“Con colleitas por baixo de 1.200 quilos por hectárea, non compensa botar trigo”

O minifundio, o baixo rendemento dalgúns anos por mor da climatoloxía, os danos causados polo xabarín ou os problemas de humidade para o secado e conservación xogan en contra dun cultivo chamado a ter un papel importante nos vindeiros anos como consecuencia da aprobación da nova IXP Pan Galego, que está a animar a novos produtores

Publicidade
Finca plantada con trigo autóctono en Distriz (Vilalba)

Finca plantada con trigo autóctono en Distriz (Vilalba)

“Eu nacín e xa se plantaba trigo na casa”, afirma Miguel Calvo Bello, presidente de Procegal, a asociación de produtores de cereal galego creada fai tres anos na Terra Chá. A día de hoxe son 15 socios e sementaron este ano 65 hectáreas con trigo caaveiro e 20 con centeo. Falamos con eles de como traballan, de rendementos e prezos, de problemas como o do xabarín ou o do encamado e das perspectivas que abre a nova IXP Pan Galego.

“O meu avó paterno tivo malladora e limpiadoras, o meu pai comprou unha colleitadora no 1980 aproximadamente e despois en canto lle puiden axudar, que foi desde os 14 anos, eu andiven tamén neste mundo e chegamos a ter 4 máquinas”, engade Miguel.

Xunto a outros catro produtores a finais de 2016 constituíron unha asociación, que inicialmente se chamou Asprotech (Asociación de produtores da Terra Chá), pero que meses máis tarde a medida que se incorporaban produtores doutras comarcas, por decisión dos socios nunha asamblea pasou a chamarse Procegal (Produtores de cereal galego). “Vimos que había certa demanda de cereal autóctono e queriamos recuperar as variedades propias de Galicia porque ás veces a xente pensaba que botaba trigo do país porque levaba moitos anos botando esa mesma semente e resulta que non o era”, explican.

Dez toneladas de semente, case toda caaveiro

Na actualidade son 15 socios, a maioría de concellos da Terra Chá como Vilalba pero tamén de lugares como Rábade, Friol, Lugo ou Ferrol. Este ano sementaron entre todos en total 65 hectáreas coa variedade de trigo caaveiro e 20 de centeo nunha finca dun dos socios no monte comunal en Friol. “Chegamos a botar unhas 75 ou 80 hectáreas de trigo pero como tardaba moito a IXP e a colleita do 2018 foi moi mala, moitos produtores fóronse desanimando, aínda que agora coa inscrición definitiva no Rexistro da Unión Europea a xente está retomando a iluxión”, asegura Miguel, que recoñece que a recente aprobación da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego está a crear expectativas positivas no campo para recuperar a produción de trigo autóctono en Galicia.

Este ano os membros de Procegal mercaron uns 10.000 quilos de semente de trigo, case todos da variedade caaveiro. “Até agora estivemos experimentando coas dúas variedades certificadas, a callobre e a caaveiro, pero para os produtores resúltanos mellor a caaveiro porque con ela obtemos mellores rendementos e temos menos problemas de encamado”, explica. Por iso, das 10 toneladas de semente, 9.500 quilos foron caaveiro e o resto callobre.

O rendemento varía. Por exemplo, o 2018 foi pésimo e no 2019 houbo unha boa colleita. Normalmente é algo cíclico e vén un ano bo cada 5 ou 6 anos

A produción o ano pasado foi boa, cun total de 80-90 toneladas colleitadas entre tódolos agricultores de Procegal, pero non acostuma ser o habitual. “O rendemento varía moito e por exemplo o 2018 foi pésimo en canto a quilos por hectárea e tamén houbo menor demanda á hora de vender, sen embargo a do ano seguinte foi unha colleita moito mellor. Normalmente é algo cíclico e vén un ano bo cada 5 ou 6 anos”, asegura Miguel.

