Dúas industrias lácteas anuncian subas nos prezos do leite para compensar o aumento dos custos de produción

Pascual proponlle ás granxas subir 1 céntimo no último cuadrimestre do ano, en tanto Naturleite anuncia unha suba de 2 céntimos de agosto a abril do ano que vén, segundo os datos que manexa Unións Agrarias. A organización valora o xesto, aínda que considérao insuficiente e chama ó conxunto de empresas a elevar os prezos que pagan no campo

Dúas industrias lácteas anuncian subas nos prezos do leite para compensar o aumento dos custos de produción

A suba de custos de produción que veñen experimentando as granxas nos último ano, sobre todo nos pensos e na electricidade, non tivera ata agora reflexo no prezo do leite. Nos contratos asinados no inverno, a maioría de industrias mantiveron prezos ou mesmo optaron por lixeiras baixadas, o que indignou ás granxas. Agora dúas industrias, Pascual e Naturleite, anunciáronlle as súas granxas proveedoras que elevarán os prezos para compensar a suba de custos, segundo os datos que manexa Unións Agrarias.

A organización agraria valora de xeito positivo a suba que anuncias as industrias, pero considera que é “claramente insuficiente”. No caso de Pascual, propúxolle ás granxas unha suba de 1 céntimo no último cuatrimestre do ano, en tanto que Naturleite, que opera para Mercadona a antiga planta de Celta en Meira, anuncioulle ós gandeiros unha suba de 2 céntimos de agosto a abril do ano que vén, segundo explica Unións.

As subas anunciadas por Pascual e Naturleite representan para a organización agraria un primeiro paso. Unións está en conversas co conxunto das industrias lácteas de Galicia e tamén tivo semanas atrás reunións coas cadeas de distribución, nun intento de lograr unha suba en cadea do leite desde o campo ata o consumidor final. A organización agraria espera que nas próximas semanas todas estas conversas se materialicen en acordos.

Reunións en Santa Comba e Ordes
Nos vindeiros días, Unións reunirase cos gandeiros das principais zonas produtoras de Galicia que forman parte da organización para falar da situación do sector e valorar os pasos dados e o camiño a seguir. Os primeiros encontros serán este venres ás 12 horas no Multiusos de Santa Comba; e ás 16:30 horas na Casa da Cultura de Ordes.

A organización fai un chamamento para que todas as administracións, así como as industrias lácteas e a distribución, se sumen a unha estratexia conxunta que permita garantir a rendabilidade do sector lácteo e conseguir un reparto de valor entre toda a cadea.

Agromuralla demanda subas para os contratos que se inician en agosto

A asociación Agromuralla emitiu tamén hoxe unha nota de prensa para demandar subas no prezo do leite por parte das industrias, sobre todo daquelas que teñen que asinar novos contratos en agosto. “Están a chegar propostas de contratos ás granxas que incumpren claramente a Lei da Cadea Alimentaria”, asegura Roberto López, que pon como exemplo os contratos que ofrece algunha industria cun prezo de 29,5 céntimos, que se sitúan por baixo dos custos de produción das ganderías.

O presidente de Agromuralla, Roberto López, critica o “pasotismo” tanto da Xunta como do Ministerio diante da situación das ganderías, que na actualidade, e cos prezos que pagan as industrias, “non cubren os custos de produción”: “Os gandeiros estamos perdendo cartos todos os meses, tirando de aforros para seguir adiante, pero se a situación non cambia moitas explotacións veranse obrigadas a pechar, despois de ter feito importantes investimentos nos últimos anos”, asegura. 

Por iso, urxe a que “dunha vez por todas” tanto a Xunta como o Ministerio “interveñan” para que o prezo que cobran os produtores sexa “xusto” e permita “vivir con dignidade no rural”. “Galicia non se pode permitir que cada día siga pechando unha explotación de leite”, asegura Roberto López, que teme que o ritmo de abandonos poida incrementarse de aquí a final de ano se a situación non cambia, “arrastrando consigo toda unha actividade económica complementaria, porque as ganderías de leite somos o motor do rural galego”, defende.

“Unha granxa con robot de muxido paga agora 200 euros máis ó mes de factura eléctrica, trala introdución dos treitos horarios” (Roberto López)

No último ano os custos das explotacións disparáronse como consecuencia do forte encarecemento dos pensos e outros insumos para alimentación do gando, que subiron máis dun 30%, segundo as estimacións de Agromuralla. Tamén se encareceron os abonos e os plásticos dos silos e a todo isto hai que sumar agora o encarecemento do recibo da luz, a raíz do cambio tarifario aplicado o pasado mes de xuño. A modo de exemplo, o presidente de Agromuralla indicou que unha granxa cun robot de muxido está a pagar agora 200 euros máis ao mes que antes da introdución dos tramos horarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información