“Temos moitísima máis demanda ca produción, poderiamos vender o dobre de mel que temos”, afirma Iván Marrube, un dos integrantes de Ouro Puro, un proxecto nacido da afección pola apicultura de cinco amigos da Mariña e que, dado o éxito acadado, non descartan encamiñar cara a profesionalización.
Explotan o potencial do mel de eucalipto e fano a través de ideas novidosas, como a posibilidade de apadriñar unha colmea e desfrutar da súa produción. Sergio, Aris, María ou Valentina son algúns dos nomes que levan escritos por fóra as súas colmeas. Os rapaces de Ouro Puro cóidanas e os seus donos reciben durante tres anos 5 quilos de mel de cada unha das colleitas.
Desde o ano 2012 por cada novo padriño ou madriña instálase unha nova colmea identificada nalgún dos apiarios que teñen repartidos polos concellos de Alfoz e o Valadouro. A partir de entón é tratada de xeito individual e o seu dono ou dona pode visitar as súas abellas cando queira e participar nos seus coidados e nas labores apícolas habituais. O custo, 150 euros en total, recupérase no valor do mel que cada ano, trala esmelga, o padriño ou madriña recibe no seu domicilio.
“Dá máis traballo, porque hai que traballar a colmea de xeito diferenciado, pero é unha iniciativa dirixida a fomentar a apicultura como ferramenta fundamental para manter a biodiversidade na natureza e obter un dos alimentos máis saudables que existen”, explica Iván.
Colmeas apadriñadas desde distintos puntos de Europa
“Estamos moi contentos do resultado que está tendo o noso traballo. Facendo as cousas ben e con cariño a xente percíbeo e o boca a boca funciona e fai que o proxecto avance”, contan. Teñen unhas 80 colmeas apadriñadas neste momento por persoas de toda España e de distintos países europeos. “Temos colmeas apadriñadas por xente de Francia, de Bélxica e doutras zonas de Europa”, detallan.
O éxito de iniciativas novidosas coma esta fai que Ouro Puro non teña problemas á hora de dar saída ao seu mel. “Temos a produción vendida xa antes de producila e vémonos obrigados a dicir que non a moitos clientes, pero apostamos pola calidade, non por máis volume, e facemos todo de xeito artesanal”, indica Iván.
Con 300 colmeas neste momento, son xa unha das explotacións apícolas máis grandes da comarca
O que comezou como un hobbie é hoxe un proxecto que camiña con pés firmes cara a profesionalización. As 300 colmeas que atenden neste momento converten a este proxecto colectivo nunha das explotacións apícolas máis grandes da comarca da Mariña.
“O volume de colmeas que temos é pequeno aínda para vivir exclusivamente delas pero supón moito traballo á hora de atendelas porque o imos facendo nós no noso tempo libre, porque todos temos outros traballos. Por iso non descartamos profesionalizarnos sen tardar moito, ben sexa un de nós ou contratando a alguén, se seguimos medrando así, pero de momento imos dando pasos firmes pouco a pouco nese camiño e desenvolvendo o proxecto nós na medida do tempo que temos”, detalla Iván.
4.000 quilos de mel producidos este ano
Foi el quen no ano 2008 puxo a andar a idea. “Creo firmemente no potencial do produto que temos na terra e gústame apostar por estas iniciativas”, indica. Botou catro anos aprendendo e facendo probas até que no 2012 sacou á venda a primeira produción de mel. “O meu avó paterno, Fidel, sempre tivera algunha colmea na casa para consumo propio e cando empecei puxen todo a funcionar a base de falar con xente maior á que lle fun mercando as primeiras colmeas. Cos coñecementos desa xente e de xeito autodidacta fun empezando a traballar. Logo tanto eu como os meus compañeiros fomos a cursos de formación para perfeccionarnos, como por exemplo ao primeiro Curso Superior de Apicultura Comercial impartido en Galicia”, explica.
Hoxe son Iván ou Javier os que asesoran a outros apicultores, imparten cursos apícolas para persoas que desexan iniciarse na actividade e ofrecen outros servizos, como cría de raíñas ou creación de núcleos, uns servizos moi demandados debido á grande mortandade de abellas que hai na actualidade e o elevado nivel de desaparición de colmeas que se produce en moitas zonas do territorio. “Facemos raíñas a través da selección xenética para ir criando das colmeas boas. Non hai moita xente que faga cría de raíñas hoxe en día”, asegura Iván.