O socio que máis produtividade logrou sacou rendementos de 2.600 quilos por hectárea o ano pasado e o presidente de Procegal considera que “hai marxe de mellora aínda e o obxectivo sería chegar aos 3.000 quilos por hectárea”, di.

Gastos de entre 600 e 700 euros por hectárea

Problemas de encamado

Problemas de encamado

O trigo podería converterse nos vindeiros anos nunha alternativa para moitas fincas que hoxe están abandonadas e que, en moitos casos, xa tiveron trigo no pasado. “Noutro tempo sementábase moito trigo no monte, moita xente maior lembra iso. Este ano a nosa asociación montou un stand na Feira do Capón de Vilalba, celebrada o pasado mes de decembro, na que repartimos pan feito coa fariña que nós producimos. Tivo moi boa aceptación e moita xente achegábase a nós animándonos a seguir. A xente está cansa de ver as fincas abandonadas”, asegura Miguel.

El sementou este ano 5 hectáreas con trigo caaveiro e case todas eran fincas de monte. Pero a superficie que cultiva con cereal podería aumentar nos vindeiros anos. Os seus pais contan cunha explotación de 55 vacas de leite na parroquia de Belesar, en Vilalba, e xa está analizando que alternativas lle podería dar ás fincas a medio prazo cando se xubilen os meus pais.

Hai que ter un mínimo de maquinaria para abaratar os custos porque os rendementos son baixos

“Neste momento aínda resulta máis rendible alugar as fincas a explotacións de leite”, asegura. “Tendo a quen”, matiza, porque “en moitas das fincas nas que estamos botando cereal non hai moitas alternativas”, polo que afirma categórico que “de ter as fincas a monte a telas producindo cereal indiscutiblemente é mellor telas producindo porque a terra é para producir e non debería haber ningunha terra a bravo e se vas desbrozar unha finca todos os anos é mellor tela con trigo”, asegura.

Miguel calcula uns gastos de entre 600 e 700 euros por hectárea entre a preparación da terra (arado e un pase de grade de discos), a sementeira, o abonado, os distintos tratamentos fitosanitarios, a colleitadora (o custo está entre os 80 e os 90 euros por hora e unha hectárea leva algo máis dunha hora colleitala), o transporte e a limpeza do gran. No seu caso logra abaratar os custos porque conta con maquinaria para facer moitos dos traballos. O produtor asegura que “hai que ter un mínimo de maquinaria porque os rendementos son baixos e se pagas por todo ten que ser un ano moi bo para que compense”. O cálculo que fai ao prezo de venda actual é que “todo o que baixe de colleitas de 1.200 quilos por hectárea son perdas”.

Minifundio e danos provocados polo xabarín 

A aprobación da IXP xoga a favor da recuperación da plantación de trigo en Galicia; en contra, factores como o minifundio, os destrozos provocados pola fauna salvaxe ou o encamado por mor do mal tempo. “A dispersión e o pequeno tamaño das parcelas en Galicia é un factor que encarece os custos. No meu caso, non me compensa botar trigo en fincas de menos de tres ferrados (en Vilalba o ferrado equivale a 524 metros cadrados). A partir de media hectárea comezas a plantexarte traballala e dunha hectárea para diante empezas a sacarlle rendemento”, afirma Miguel.

A sementeira depende en boa medida de moitos factores climatolóxicos e os anos que se retrasa por mor do mal tempo os gastos encarécense: “se se bota en novembro non fai falla sulfatar contra os fungos, pero botándoo en xaneiro si”, indica.

As parcelas que están a monte son as mellores para botar cereal porque nelas o problema das malas herbas non se dá, pero ao mesmo tempo son tamén as máis atacadas polo xabarín

Son necesarios tratamentos tamén contra as malas herbas, aínda que o trigo autóctono, pola súa elevada altura, logra un bo asombramento e compite ben coas malas herbas. Sen embargo, esta característica do talle alto do trigo galego, que aporta unha vantaxe competitiva neste eido, supón ao mesmo tempo un problema noutro aspecto, xa que, sobre todo en condicións de mal tempo, prodúcese un maior encamado, reducíndose así moito a produtividade das parcelas.

