Unha decena de colectivos agrarios, sociais e ecoloxistas remiten á Xunta unha petición urxente para levar a cabo accións que eviten a degradación nos espazos afectados polos lumes forestais destes últimos meses. A petición está dirixida ás consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural e foi asinada por Amigas das Árbores, Amigos da Terra, Adega, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Frouma, Asociación Montes da Galiza (Montegal), CIG, Fruga, ORGACCMM e o Sindicato Labrego Galego.
Os colectivos reclaman á Xunta que aprobe medidas urxentes, “tal e como recolle a lexislación na materia”, dotándoas do orzamento necesario para realizar os traballos imprescindibles que eviten a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal dos montes afectados, de xeito inmediato.
Sinalan que a perda de biodiversidade, os danos a fauna e flora e, especialmente, a afectación do solo, precisan plans de recuperación específicos a longo prazo, pero estes deben comezar nas horas inmediatas á extinción do lume mediante as tarefas de protección, restauración e rexeneración. Insisten na importancia de levar a cabo este traballos avalados tanto por informes internacionais como por lexislación que ampara e obriga a realizar actuacións para a recuperación dos espazos queimados.
Urxen á Xunta a que estableza unha planificación clara ó respecto e execute os traballos precisos. Afean tamén “a desidia da administración ano tras ano, quedando estas tarefas en mans do voluntariado que fai un esforzo inmenso, mais insuficiente, por atallar o problema”, indican.
Á par, continúa aberta a campaña iniciada tamén por estes colectivos, para esixir a dimisión do director xeral de defensa do monte, Tomás Fernández-Couto. A iniciativa xurdiu polo que consideran falta de actuación deste departamento ante a previsión de riscos de incendios nos días nos que se produciu a vaga de lumes na provincia de Ourense.