A xestión da loita contra a vespa velutina que se está facendo en Galicia foi un dos temas abordados na última Comisión 7ª de Agricultura do Parlamento Galego. A través dunha proposición non de lei, o BNG solicitou introducir cambios no actual plan de loita, dado o incremento da presenza da vespa asiática e dos danos que está a sufrir o sector apícola. Pese a contar tamén co apoio do PSOE, finalmente foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular, que reivindicou o plan de actuación levado a cabo pola Xunta.
“Nesta última campaña produciuse unha explosión do número de niños de velutina, que afectou de xeito directo á produción de mel, non só reducindo a cantidade de mel senón supoñendo un risco laboral, ademais de afectar a outros sectores de xeito directo como o vitícola ou o frutícola”, reivindicou a parlamentaria nacionalista Carmen Aira.
Dende o grupo nacionalista denunciaron que ante o incremento dos niños e dos consecuentes danos que isto trouxo para o sector, o orzamento destinado para combater esta praga resultou insuficiente. “Quedaron 14.000 niños notificados sen retirar, e dende o 30 de outubro non se procedeu á súa retirada. Houbo unha clara descoordinación entre Administracións”, recrimina Aira durante a súa intervención. Como informou a parlamentaria, só nos meses de setembro e outubro, algúns apicultores sufriron perdas de máis do 30% das súas colmeas.
Como xa fixo o sector apícola con mobilizacións e no congreso sobre velutina celebrado en Chantada no mes pasado, o BNG solicitou un incremento do orzamento e unha maior coordinación entre Administracións para mellorar a resposta fronte a praga. A proposición tamén contou co apoio do grupo socialista, que destaca as actuacións desenvolvidas en zonas limítrofes con Galicia como Asturias, onde están a conseguir reducir a presión da vespa asiática sobre os apiarios.
Balance de actuacións
Pola súa banda, dende a Xunta defenderon a xestión centralizada realizada contra a vespa velutina e apuntaron que ó longo do 2022 se retiraran 22.200 niños deste insecto, mentres que dende xaneiro a novembro deste ano o operativo da empresa Seaga desprazou efectivos en máis de 48.100 ocasións, nas que se retiraron máis de 29.000 niños activos. Por provincias, na Coruña retiraron 12.131 niños, en Lugo 4.547, en Ourense foron 3.706 e en Pontevedra 8.845 niños.
Tamén sinalaron que nos meses de verán se reforzou a contratación de efectivos, pasando de 42 a 85 empregados, así como a dotación de medios materiais.