Danos provocados polo xabarín nunha das fincas da asociación

Danos provocados polo xabarín nunha das fincas da asociación

Ademais de pola chuvia, o encamado é provocado moitas veces tamén polo xabarín. Os danos causados pola fauna salvaxe obrigan aos produtores a pechar as parcelas con fío de pastor eléctrico, o que encarece os custos de produción e desanima a moitos deles á hora de sementar trigo polo traballo engadido que supón o peche das fincas e o seu mantemento.

“As parcelas que están a monte son as mellores para botar cereal porque nelas o problema das malas herbas non se dá, pero ao mesmo tempo son tamén as máis atacadas polo xabarín pola proximidade aos lugares onde se agocha e pola ausencia doutros cultivos”, explica Miguel.

Para reducir a presenza de malas herbas a utilización de nabos é tamén unha boa solución. “O nabo é unha das mellores rotacións que hai no caso de parcelas que estaban a monte, porque é o mellor cultivo para facer terra vexetal e fixar nitróxeno, que é o que interesa á hora de botar o cereal”, indica o presidente de Procegal. No seu caso ten feito tamén rotación con outros cultivos con aproveitamento forraxeiro, como por exemplo un ano veza con cebada e outro ano veza con trigo.

Axeitada conservación para lograr un prezo de venda duns 55 céntimos por quilo

Foto de grupo dos membros de Procegal no stand que a asociación montou en decembro na Feira do Capón de Vilalba. Miguel aparece na marxen dereita, con chaqueta gris e xersei a raias.

Foto de grupo dos membros de Procegal no stand que a asociación montou en decembro na Feira do Capón de Vilalba. Miguel aparece na marxen dereita, con chaqueta gris e xersei a raias.

A demanda de fariña de trigo autóctono por parte das panadarías está a incrementarse e para poder acollérense á etiquetaxe da IXP deberán empregar como mínimo un 25% de variedades de trigo do país, polo que se prevé que a necesidade de trigo galego siga aumentando nos próximos anos.

Ese incremento da demanda está a notarse xa nos prezos. O quilo de trigo caaveiro págase neste momento a uns 55 céntimos e os produtores practicamente teñen a venda garantida. “A venda da colleita deste ano témola asegurada, pero o ano pasado atopámonos con problemas para darlle saída á produción e até o mes de outubro tivemos o trigo almacenado”, explica Miguel.

A venda deste ano témola asegurada pero o ano pasado atopámonos con problemas para darlle saída e até o mes de outubro tivemos o trigo almacenado

Este é precisamente un dos grandes problemas cos que se atopan os produtores de trigo do país. “Onde e como almacenar o gran é unha das graves eivas existentes. O segredo para unha boa conservación é facer unha recollida con baixa humidade, esa é a mellor garantía para que dure en bo estado”, asegura Miguel, pero ás veces as condicións climatolóxicas no momento da recollida non son as axeitadas e é preciso facer unha selección de impurezas e un secado previo ao sol antes da almacenaxe.

Nos estatutos da asociación xa estableceron que non admitirán trigo cun grao de humidade superior ao 16%. “A humidade é o tendón de Aquiles do trigo, ese é o segredo tanto para o produtor como para quen fai a moenda”, afirma. “Este ano o mes de agosto veu bastante húmido ao principio pero logo o tempo foi seco, o que permitiu recoller o cereal en boas condicións no momento da colleita”, explica.

Acordo para subministrar a panadarías de fóra de Galicia

Formato de almacenaxe do trigo desde a recollida até a moenda

Formato de almacenaxe do trigo desde a recollida até a moenda

Procegal almacena a produción dos seus socios en grandes sacas e vai moendo a medida que se producen os pedidos de fariña. Por iso, o feito de contar cun lugar axeitado onde gardar o gran é un aspecto fundamental para os produtores. “Falamos co Concello de Vilalba para habilitar un antigo equipamento educativo como almacén, aínda que se o mercado segue evolucionando deste xeito penso que ás empresas vailles interesar recoller o cereal no momento da colleita e gardalo nas súas propias instalacións”, considera.

