O val formado polo río Ouro, que comparten os concellos veciños de Alfoz e O Valadouro, na comarca da Mariña, é un dos lugares con máis tradición apícola de Galicia e a feira do mel que xunta aos produtores da zona en Ferreira cada outono desde fai 33 anos é unha das máis antigas de cantas se celebran na comunidade.
A produción de mel ten moito arraigo neste val e quizais o culpable fose un mestre, Jesús Rodríguez, que na década dos 40 do século pasado trasmitíu aos seus alumnos a súa paixón polas abellas e as técnicas modernas de produción que comezaban a chegar de Europa.
O mestre Jesús Rodríguez, natural de Monforte de Lemos, era discípulo de Benigno Ledo, o cura das abellas, e deu clase en Budián
A súa mecha prendeu naqueles nenos e hoxe os seus fillos e netos manteñen aceso aquel facho, que nunca chegou a extinguirse. Entre as novas incorporacións de mozos e mozas á apicultura que se produciron nos últimos anos hai moitos aos que a afección lles vén por tradición familiar e outros que se deixaron contaxiar.
Eucalipto, breixo, silva e froiteiras
Nestas terras fértiles de clima suave prodúcese un mel recoñecido e prestixiado polos consumidores e que vén de alzarse con tres dos premios na cata dos mellores meles de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida: o ouro na categoría multifloral, que foi para O Poder das Flores gardado nun bote por Javier Carreiras; o premio homólogo na categoría monofloral de breixo, que foi para Iván Marrube e o seu Ouro Puro; e o bronce multifloral dos Trobos, de Marifé Sixto.
A velutina minguou as producións nos últimos anos e aumentou a mortandade, malia aos esforzos conxuntos por combater a praga
Tres veciños (porque as abellas non entenden de límites administrativos) que comparten inquedanzas e tamén preocupacións, como a da velutina, unha praga moi presente na comarca da Mariña e contra a que os apicultores levan anos loitando e combatendo sen descanso para minimizar as baixas e limitar os seus efectos sobre a produción.
As abellas de Javier, Iván e Marifé comparten tamén a rica e variada flora existente na zona, con predominancia de especies como o eucalipto, o breixo, a silva ou as maceiras que un bo número de veciños, integrados na asociación de froiticultores Afruval, teñen tamén plantadas nesta zona. O da loita contra a velutina tamén é unha guerra súa, compartida desde fai anos desde o Concello do Valadouro.
Savia nova con ideas comerciais
A sona do mel do Valadouro axuda a vender a produción, mais novas ferramentas como as redes sociais son un bo escaparate onde mostrarse que os apicultores da zona, moitos deles mozos e mozas, saben aproveitar.
Pero malia ao nivel de mellora técnica que están a acadar moitos dos produtores de Alfoz e O Valadouro nos últimos anos, as abellas seguen sendo en todos os casos una afección ou un complemento, posto que non hai apicultores a día de hoxe en ningún destes dous concellos que deran o paso definitivo a vivir exclusivamente das abellas.
“Seguimos facendo a mesma apicultura tradicional de sempre pero tecnificada”
Unha desas novas incorporacións, e tamén dos que máis medrou nos últimos anos foi Javier Carreira que, xunto ao seu irmán Fran, manteñen unha explotación de máis dun cento de colmeas divididas entre Alfoz e A Pontenova.
O pai de Javier e Fran, Miguel, tiña colmeas en Carballido e cando el faleceu “quedaron as colmeas na casa e seguiu con elas a nosa nai uns anos, pero diagnosticáronlle que era alérxica e desfixémonos delas”, conta Javier. Había 15 anos que fora isto, pero fai 3 e animados por Iván Marrube, de Ouro Puro, Javier e Fran volveron empezar coas abellas. “Comezamos axudándolle a el pero a apicultura é algo que te engancha”, asegura Javier.
A día de hoxe os dous irmáns teñen colmeas repartidas en 4 emprazamentos, tres en Alfoz e un na Pontenova. Dalí é a muller de Javier e levaron abellas á Fraga das Reigadas, un dos montes altánticos mellor conservados de Europa, situado en plena Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón. É nese entorno no que O Poder das Flores, o nome co que envasan a produción, obtén o seu mel monofloral de castiñeiro.
Contan en total con entre 120 e 140 colmeas e pensan facer núcleos esta primavera para seguir aumentando. “O número exacto saberémolo cando acabemos de facer a primeira revisión de comezos da primavera. Este ano foi un inverno duro, con temperaturas baixas e dous meses chovendo e iso influíu na mortandade, sobre todo naquelas colmeas que quedaron frouxas polos ataques da velutina”, explica.
