 60 e 70% de eficacia respecto de Mesurol). Ademais LG uniu a eficacia de Force coas súas Bioestimulantes STARCOVER; así o millo ao levar bioestimulantes aceleramos o seu nascencia, co que é menor o período que está con menos de 4-5 follas, fase durante a cal se producen máis do 95 % dos ataques de paxaros”, informan desde LIMAGRAIN.
Ademais dos métodos con produtos químicos como o Korit ou o Force, Limagrain está a traballar en buscar outras solucións con métodos biolóxicos e/ou outros cultivos “refuxio” que permitan no futuro loitar contra o ataque de paxaros e ao mesmo tempo ser o máis respectuosos posible co medio ambiente.
CORTEVA – PIONEER: “Os resultados con KORIT son moi positivos fronte a corvos”
CORTEVA – PIONNER é outra das casas comerciais que nos últimos anos trataban as súas sementes de millo con Mesurol, “cuns resultados magníficos” fronte aos corvos, recoñecen.
De cara a esta campaña e ás próximas en CORTEVA – PIONEER optaron por tratar as sementes de millo con Korit para protexelas dos córvidos. “É un produto que xa probamos hai un par de campañas, dando uns resultados moi positivos”, conclúen.
A nivel agronómico lembran que os factores que levan un maior ou menor risco de sufrir ataques de córvidos nunha parcela son:
KWS: “Empregamos Korit porque a repelencia é moi similar á do Mesurol”
Debido á prohibición do Mesurol, en KWS están a traballar esta campaña co produto Korit 420 FS (Ziram 420 g/l) a 0.6L/100 kg de sementes. “É o primeiro ano que o imos usar e pola información que temos a repelencia é moi similar á do Mesurol”, aseguran.
Recoñecen que “hai algúns produtos novos alternativos, pero aínda en etapa de desenvolvemento ou testaxe”.