En só 10 anos converteuse nun dos maiores produtores de mel da comarca da Mariña e cos seus núcleos e raíñas está axudando a medrar a outros produtores. Adrián Del Campo, un rapaz que chegou a Lourenzá no ano 2015, é un exemplo do relevo xeracional que se está a producir no sector apícola galego.
El incorporouse no ano 2011 na súa Maceda natal xunto a un amigo seu. “Eu estaba acabando de estudar e as perspectivas laborais eran as que eran e Carlos, o meu amigo, estaba máis ou menos coma min. Comezamos con 5 colmeas por probar. Ese foi o noso primeiro contacto coas abellas. No 2013 xa mercamos unhas colmeas a un veciño e puxémonos con 40 ou 50. Logo saíron as axudas de incorporación e montamos cadansúa explotación con 250 colmeas cada un. Era o momento de arriscar”, asegura. Xa con cada un montado pola súa conta, Carlos e Adrián seguiron compartindo, iso si, o material de extracción, porque “é algo que se usa só 15 días”, di.
O seu primeiro contacto coas abellas tivo lugar no 2011 e en só 10 anos converteuse nun dos maiores produtores de mel da comarca da Mariña
Pero no 2015 Adrián trasladouse a Lourenzá, de onde é a súa parella, así que decidiu desdobrar a súa explotación e a día de hoxe conta cunhas 700 colmeas, a metade en Maceda e a outra metade en Lourenzá, o que o converte nun dos maiores produtores de mel da comarca da Mariña.
Manter as abellas en dúas ubicacións distantes 200 quilómetros multiplica o traballo e os desprazamentos, pero tamén permite obter produtos diferentes, cada un coas características propias do lugar. Deste xeito Conde Santo pode ofrecer un mel escuro de interior, o producido en Ourense, e un mel máis claro, o producido na Mariña.
Para profesionalizarse e vivir disto hai que diversificar
En Maceda Adrián mantén 5 colmeares situados entre os 600 e os 900 metros de altitude, onde predomina o breixo ou o castiñeiro, mentres que en Lourenzá conta con outros 4 colmeares con predominancia de eucaliptos e silveiras. Malia estar preto da costa, nas abellas que ten na Mariña tamén hai diferenzas de altitude, desde os 50 metros sobre o nivel do mar do colmear situado máis abaixo aos 500 metros do ubicado no alto.
Diferenzas de manexo e de matices
Ademais das diferenzas en canto aos matices e ás propiedades que as distintas floracións aportan ao mel, existen importantes diferenzas en canto ao manexo no interior e na costa, tanto á hora de realizar traballos como colocación de alzas ou reproducir colmeas, como á hora de aplicar tratamentos.
Tamén hai notables diferenzas en canto á loita contra un dos maiores inimigos actuais da apicultura: a vespa velutina. No interior de Ourense polo de agora a afección é moito menor que na Mariña, que foi a zona de entrada da praga e onde está moito máis extendida. “A velutina en Maceda non é aínda problemática. No 2020 case non houbo, pero no 2019 si que se retiraron bastantes niños, aínda que nada que ver coa costa. En Lourenzá si que causa problemas, sobre todo a partir de agosto, cando debemos preparar as colmenas para o inverno para que entren con boa poboacion. Eu vou esquivando como podo o problema con trampas enriba das colmeas e creo que é un método que me funciona máis ou menos ben porque non é o mesmo ter 10 colmeas que 80 , a presión tamén se reparte. As arpas a min non me convencen por como teño montados os apiarios e a miña forma de traballar e non as vexo cómodas tampouco para un número elevado de colmeas, porque é outra cousa da que estar pendente”, considera.
Para un numero elevado de colmeas non vexo cómodas as arpas eléctricas contra a velutina porque é outra cousa da que estar pendente
Outra diferenza entre Maceda e Lourenzá está tamén na súa consideración para as axudas da PAC, que son importantes sobre todo en anos de pouca produción para asegurar a rendibilidade económica das explotacións apícolas. O concello de Lourenzá non conta nin como lugar desfavorecido nin como espazo de montaña para as axudas agroambientais.
Diversificar coa cría de raíñas e a venda de enxamios
Nos últimos anos a produción de mel baixou e iso déixase notar tamén nos ingresos dos apicultores. “Até o 2016 eran colleitas aceptables e daba para pagar o investimento, pero nos últimos anos as colleitas foron malas e dan só para ir mantendo a explotación, sen moito beneficio”, recoñece.
A culpa é sempre do apicultor, pero o tempo é o que che marca o manexo
Adrián recoñece que a inestabilidade climática fai que a produción de mel se volva moi variable, aínda que non lle bota a culpa ao tempo. “A culpa é sempre do apicultor, pero o tempo é o que che marca o manexo”, asegura. No 2018 Adrián atopou na Administración un traballo máis estable que a produción de mel, polo que desde entón adícase ao pluriemprego, compatibilizando as dúas actividades.