Arpas por control remoto
Javier saca xa a relucir un dos problemas máis importantes ao que se enfrontan os novos apicultores en zonas próximas ao litoral. “Traballamos moito todo o ano en contra da velutina, sobre todo usamos o trampeo en primavera para reducir a formación de niños e as arpas eléctricas como defensa para os apiarios nos meses de máis ataques no verán”, indica.
Probamos moitas cousas, pero as arpas é o que nos salva. A produción de mel de breixo, que se produce no mes de agosto, depende diso
Javier ten formación en electrónica, algo que lles vale para construír eles mesmos as arpas que utilizan. “Levamos tres anos facéndoas nós cun deseño propio que fomos mellorando. Témoslles un control remoto para saber en todo momento que están funcionando e non nos dan moitos problemas. Probamos moitas cousas, pero as arpas é o que nos salva. A produción de mel de breixo, que se produce no mes de agosto, depende diso”, asegura.
Pero ademais da merma na produción que provocan os ataques das velutinas, “cando a incidencia é moi elevada a raíña deixa de poñer esas últimas postas de cría de outubro e novembro e as colmeas quedan moi debilitadas e morren porque non conseguen pasar o inverno”, explica.
Ser apicultor hoxe é un traballo constante porque os tratamentos e coidados hai que facelos no momento que tocan
Logo de moito pelexar contra a praga, “cada vez sabes controlala un pouco mellor pero increméntache o traballo”, asegura Javier, que afirma que “ser apicultor hoxe é un traballo constante porque os tratamentos e os coidados hai que facelos no momento que tocan e non poden agardar”, polo que non é doado compaxinalo con outro emprego, como é o seu caso.
Cría de raíñas seleccionadas
A presenza da vespa velutina é un dos cambios aos que se tiveron que adaptar os apicultores nos últimos anos, pero non o único. “O manexo que se facía antes na casa cando eu era pequeno non ten nada que ver co que se fai hoxe. A apicultura cambiou moitísimo. As floracións agora están tamén cambiadas, antes empezabas en abril ou maio a poñer as alzas e agora xa empezas en febreiro”, exemplifica Javier, que defende a necesaria formación e actualización constante para adaptarse aos cambios.
O que non queremos é dar pasos en falso, aumentando de golpe 50 colmeas e que igual despois vexamos que nos equivocamos na selección que fixemos
A idea destes dous irmáns é “seguir aumentando na medida que poidamos”, din. “Primeiro mercabamos as colmeas, agora xa criamos nós e o que queremos é ir pasiño a pasiño e que os pasos que vaiamos dando, aseguralos. O que non queremos é dar pasos en falso, aumentando de golpe 50 colmeas e que igual despois vexamos que nos equivocamos na selección que fixemos”, di.
Están traballando neste momento con tres liñas xenéticas distintas de Apis melífera. “Unha delas cría moi rápido e é moi boa para aproveitar as floracións temperás, outras enxamean máis”, detalla. Os aspectos que teñen en conta son fundamentalmente tres: “miramos a hixiene pola varroa, a mansedume e a produción, aínda que a produción sae soa se os dous aspectos anteriores se cumpren”, considera.
Miramos sobre todo a hixiene, pola varroa, a mansedume e a produción, aínda que a produción sae soa se os dous aspectos anteriores se cumpren
Javier e o seu irmán Fran cambian as raíñas cada 2 ou 3 anos como máximo. “Varía moito a produción e tes que estar menos pendente delas para evitar os enxamios”, indica. Malia todos estes cambios substanciais no manexo, Javier defende que o que eles fan “segue sendo a mesma apicultura tradicional de sempre pero tecnificada”.
Producen catro tipos de mel distinto, tres deles monoflorais (de breixo, castiñeiro e eucalipto) e un multifloral. Venden en tendas de distintas localidades da Mariña, como Burela, Foz, Ribadeo e Alfoz e O Valadouro e recoñecen que “a produción tralo premio quédaseche en nada para atender os pedidos que tes”.
“O perfil de xente que apadriña unha das nosas colmeas é o de persoas que viven na cidade”
Cando fai case 10 anos Iván Marrube decidiu ter abellas e bautizou o seu proxecto co nome de Ouro Puro, pensou non só na produción de mel senón no valor que leva aparellado para o medio ambiente e a biodiversidade. Por iso unha das iniciativas que puxo en marcha nestes anos foi a do apadriñamento de colmeas, que ten como contrapartida a entrega dunha cantidade anual de mel.
