Este mércores comezarán a venderse as primeiras pezas da IXP Pan Galego

O produto estará dispoñible nos 44 puntos de venda das 14 panadarías xa inscritas na Indicación Xeográfica Protexida e irá envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo de Pan Galego, asegurando deste xeito a súa trazabilidade en todo momento

201007_Pan galego_03A Xunta anuncia que o vindeiro mércores 9 de marzo comezarán a venderse as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego nun total de 44 establecementos de 14 panadarías, repartidos por toda a comunidade. O acto central desta saída oficial ao mercado terá lugar ese mesmo día no muíño de Cuíña de Lalín, un dos inscritos nos rexistros da IXP, e poderá seguirse tamén por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

A xornada estará presidida polo director da Axencia, José Luis Cabarcos, que intervirá así mesmo nunha mesa redonda na que tamén participarán Miguel Calvo, da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal), Luís Urquijo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e Ángeles Romero, da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo final é poñer en valor a IXP que persegue protexer o pan de trigo elaborado de xeito tradicional en Galicia.

O acto oficial para comunicar o inicio das vendas terá lugar no muíño de Cuíña de Lalín e poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

As 14 panaderías inscritas que poderán comercializar o produto nun total de 44 puntos de venda dende o próximo 9 de marzo superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, distribuirán o produto envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa trazabilidade en todo momento.

Á venda en establecementos das catro provincias

En concreto, as panadarías autorizadas están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, localízanse en Vigo e nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.

Mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade

Con todo, cómpre engadir que na actualidade séguense a tramitar máis solicitudes recibidas para inscribirse no rexistro do Consello Regulador, polo que en breve aumentará o número de panadarías e puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Elaborado como mínimo cun 25% de trigo do país

PANADERIA MODESTO (Antas) fariña trigo do pais IXP Pan GalegoA calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea.

No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia  entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada tamén formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

Pode presentarse en 4 formatos diferentes: bolo, rosca, torta e barra

O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.

Permitirase para a venda o corte das pezas de máis de quilo e medio na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente

O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información