Estes son os meles galegos premiados en Londres este ano

Os London Honey Awards recoñecen a seis meles pertencentes á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia coas distincións de Platino, Ouro e Prata, así como tres meles galegos envasados sen o selo da IXP

Imagen cortesía de Mel de GaliciaO mel de Galicia é todo un referente dentro e fóra de España como produto de calidade diferenciada. Isto cobra aínda máis sentido se nos achegamos aos resultados da última edición dos London Honey Awards, onde seis dos meles acollidos a esta indicación xeográfica protexida acadaban cadanseu galardón, así como outros tres meles galegos envasados sen o selo da IXP.

Internacionalmente, os London Honey Awards representan un dos certames máis importantes dentro do sector apícola. Anualmente, a través dunha cata a cegas levada a cabo por un selecto xurado experto en análise organoléptico dos meles, recoñécense os produtos de maior calidade a nivel mundial coas distincións de platino, ouro, prata e bronce.

Estes galardóns internacionais poñen en relevo que o mel galego é un produto que compite en calidade cos mellores meles a nivel mundial

Na edición 2021, o máximo galardón establecido co premio de platino recaía en Meles JS, seguido de O Poder das Flores, Ouro Puro, O Trobo-Mel do Valadouro e Conde Santo cunha distinción de ouro cada un; mentres que Mel do Colmear O Salgueiral se facía coa prata.

“Todos estes galardóns lémbrannos que o Mel de Galicia con IXP é un produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial, sendo unha etiqueta garante de orixe e diferenciación, de coidado dos apicultores locais e dos consumidores, así como sinónimo de mantemento da biodiversidade”, destacan desde o Consello Regulador. 

Premio por partida dobre para Das Nosas Abellas

Fóra da IXP tamén foron recoñecidos tres meles: unha prata para o multifloral Berce, colleitado en Vedra (A Coruña) e Forcarei (Pontevedra) por José e Rubén González (Vedra); e dous ouros elaborados para Das Nosas Abellas, en concreto para un multifloral colleitado na zona de Ferrol e un monofloral de castiñeiro procedente da comarca de Quiroga.

Das Nosas Abellas é un proxecto duns apicultores de Ferrol que producen mel de forma artesá nas provincias da Coruña e Lugo. En concreto, no certame dos London Honey Awards deste ano e no que participaron meles de todo o mundo, foron premiados por partida dobre con senllos ouros para o seu mel de castiñeiro e para o seu mel multifloral con predominancia de eucalipto e silveira.

Fóra da IXP, Das Nosas Abellas recibiu dous ouros polo seu mel monofloral de castiñeiro e o multifloral de costa

Estes nomeamentos chegados desde Londres veñen ratificar os premios que xa se outorgaran durante as últimas Catas dos Meles de Galicia 2020, onde catro dos meles distinguidos na capital británica xa foran premiados previamente na cata dos meles que organiza a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Consello Regulador da IXP Mel de Galicia.

Na última edición das Catas dos Meles, as marcas O Poder das Flores e o mel de breixo de Ouro Puro alzábanse coas distincións de ouro nas categorías de mel multifloral e mel monofloral respectivamente, mentres que O Trobo Mel do Valadouro obtiña daquela o bronce na categoría multifloral, e Meles JS a prata na monofloral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información