Ademais de mel, producen tamén propóleo e polen e ofrecen servizos de polinización dirixidos a agricultores e produtores de froita
Fai tres anos uníronse ao proxecto o seu irmán César e tres amigos máis: Diego Rodríguez e Fran e Javier Carreiras. Este último foi o encargado de recoller o pasado mes de decembro na última cata dos meles de Galicia un sexto premio por un mel monofloral de queiroga etiquetado por Ouro Puro baixo a marca O Poder das Flores dentro da IXP Mel de Galicia.
Os cinco integrantes de Ouro Puro produciron este ano, nunha colleita que foi boa nesta zona, uns 4.000 quilos de mel, que venden en pequenas tendas da zona e directamente ao consumidor baixo o réxime de produción primaria no que se atopan. Producen tamén propoleo e polen e mesmo ofrecen servizos de polinización para o sector agrario, desprazando unidades móbiles de polinización a onde demandan os seus clientes, sobre todo do sector froiteiro, para incrementar deste xeito a súa colleita.
“O mel de eucalipto ten un grande potencial e en Europa é moi demandado polas súas propiedades”
Ouro Puro ten as súas colmeas repartidas por distintas parroquias na zona do val formado polo río Ouro e que comparten os concellos de Alfoz, onde teñen abellas en Carballido, Lagoa e Bacoi, e do Valadouro, onde manteñen un colmear en Frexulfe. “Estamos nunha zona moi boa para a produción de mel, penso que ten moitísimo potencial apícola sobre todo a nivel de calidade”, considera Iván.
Buscan ubicacións o máis salvaxes posibles e apartadas de zonas habitadas e de cultivo agrícola, para alonxar as abellas de produtos químicos como os pesticidas. Aínda que están en parcelas de monte, a maioría dos seus apiarios están en zonas baixas do val, o que fai que o mel teña distintos matices e sexa máis rica en sabores que se estiveran en zonas altas, onde hai menos variedade de flores.
Iso fai que o mel resultante sexa na maior parte multifloral con predominio do eucalipto na primeira parte do ano e con braña, silva e castiñeiro na segunda parte da floración. “É un mel que gusta moito porque fai unha mestura moi boa”, asegura Iván, que considera que “o mercado non paga moito o valor engadido de separalo”. Eles fan algo de mel monofloral de eucalipto e tamén de érica pero a maior parte da súa produción é multifloral. “Deixamos de abastecer tendas en Santiago porque non tiñamos volume dabondo de mel monofloral de eucalipto”, lembra.
Iván defende o grande potencial que ao seu xuízo ten o mel de eucalipto. “Por toda Europa é un dos máis demandados porque non o hai, alí é case inexistente, e polas súas propiedades. O eucalipto é unha pranta desacreditada a nivel forestal por moita xente, pero en canto á produción de mel é das mellores especies e permite producións moi altas”, afirma.
A loita contra a velutina
Malia que a comarca da Mariña foi unha das zonas cero da presenza da vespa velutina en Galicia, lugares como o do Valadouro son un exemplo desde hai anos na loita contra esta praga grazas á colaboración de toda a poboación e á implicación do Concello, tanto nos trampeos primaverais como na retidada de niños no verán.
“Os pequenos produtores de autoconsumo que tiñan 10 colmeas como hobby están desaparecendo por unha cuestión de idade, porque en moitos casos son xente maior, e tamén pola vespa asiática”
“A loita contra a velutina supón un aumento de custos. No noso caso temos bastante controlados e minimizados os efectos da praga porque as medidas que adoptamos son efectivas e estannos dando bo resultado, pero o custo é moi alto. Nós facemos trampeo todo o ano e cando comezan os ataques temos instaladas arpas eléctricas bastante perfeccionadas en todos os apiarios, pero aínda así sempre hai baixas”, recoñecen.
Os apicultores máis profesionalizados aprenderon a defenderse da vespa asiática, pero a velutina levouse por diante a moitos outros produtores. “Os pequenos produtores de autoconsumo que tiñan 10 colmeas están desaparecendo, a velutina acabou definitivamente con esas persoas que tiñan abellas por hobby, eliminou moita competencia dese tipo e o prezo do mel artesán e de calidade está en alza e penso que vai seguir en aumento”, prevé Iván.