No seu caso teñen un acordo cun muiñeiro de Carballo que conta con muíño de pedra reconvertido a eléctrico para poder facer moenda tradicional do gran pero ao mesmo tempo poder atender en tempo e forma os distintos pedidos tanto no verán como no inverno, sen depender do caudal de auga para poder moer, como acontece nos muíños movidos por auga.

A humidade é o tendón de Aquiles do trigo, ese é o segredo tanto para o produtor como para quen fai a moenda, por iso o momento óptimo de recollida e unhas boas condicións de almacenaxe son vitais

“Imos moendo según demanda, para que a fariña non pase tempo almacenada e subministramos tanto a panadarías de Galicia, dúas da Coruña e dúas de Lugo fundamentalmente, como a panadarías de fóra da comunidade, por exemplo unha de Extremadura e outra de Barcelona que fan pan artesán con sementes autóctonas de distintos puntos do Estado”, explica Miguel. Durante o tempo que teñen o trigo almacenado, Procegal fai unha analítica cada dous ou tres meses ao gran para garantir que o grao de humidade e o nivel de conservación son os axeitados.

Apoio do CIAM

Ademais de contar coa colaboración do Concello de Vilalba, que este ano lles axudou na compra da semente, Procegal ten tamén o apoio do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en aspectos como a selección de variedades ou o intento de reducir a altura da planta para diminuír as perdas por encamado e  incrementar así a produtividade das leiras.

“Reducir o tallaxe é directamente proporcional a reducir os custos, porque reducir a altura implica menos encamado e o encamado temperán merma moito os quilos obtidos. Se botas moito nitróxeno para ter boas producións o trigo medra moito e encama con máis facilidade, polo que para nós lograr reducir a altura da planta sen afectar á súa productividade e á calidade do gran é moi importante, pero é un proceso lento”, explica Miguel.

Toda a semente que utilizan os membros da asociación procede da semente base que subministra o CIAM. Trátase, polo tanto, de semente certificada, por ser o único xeito de garantir a procedencia e polo tanto tamén que a colleita final sexa trigo autóctono. Procegal leva despois un proceso de trazabilidade interna, con rexistro dos cultivos e dos distintos tratamentos que se efectúan nas fincas para garantir ao cliente final a orixe da fariña que comercializan.

Primeira reunión para pór en marcha a IXP Pan Galego

Agacal reunion Fegapan

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, reuniuse onte no Pazo de Quián con representantes da Federación Galega de Panaderías (Fegapan) co obxectivo de avanzar na redacción do regulamento e a constitución do consello regulador da recentemente aprobada IXP Pan Galego. Trátase da primeira xuntanza que mantén a Consellería do Medio Rural cos axentes implicados para pór en marcha a Indicación Xeográfica Protexida, que foi rexistrada polo Diario Oficial da Unión Europea o pasado 20 de decembro.

Fegapan, a agrupación que promoveu o recoñecemento da IXP Pan Galego, converteuse así na primeira entidade en analizar o borrador do regulamento que elaborou a Consellería. O director de Agacal e os representantes das panaderías tradicionais tamén examinaron a posible composición do consello regulador provisional no que, ademais dos panadeiros, deben estar presentes os produtores de trigo e os muíños de fariña.

Tras a reunión de onte, a Consellería do Medio Rural manterá contactos con outras asociacións de panadeiros, agricultores e produtores de fariña para poder pechar en breve un borrador da orde pola que se aprobará o regulamento da IXP Pan Galego e o seu consello regulador, así como o nomeamento dun consello provisional.

Unha vez se publique a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), procederase á apertura dos diferentes rexistros que englobarán os produtores de trigo, os muíños e as panaderías. O obxectivo é que neste mesmo ano 2020 se poida atopar no mercado produto identificado co logotipo da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información