Pero desde a súa experiencia até agora considera que “para profesionalizarse e vivir disto é necesario diversificar e gardar dos anos bos para os malos”. No seu caso está a apostar tanto pola cría de raíñas e a venda de enxamios como pola venda de mel. Este ano fará entre 300 e 400 núcleos tanto para repoñer baixas como para poder vender tamén algún.
Eu reviso durante todo o inverno por se hai mortandade e a finais de marzo comezo a facer os núcleos
Adrián forma parte da Agrupación Apícola de Galicia, que lle recomendan os tratamentos anuais contra a varroa. “O sistema de apicultura tradicional en Galicia era ter unhas colmeas para ter mel para a casa porque non daban traballo, pero agora xa non é así”, asegura. Unha vez aplicado o tratamento de outono, continúa revisando as colmeas durante todo o inverno para comprobar a súa efectividade. “Reviso en días bos ao mediodía por se hai mortandade e ver cando se pode empezar a facer os núcleos, porque co cambio e luz xa empezan a criar e a finais de marzo xa empezamos a facer os núcleos”, explica.
Os problemas do lume
Unha das consecuencias que tivo este ano de confinamento e de restricións de movemento por mor do coronavirus foron as dificultades para manter o plan de traballo anual nos apiarios. “Eu sempre andaba no coche dun lado para o outro, a cabalo entre Maceda e Lourenzá, para poder atender as abellas pero con isto vou menos porque non me poido quedar aló na casa dos meus pais e ir e volver no día xa son 6 horas soamente de coche”, explica. Por iso, as colmeas que ten máis preto da casa, en Lourenzá, están máis vixiadas e cun modo de produción máis intensivo.
No 2017 ardeume algunha colmea en Ourense e tiven que cambialas de sitio porque a zona quedou sen vexetación
O desbroce e limpeza dos colmeares é un deses traballos que é necesario facer. Adrián, que traballa no servizo de extinción de incendios da Xunta en Vilalba, coñece ben as consecuencias que os lumes provocan, non só a nivel forestal, senón tamén para os ecosistemas e os apicultores. Sufriuno nas súas propias carnes. “No 2017 ardeume algunha colmea co lume en Ourense e tiven que cambialas de sitio porque a zona quedou sen vexetación”, explica.
Aínda que neste caso non por culpa do lume, tamén na Mariña buscou novos emprazamentos onde ubicar apiarios a medida que ía aumentando o número de colmeas, unha tarefa que ás veces non resulta doada. “Pedín fincas do Banco de Terras en Lourenzá e tardáronme dous anos en dar razón. Facía falta algo máis de axilidade nesas cousas”, evidencia.
“Envasar e comercializar dá moito traballo, a maioría do mel aínda o vendo a granel”
Adrián leva 5 anos inscrito como produtor na Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e un como envasador, aínda que compaxina comercialización directa coa súa propia marca e a venda a granel. Aínda que de momento a maioría aínda o vende a granel, a súa aposta de futuro pasa por aumentar a distribución da súa marca, á que dá saída na pastelería Cabaleiros de Lourenzá e noutros pequenos comercios e tendas da zona.
Conde Santo ten un mel escuro de interior e un mel claro de costa
Co selo da IXP Conde Santo pretende acreditar a calidade do seu mel nas súas distintas variedades, tanto multifloral como monofloral. A floración do eucalipto, maioritaria na Mariña, fallou na última campaña pero, a cambio, houbo unha moi boa floración das silveiras entre o 15 de maio e o 15 de xuño, o que lle permitiu obter este ano un mel monofloral de silva.
O seu mel multifloral de montaña vén de lograr un recoñecemento na cata que cada ano organiza Mieladictos entre produtores de España e Portugal e onde o mel de Conde Santo colleitado en Maceda quedou en primeiro lugar xunto a outro produtor leonés na categoría de meles escuros.
Un mel milagreiro coma o personaxe do que colle o nome
O mel que Adrián colleita en Lourenzá non fai milagres pero case. É bo para os catarros ou para as dores de gorxa. Os seus beneficios para a saúde non son pequenos, pero nada comparable coa capacidade sanadora que a tradición popular lle outorga a Osorio Gutiérrez, de onde colle o seu nome.
Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, personaxe da nobreza galega do século X que loitou contra os musulmáns e despois de peregrinar a Terra Santa se fixo enterrar nun sarcófago de mármore gris con estríxilos, non sospeitaba que eses motivos que decoran o seu sepulcro, unha valiosa peza paleocristiá que se conserva nunha das capelas do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, se convertirían co paso dos séculos na imaxe do mel que se produce neste municipio.
O que non queira ter catarro no inverno pode recurrir ao mel Conde Santo, pero para cousas maiores, tipo resurreccións, din que rezando directamente a Osorio Gutiérrez
Adrián fixouse neses gravados e reproduciunos na etiqueta que levan os botes de mel que producen as súas abellas, un produto saudable e curativo, como milagreiro di a tradición popular que foi a vida de Osorio Gutiérrez. Teñen tamén outra cousa en común: detrás do mel que produce Adrián hai moita fe nun sector que está a vivir un relevo xeracional en Galicia nos últimos anos.