Esta idea novidosa é unha maneira tamén de atraer a unha parte da poboación que nunca tivo contacto coas abellas. “A maioría dos apadriñamentos son de persoas que viven nas cidades e non poden ter acceso a isto no seu entorno”, explica.
A miña idea é crear unha marca de produtos de calidade e diversificar con outros derivados
Non era o seu caso. “O meu avó Fidel tivo abellas toda a vida para ter mel para a casa”, explica Iván, pero a súa idea desde o comezo era ir máis alá: “quería crear unha marca de produtos de calidade, facer derivados do mel e diversificar”, di, e por iso apostou por buscar un nome comercial e un deseño atractivo para a súa marca.
“A IXP tiña que servir para valorizar máis o mel”
A comercialización, coma no caso de Javier e de Marifé, faina a nivel local en tendas da Mariña. Desde o principio Iván apostou pola calidade e por iso tamén decidiu inscribirse na Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. “Estando dentro da IXP está máis acreditada esa calidade desde o punto de vista comercial pero o selo debería servir tamén para darlle máis valor ao mel que ampara. Debérase cuantificar esa calidade demostrada no prezo de venda pero na realidade a IXP, por si soa, non serve para incrementar o valor do mel, ao final é o valor que cada apicultor sexa capaz de darlle ao seu produto”, considera.
As colmeas de Iván están no entorno do val do río Ouro, a maioría no concello de Alfoz e algunha no do Valadouro. Non é unha zona de montaña pero consegue un mel monofloral de breixo que foi galardonado como o mellor de Galicia no 2020. “Aquí hai moito breixo tamén no fondo do val, en concreto, o que gañou procedía do apiario que teño en Carballido”, explica.
Ese mel que levou o premio contaba na súa composición floral cun 46% de erica, un 10% de silva, e outro tanto de eucalipto e de castiñeiro. Por iso, di Iván, “é un mel con moitos matices porque aínda que cumpre os requisitos para ser considerado un mel monofloral de breixo, é tamén un mel multifloral en toda regra”, evidencia.
“Non se están tomando medidas reais de control contra a velutina”
A queiroga, igual que o eucalipto, son especies que producen moito volume de mel en anos nos que hai unha boa floración, algo que non aconteceu a última colleita no caso do eucalipto. Pero o que máis influíu, a xuízo de Iván, na escasa produción desta campaña foi a velutina.
“A produción está moi condicionada pola velutina e, aínda que haxa boas floracións, as colmeas producen menos polos ataques. O problema da velutina segue estando igual e non se están tomando medidas reais de control, o que se fai é poñer parches e cada apicultor facendo a loita pola súa conta. A Xunta é quen tiña que liderar isto. Pero a xente cánsase de chamar para que retiren os niños e nin iso se fai. Só se retiran os que supoñen un gran perigo para a xente, os que están preto das casas, pero a nivel de produción apícola fannos pouco caso e temos moi pouca axuda”, quéixase.
“Vexo que a xente a día de hoxe se volve a interesar pola apicultura e por unha alimentación máis sá”
Dos tres premiados Marifé é a que leva máis anos no sector. De feito, foi unha precursora na venda do mel con etiqueta IXP, igual que o seu tataravó Aquilino o fora das velas de cera branca que distinguían no seu tempo a igrexa de Ferreira pola Semana Santa. “Sempre estivemos na casa relacionados coas abellas porque esta familia era cereira e a cera sae das abellas”, relata.
Pero foi no ano 1999, coincidindo coa xubilación dos seus pais, cando Marifé se puxo á fronte das colmeas, aumentando o seu número e dando de alta a súa propia marca no rexistro de industrias agrarias para poder comercializar directamente a súa produción nas tendas dentro da IXP Mel de Galicia, que dende o 1988 distingue a este produto galego de calidade diferenciada.
Desde entón é unha habitual das catas anuais organizadas polo Consello Regulador, onde ten colleitado numerosos premios. O último, a medalla de bronce nos meles multiflorais o pasado decembro. Pero o que Marifé sempre lembrará con máis cariño é outro bronce, o do ano 2003. Nas paredes do seu Museo do Mel, que abriu para recuperar todo ese legado familiar, colga un recordo daquel momento, unha foto de Marifé recibindo a distinción de mans do daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga. Logo viñeron moitos outros pero aquel premio é especial para Marifé, quizais non polo personaxe, senón por ser o primeiro, como o deste ano o foi tamén para Javier e Iván.
