“Esta edición vai ser o rexurdir da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá”

“Esta edición vai ser o rexurdir da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá”

José Ángel Santos, no centro, na presentación da feira

O vindeiro 20 de marzo volve, tralo parón obrigado pola pandemia do Covid19, a Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá, un evento xa consolidado como referencia nas citas gastronómicas galegas.

Falamos co alcalde de Friol, José Ángel Santos, para coñecer as novidades desta feira tradicional, que este ano chega á edición número 28.

Que importancia ten esta edición para o rexurdir da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá despois de dous anos de parón?
Esta edición é como comezar de cero despois de dous anos sen poder celebrar eventos deste tipo. Esta edición vai ser especial porque significa o rexurdir da feira, que tivemos que reinventar cun novo formato que cumpra os protocolos sanitarios para evitar calquera risco de contaxio. Desde o Concello facemos un esforzo moi grande para que todo saia ben no día máis importante de Friol.

Que medidas se teñen previstas para adaptar a feira aos novos tempos?
Dentro da carpa este ano cambia por completo o formato dos stands, pois serán postos independentes e separados para cada expositor. Perdemos a interacción e cercanía que sempre tivo a feira, pero gañamos distancia de seguridade entre os participantes. Tamén cambia o formato no exterior da carpa, cunha serie de stands independentes en diferentes zonas da praza.

 “Temos moi boa previsión de afluencia, pois a xente está desexando volver a esta feira tradicional”

Que previsións de participación se teñen para esta nova edición?
Temos unha previsión de participación similar á das últimas edicións: en torno a noventa queixeiras e as cinco panaderías de Ousá estarán presentes na feira expoñendo os seus produtos. Ademáis, haberá expositores fóra da carpa con ‘jaimas’ individualizadas expoñendo os diferentes produtos agroalimentarios do municipio.

En canto á previsión de afluencia de público estimamos que pode ser un ano récord nese sentido, dado que a xente está desexando volver celebrar esta festa, que é o evento máis importante de Friol. Se as condicións climatolóxicas nos acompañan, estimamos que pode ser un dos anos con maior afluencia de público, en torno a vinte ou vintecinco mil persoas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Que previsión de prezos tanto de queixo como de pan hai para este ano?
Os prezos máis ou menos continuarán nas cifras de edicións anteriores, aínda que é certo que pode haber unha pequena alza posto que o custe da materia prima para a alimentación do gando subiu moito e ten que repercutir inevitablemente no produto final no caso do queixo. O mesmo ocorre no caso da elaboración do pan, xa que os custes de produción tamén se dispararon neste último ano.

Estimamos que un queixo fresco dun quilo pode andar polos seis euros, oito euros o semicurado e un queixo curado en torno a dez euros. O prezo do quilo de pan estará entre 2,40 e 2,50 euros.

“Esperamos que en breve a feira sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego

Cal é o estado actual do Queixo de Friol e do Pan de Ousá no mercado?
A día de hoxe o queixo de Friol e o pan de Ousá son produtos xa consolidados no mercado, que camiñan sós, pero evidentemente a feira é unha grande potenciadora que repercute na súa difusión, co cal tamén axuda a promocionar o noso sector primario, que é moi importante para este municipio.

En que punto se atopan as xestións para que a feira sexa declarada como “Festa de Interese Turístico Galego”?
Cónstame que a ‘Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá’ está a punto de ser declarada Festa de Interese Turístico Galego. Os informes son todos favorables e só estamos á espera de que a Xunta de Galicia convoque a Comisión de Turismo para incorporala na orde do día e que se proceda á súa votación, un feito que esperamos que se poida dar nas vindeiras semanas. 

Descarga aquí o programa da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá

28 FEIRA FRIOL 2022 CARTEL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información