Ademais de a particulares, O Trobo vendía o mel tamén en algúns hoteis da Mariña en envases pequenos para os almorzos
Desde a súa experiencia, Marifé atrévese a darlles un consello: “Chegar chégase doado, pero o difícil é manterse”. Mel O Trobo véndese sobre todo a particulares, por iso Marifé non notou tanto os efectos do coronavirus, pero tamén envasaba unha parte da súa produción en frasquiños pequenos destinados aos almorzos en algúns hoteis da Mariña, que hoxe están pechados.
“En abellas e ovellas nunca metas todo o que teñas”
O seu pai viu un nicho de mercado na produción de mel cando, ao chegar á idade de xubilación, pechou a pequena explotación gandeira e ela deu o paso con el, aínda que “non te animaban moito os veciños”, lembra. “Cando amañamos o local e metimos a maquinaria de extracción e envasado había quen te botaba para atrás dicindo que tiñamos boas gañas de facer ese gasto e de meternos en abellas”, conta.
As abellas de Marifé atópanse na parroquia de A Laxe, nunha zona de val rodeada de froiteiras, o mesmo emprazamento onde as tiña xa o seu pai
O seu pai era, sen embargo, dos que a animaban a facer unha explotación máis grande “pero eu nunca quixen pasar da miña miniexplotación”, di, que hoxe segue mantendo con só 50 colmeas. “As abellas antes non daban para vivir e había un dito que recomendaba: en abellas e ovellas nunca metas todo o que teñas“, explica Marifé. Por iso ela sempre o plantexou como “un extra”.
Polo Museo do Mel que abriu no 2015, e que neste momento está pechado por mor da pandemia do coronavirus, pasaban grupos de escolares de colexios da comarca e visitas ás que Marifé explicaba a historia da apicultura na zona e os cambios que se foron producindo. “Vexo que a xente a día de hoxe se volve a interesar pola apicultura e por unha alimentación máis sá”, asegura.
A teoría do “porque si” e do “porque sempre se fixo así”
Nas épocas de esmelgar ou de poñer as alzas sempre hai algúns amigos dispostos a botarlle unha man a Marifé pero hai outros traballos que fai ela soa. “Manipular o mel na casa si que o fago eu, para desapercular e extraer. Sacar 200 quilos de mel pode levarme día e medio. Hai moita xente que vai ao ximnasio. É máis divertido? Para min non”, razoa.
Eu fago o que aprendín do meu pai e o meu pai o que aprendeu dos seus tíos
“A xente pregúntame moitas veces que fago e como o fago para ter tantos premios e eu respondo que fago o que aprendín do meu pai e o meu pai o que aprendeu dos seus tíos. Eu aplico a teoría do porque si e do porque sempre se fixo así, aínda que houbo que adaptarse nalgunhas cousas como desde o ano 85 cos tratamentos para a varroa. Pero no resto, fago as cousas que se facían de vello. E se pos a unha persoa maior a facer unhas filloas non che pesa, fainas a ollo. Pois o mesmo eu co fume, por exemplo, eu non calculo se boto moito ou se boto pouco”, exemplifica.
A ubicación do colmear está tamén no mesmo sitio de sempre, conta, “así que terémoslle que botar a culpa do bo mel que hai no Valadouro a este val e ao tipo de chan, que saca boas flores, e tamén a que non temos contaminación”, di.
Na apicultura moderna desde 1936
Mel O Trobo é unha marca con historia e constitúe un dos referentes na zona e Marifé é a continuadora dunha familia con grande tradición apícola, que se reflicte no Museo que ela abriu. “Aquí nesta casa estamos na apicultura moderna desde a Guerra Civil”, conta. O vello extractor de zinc que fixeran dous irmáns de seu avó na fábrica de Chavín e que hoxe é unha das pezas da exposición, funcionou ata o 1999, cando o aceiro inoxidable imposto por Sanidade obrigou a xubilalo.
Un dos precursores dese sistema moderno de produción e responsable da súa chegada ao Valadouro foi Jesús Rodríguez, natural de Monforte de Lemos e discípulo de Benigno Ledo, o cura das abellas. Jesús era mestre na escola de Budián, e a súa muller, María Pardeiro, na parroquia do lado, A Laxe. Os sábados xuntaban aos alumnos e ensinábanlles as técnicas daquela apicultura que se abría paso e os segredos das colmeas. “Deses nenos, os máis novos teñen hoxe 75 anos”, relata Marifé. Un deles era o seu pai, Javierito de Aquilino, aínda que el partía con vantaxe porque xa tiña abellas na casa. O mesmo que Marifé, que asegura que “mentres poida coas alzas seguirei porque as abellas engánchante e é algo que me gusta”.